Saltar ao contido

Carlos Padín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Padín
Información persoal
Nome Carlos Padín Busto
Nacemento 15 de outubro de 1974
Lugar de nacemento Catoira
Altura 1,75 m.
Posición Centrocampista
Información de club
Club actual Catoira
Número 10
Carreira xuvenil
Catoira
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1993–1995 Arousa 34+ (6)
1995–1996 Pontevedra 32 (8)
1996–1999 Fabril 0 (0)
1998 Deportivo da Coruña 72 (12)
1999–2000 Racing de Ferrol 42 (10)
2000–2001 Lleida 18 (0)
2001–2002 Logroñés 29 (6)
2002–2005 Pontevedra 86 (16)
2005–2007 Ourense 68 (11)
2007–2009 Arousa 53 (12)
2009–2010 Ordes 30 (8)
2010–2011 Pontevedra 28 (0)
2011–2013 Ordes 86 (8)
2013–2015 Boiro 68 (11)
2015–2017 Cordeiro 58 (14)
2017–2019 Flavia 63 (9)
2019– Catoira 49 (14)
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 7 de abril de 2023.
editar datos en Wikidata ]

Carlos Padín Busto, nado en Catoira o 15 de outubro de 1974, é un futbolista galego. Xoga de centrocampista no Catoira, da Segunda Galicia.

Nos seus preto de 30 anos de carreira, militou en máis dunha ducia de equipos de case tódalas categorías do fútbol español, dende a Terceira Autonómica ata a Primeira División, na que xogou dous partidos co Deportivo da Coruña. Foi capitán do Pontevedra, co que disputou 154 encontros, e co que ascendeu a Segunda División, logro que tamén obtivo co Racing de Ferrol.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Formouse como futbolista na canteira do Catoira SD, da súa vila natal, e na tempada 1993/94 fichou polo Arousa, co que debutou na Segunda División B. O equipo de Vilagarcía acabou descendendo, polo que na seguinte campaña militou na Terceira División, na que Padín marcou 15 goles.[1]

Pontevedra (1ª etapa)

[editar | editar a fonte]

Na tempada 1995/96 fichou polo Pontevedra, tamén de Segunda B, onde compartiu ataque con Pablo Couto e Pazolo, marcando 8 goles en 34 partidos, entre liga e Copa do Rei.

Fabril e Deportivo

[editar | editar a fonte]

En 1996 fichou xunto ao seu compañeiro Diego polo Deportivo da Coruña, para xogar inicialmente no seu filial en Segunda B.[2] Durante as seguintes tres campañas disputou un total de 72 partidos oficiais co Fabril, nos que marcou 12 goles, e xogou dúas promocións de ascenso a Segunda. En 1997 disputou co primeiro equipo a final da 52ª edición do Trofeo Teresa Herrera, fronte ao PSV, substituíndo a Luizão nos minutos finais.[3]

O 14 de febreiro de 1998, da man do adestrador José Manuel Corral, debutou na Primeira División, saíndo de titular nun encontro ante o Valladolid no estadio Nuevo Zorrilla, que rematou en derrota por 1-0.[4] Xogou tamén na seguinte xornada, unha vitoria por 3-0 diante do Athletic Club en Riazor, saltando ao campo na segunda parte como substituto do coruñés David.[5]

Racing de Ferrol

[editar | editar a fonte]

En 1999 quedou libre e asinou polo Racing de Ferrol, de Segunda B. Disputou 43 partidos na súa única tempada coa camiseta verde, contribuíndo con 10 goles ao ascenso a Segunda División. Especialmente destacado foi un dos dous goles que anotou na promoción de ascenso fronte ao Gandía, deixando a dous defensas rivais no chan antes de picar o balón por riba do gardameta cunha vaselina.[6]

Lleida e Logroñés

[editar | editar a fonte]

Na tempada 2000/01 xogou co Lleida na Segunda División, disputando un total de 19 encontros co club, que rematou a campaña descendendo. O seguinte ano pasouno no Logroñés, da Segunda B, equipo co que marcou 6 goles en 30 partidos.

Pontevedra (2ª etapa)

[editar | editar a fonte]

En 2002 regresou ao Pontevedra, tamén na categoría de bronce. Titular na maioría de partidos, marcou 12 goles na tempada 2002/03, sendo o segundo máximo goleador do equipo, só por detrás de Javi Rodríguez, e clasificouse para a promoción de ascenso, que disputou sen éxito. Na seguinte campaña o equipo de José Aurelio Gay proclamouse campión do Grupo I e máis tarde clasificouse tamén primeiro no seu grupo da promoción de ascenso, regresando así á categoría de prata despois de case tres décadas. Na tempada 2004/05 Padín capitaneou o equipo na Segunda División, na que non se puido manter, certificándose o seu descenso na penúltima xornada. Padín disputou un total de 15 partidos co equipo na segunda categoría, 12 deles como titular.

Ourense e segunda etapa no Arousa

[editar | editar a fonte]

Entre 2005 e 2007 xogou co Ourense en Segunda B. Alí compartiu equipo con antigos compañeiros como Sueiro ou Sanromán e marcou 12 goles en 70 partidos. No 2007 decidiu regresar ao Arousa, 12 anos da súa saída do club, para militar na Terceira División. No equipo arousán compartiu vestiario co seu irmán Jorge, e foi na súa primeira campaña un dos máximos goleadores da categoría, con 10 tantos. Despois dunha segunda campaña no club arlequinado, en 2009 fichou polo Ordes.

Ordes e terceira etapa no Pontevedra

[editar | editar a fonte]

Tras lograr a permanencia en Terceira, deixou o equipo antes do remate da tempada, regresando en marzo de 2010 de novo ao Pontevedra, para suplir a baixa por lesión de Juan Antonio Nevado.[7] A súa terceira etapa no equipo pontevedrés durou menos dun ano, tempo durante o cal disputou 29 encontros, ata que deixou o equipo en xaneiro de 2011.[8] O balance total das súas tres etapas no equipo granate foi de 154 partidos, nos que marcou 25 goles. A continuación volveu ao Ordes, onde militou ata 2013, acumulando 116 partidos.

En 2013 pasou ao Boiro, da mesma categoría, e na súa primeira campaña, con Gelucho como adestrador, disputou a fase de ascenso a Segunda B, caendo ante o Náxara. Disputou unha segunda campaña co equipo boirense, acadando un total de 68 partidos e 11 goles co equipo.

Últimos anos

[editar | editar a fonte]

A partir de 2015 pasou a xogar en equipos de menor categoría, e vestiu as camisetas do Cordeiro e o Flavia, antes de volver en 2019 ao seu primeiro equipo, o Catoira, xa con 45 anos de idade.[4]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Pontevedra
Catoira
  1. "Padín, del Arousa, fichó ayer por dos temporadas". La Voz de Galicia (en castelán) (Pontevedra ed.). 31 de maio de 1995. p. 45. 
  2. "Diego y Padín, atados". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de abril de 1996. p. 51. 
  3. Ríos, Xoán (15 de agosto de 1997). "Rivaldo eclipsa el triunfo". Mundo Deportivo (en castelán). p. 15. Consultado o 23 de setembro de 2022. 
  4. 4,0 4,1 García Reigosa, Manuel (23 de febreiro de 2019). "Carlos Padín, veinticinco años regalando pases". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 23 de setembro de 2022. 
  5. Hermida, Xosé (23 de febreiro de 1998). "El Athletic se derrumba". El País (en castelán). Consultado o 23 de setembro de 2022. 
  6. "El peculiar líder del Racing". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de xuño de 2000. Consultado o 23 de setembro de 2022. 
  7. "Carlos Padín abandona el Ordes con destino al Pontevedra justo antes de enfrentarse al Ourense". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de marzo de 2010. Consultado o 24 de setembro de 2022. 
  8. Soto, Nino (18 de xaneiro de 2011). "Padín deja al Pontevedra para recalar en Tercera". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 24 de setembro de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]