Comezou a xogar á idade de seis anos. En 1996, entrou no top 20 da ATP por primeira vez. Acabou 1997 como mellor español e no top 10 por primeira vez na súa carreira. Ademais, converteuse no primeiro español en alcanzar a final do Aberto de Australia desde Andrés Gimeno en 1969. En 1998 gañou o seu primeiro título de Grand Slam derrotando a Álex Corretja na final de Roland Garros. En 1999, converteuse no primeiro español en situarse como número 1 da clasificación da ATP desde que se instaurara en 1973, onde se mantivo dúas semanas.
Formou parte do equipo español que gañou a Copa Davis do 2004, final que se disputou no Estadio Olímpico da Cartuja (Sevilla), na que tivo un papel destacado, obtendo dous dos tres puntos para España, gañando o primeiro punto ante Mardy Fish e conseguindo a vitoria decisiva contra Andy Roddick, logrando así a segunda Ensaladeira de Prata na historia do tenis español.
Na súa vida sentimental, estivo unido a modelos e presentadoras como Patricia Conde así como á xogadora de tenis italiana Flavia Pennetta. Actualmente a súa parella é Carolina Cerezuela coa que iniciou unha relación a mediados de 2007. A parella ten unha filla, Carla, que naceu o 18 de agosto de 2010 na clínica USP Palmaplanas de Palma.