Carinatae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esqueleto de ave mostrando en azul o esterno cunha prominente quilla

Carinatae (carenados) é o grupo formado por todas as aves e os seus parentes extintos que posúen quilla ou carena (en latín "carina") na parte externa do óso esterno, onde se ancoran os grandes músculos do peito necesarios para voar.

Definición[editar | editar a fonte]

Xa en 1813 Merrem dividiu as aves en Carinatae e Ratitae (ratites), segundo tivesen quilla no esterno ou non, respectivamente.[1] Tradicionalmente, as Carinatae foron definidas como todas as aves cuxo esterno ten quilla. A quilla é a forte crista media que discorre por toda a lonxitude da parte externa do esterno. É unha área moi importante para a inserción dos músculos do voo. Todas as aves voadoras teñen unha quilla pronunciada no esterno. As aves ratites, que non son voadoras, carecen dunha quilla forte. Así, as aves vivas foron divididas en carenadas (con quilla) e ratites (do latín ratis, 'balsa', referíndose ao seu esterno plano como o casco das balsas). A dificultade desta división filoxenética das aves era que algunhas aves voadoras carecían de quillas fortes e descendían directamente de aves que si a posuían. Exemplos son o kakapo, un papagaio non voador de Nova Zelandia, e o extinto dodo, un columbiforme da illa Mauricio. Ningunha destas aves son ratites. Ademais, a posición dos tinamús foi moi discutida, xa que están relacionados cos ratites e, aínda que non son bos voadores, teñen quilla. Por tanto, esta característica supostamente distintiva era doada de usar pero non ten nada que ver coas verdadeiras relacións filoxenéticas.

A partir da década de 1980, a Carinatae déuselle varias definicións filoxenéticas. A primeira era que se trataba dun clado baseado nun nodo que unía Ichthyornis coas aves modernas.[2] Porén, en moitas análises esta definición sería sinónima do termo moito máis usado Ornithurae. Unha definición alternativa deuse en 2001, cando se denominou Carinatae a un clado baseado en apomorfía definido pola presenza de quilla no esterno.[3]

A ave máis primitiva coñecida con quilla no esterno é Confuciusornis. Aínda que algúns espécimes desta ave troncal teñen esternos planos, algúns mostran unha pequena crista ósea que podería ter sostido unha crista cartilaxinosa.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Merrem, Blasius. (1813). Tentamen systematis naturalis avium. Abh, Konigel (Preussische) Akad. Wiss, Berlin (Physikal.) 237–259.
  2. Cracraft, Joel (1986). "The origin and early diversification of birds". Paleobiology 12 (4): 383–399. doi:10.1017/s0094837300003122. 
  3. Gauthier, J., & De Queiroz, K. (2001). Feathered dinosaurs, flying dinosaurs, crown dinosaurs, and the name “Aves”. New Perspectives on the Origin and Early Evolution of Birds, 7-41.
  4. Chiappe, L. M., Ji, S. A., Ji, Q., & Norell, M. A. (1999). Anatomy and systematics of the Confuciusornithidae (Theropoda, Aves) from the late Mesozoic of northeastern China. Bulletin of the AMNH; no. 242.

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre aves é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.