Cantus Arcticus

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cantus Arcticus
de Einojuhani Rautavaara
Rautavaara na década de 1950, en torno a 20 anos antes da composición de Cantus Arcticus.
XéneroSinfónico
Composición1972
EditorialFazer Music
Estrea
Data18 de outubro de 1972
LugarUniversidade de Oulu, Oulu (Finlandia)
DirectorStephen Portman
IntérpretesOulu Sinfonia

Cantus Arcticus Op. 61, tamén coñecido como Concerto para paxaros e orquestra,[1] é unha composición orquestral do compositor finlandés Einojuhani Rautavaara escrita en 1972. A obra foi composta por encargo da Universidade de Oulu en 1971 para a primeira cerimonia de doutoramento de dita universidade, e foi estreada o 18 de outubro de 1972 en Oulu (Finlandia) pola Oulu Sinfonia baixo a batuta de Stephen Portman. Escrita en tres movementos trátase dunha das obras máis famosas do compositor finlandés e é a súa obra orquestral máis interpretada, así como unha das obras máis coñecidas e queridas da nova música finlandesa.[2][3]

Subtitulada Concerto para paxaros e orquestra, incorpora gravacións en cinta magnética de cantos de paxaros gravados preto do círculo polar ártico e nos pantanos de Liminka no norte de Finlandia.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Einojuhani Rautavaara naceu en Helsinqui en 1928, fillo de Eino e Elsa Rautavaara. Criouse no distrito de Kallio, onde seu pai era organista da igrexa, se ben antes do nacemento de Einojuhani tivera unha destacada carreira como barítono, sendo un dos membros fundadores da Suomen Kansallisooppera (Ópera Nacional Finlandesa).[4] Logo de recibir clases de música de xeito intermitente, en 1948 foi admitido na Sibelius-Akatemia, onde estudou composición con Aarre Merikanto, malia que nun principio a súa intención era estudar con Selim Palmgren,[4] finalizando os seus estudos no conservatorio finlandés en 1952.[5]

En 1955 a Koussevitzky Foundation outorgoulle a Jean Sibelius unha bolsa de estudos polo seu 90 aniversario para permitir que un novo compositor finlandés elixido por el estudase nos Estados Unidos. Sibelius escolleu a Rautavaara, que viña de pasar unha tempada en Viena,[6] e que se trasladou a Nova York para estudar na Juilliard School con Vincent Persichetti entre 1955 e 1956.[7] En 1955 chamou a atención internacional por primeira vez ao gañar a Thor Johnson Composer’s Competition de Cincinnati (Estados Unidos) co seu A Requiem in Our Time para metais e percusión.[5]

Composición[editar | editar a fonte]

Edificio principal da Universidade de Oulu, institución que encargou a composición de Cantus Arcticus a Rautavaara.

En 1971 Rautavaara recibiu o encargo dunha cantata para darlle maior solemnidade á celebración da primeira cerimonia de doutoramento da Universidade de Oulu, do mesmo xeito que en 1880 fixera a Universidade de Breslau, que encargou a Johannes Brahms a súa Akademische Festouvertüre.[8][9]

Segundo parece, Rautavaara non puxo demasiada ilusión no encargo ao considerar que non sería un éxito duradeiro.[10] Con todo, o coro que debía interpretala non podía,[4] e logo de deixar a súa idea de compoñer unha cantata para coro e orquestra deciciu observar e aceptar o que a natureza lle daba.[10] Deste xeito, o compositor decidiu escribir unha cantata distinta, deixando de lado o academicismo e pasando a facer unha obra experimental, substituíndo o coro por gravacións de paxaros, rexistradas maioritariamente nas proximidades de Oulu, creando un concerto para orquestra e paxaros que alternase gravacións de cantos de paxaros con extensas texturas orquestrais para evocar as vastas extensións xeadas do Ártico.[4][11][12] Unha vez rexistrados os cantos dos paxaros o compositor non considerou que fose preciso procesalos moito, e no canto diso tentou que fose a orquestra a que xerase a atmosfera crepuscular, mestura de realidade e soño, como fondo sobre o que despregar os cantos dos paxaros.[12]

Logo da súa estrea, que tivo lugar o 18 de outubro de 1972 na Universidade de Oulu coa Oulu Sinfonia baixo a dirección de Stephen Portman, Cantus Arcticus converteuse no primeiro éxito internacional de Rautavaara, sendo interpretada con moita máis frecuencia que calquera outra das súas obras, e en palabras do propio Rautavaara:[4][13][11]

... ten sido descrita como unha das máis coñecidas e queridas pezas da música contemporánea finlandesa

Aínda que probablemente non fora exactamente o que agardaba a Universidade de Oulu.[11]

Características[editar | editar a fonte]

Casetas de observación de aves en Liminganlahti (Liminka), nas proximidades de Oulu. Foi nesta zona onde Rautavaara rexistrou os cantos de paxaros empregados para o seu Concerto para paxaros e orquestra.[14]

Características xerais[editar | editar a fonte]

Polas propias características do acto para o que foi composta, a obra non é moi longa, tendo unha duración de entre 15 e 18 minutos.[9][3]

Cantus Arcticus é posiblemente o máis coñecido dos 14 concertos escritos por Rautavaara. Ao contrario dos outros 13 concertos que compuxo ao longo da súa vida, Cantus Arcticus non está escrito para instrumento solista, senón que a orquestra toca cunha gravación dos cantos de aves que habitan o círculo polar ártico.[15] A pesar deste carácter experimental da obra, Rautavaara non se afasta totalmente do sinfonismo posromántico, aínda que cun certo estilismo de intención mística.[1] O catálogo de Schott Music defínea como "cálidamente romántica e coloridamente impresionista".[16]

Na obra, a textura orquestral entrelázase con contrapunto dos cantos de paxaros rexistrados por Rautavaara, o que resulta nun continuo diálogo entre a orquestra e as aves, cuxo canto emerxe e desaparece ao longo da obra.[16][17] Esta continua interacción fai que a música sinxela da orquestra, grazas aos paxaros, adquira unha nova dimensión, "abríndose fóra das salas de concertos e auditorios á natureza ilimitada do norte".[3] Rautavaara agrega aos cantos das aves tres movementos sombríos, maxestosos e misteriosos, complementándose ambos os elementos (paxaros e orquestra) e creando un resultado inquedante e inesqueciblemente evocador, nun mundo sonoro misterioso e exótico.[18][17] A pesar de non tratarse dunha obra programática, Cantus arcticus evoca vívidas imaxes da paisaxe finlandesa.[17]

Cantus Arcticus é considerada ás veces como unha obra electroacústica, e como adoita ocorrer en todas estas obras, mestura a "realidade" da orquestra ao vivo co "artificio" dos sons electrónicos (neste caso os cantos de paxaros gravados).[19] O compositor finlandés Kalevi Aho non concorda con esta visión e non a considera unha obra de música electrónica ao tratarse de sons naturais, polo que a encadra na música concreta, aínda que Rautavaara tamén empregou a música aleatoria.[3]

Aho considera que a obra "contén algunhas invencións musicais brillantes, como a entrada dos paxaros logo da introdución do vento-madeira.[16]

Os paxaros na música[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Os paxaros na música.

Nesta obra Rautavaara continúa unha práctica estendida ao longo da historia da música, a inclusión dos cantos dos paxaros na música. Esta práctica, iniciada mediante a imitación dos cantos dos paxaros con diversos instrumentos que se remonta a compositores como Giles Farnaby (ca. 1563-1640) e cuxo maior expoñente foi o francés Olivier Messiaen.[20][21]

Un dos primeiros exemplos da utilización de cantos de paxaros gravados empregados como parte dun concerto ao vivo é Pini di Roma, do compositor italiano Ottorino Respighi, onde incorporaba o rexistro en gramófono dun reiseñor. Dende ese momento téñense empregado frecuentemente gravacións para complementar e realzar a música escrita, sendo con frecuencia parte do proceso de composición, se ben Cantus Arcticus é o exemplo máis coñecido desta práctica.[20]

Estrutura[editar | editar a fonte]

A obra está estruturada en tres movementos:[22]

  • Suo (O pantano): O primeiro movemento é un crescendo e diminuendo que se prolonga durante aproximadamente sete minutos. Comeza cun dueto de frautas que se suceden a unha á outra realizando arabescos ondulantes de fluídos que evocan a auga. Posteriormente únense os outros instrumentos de vento-madeira, seguidos polos sons dos paxaros, concretamente dun carrán ártico. Na seguinte sección, madeiras e metais imitan os paxaros mentres continúan soando a gravación e as frautas. Na parte central unha melodía xurdida das cordas graves avanza queda ata que soan dúas notas máis rápidas que as demais, e que segundo o compositor representan unha persoa camiñando pola natureza. Realízanse unha segunda e unha terceira exposicións con disonancias que reflicten os sons da natureza, e no final do movemento iníciase un lento diminuendo.[9]
  • Melankolia (Melancolía): O segundo movemento, que lembra o típico adagio dun concerto para solista, comeza dun xeito aínda máis quedo que o primeiro, só co son dos paxaros que representa unha gravación ralentizada do canto da laverca cornuda, ademais segundo o autor, a gravación foi retocada para que soase dúas oitavas máis grave. Ao contrario do que ocorre no primeiro movemento, a melodía está repleta de grandes saltos interválicos. O movemento presenta unha actividade musical notablemente menor e é bastante homoxéneo, aínda que no clímax rompe a atmosfera e abandona os saltos precipitando o final do movemento. Segundo Aho, o canto da laverca que é acompañada polas cordas en modo menor, é como un eco distante de "Tuonelan joutsen", pertencente á Suite Lemminkäinen de Jean Sibelius. Trátase do movemento máis breve da obra, duns catro minutos de duración.[16][9]
  • Joutsenet muuttavat (Cisnes migrando): O movemento final reproduce a estrutura e o tempo moderato do movemento inicial, toma a forma dun longo crescendo para orquestra, cos sons de cisnes cantores, antes de que tanto o canto das aves como a orquestra se desvanezan como se se perdesen na distancia. Para crear este gran crescendo magnificáronse os cantos superpostos de cisnes para crear a impresión dun número crecente. Para darlle un carácter máis allegro de movemento final, a actividade instrumental increméntase de xeito aleatorio, dividindo a orquestra en catro grupos independentes. Logo de chegar ao clímax o son pérdese na distancia evocando as migracións das aves e o carácter misterioso da natureza, de xeito que a música e os cisnes crean un efecto de despedida co final da obra.[9]

Instrumentación[editar | editar a fonte]

A partitura de Rautavaara require da utilización de:[23]

Instrumentación de Cantus Arcticus
Madeiras
2 frautas, 2 óboes, 2 clarinetes en Si bemol, 2 fagots
Metais
2 trompas, 2 trompetas, 1 trombóns
Percusión
Timbais (ad lib.), pratos, tamtam.
Cordas
Violíns (I e II), violas, violonchelos, contrabaixos, arpa
Teclado
Celesta

Amais do elenco orquestral, Rautavaara realizou gravacións de tres especies de aves que habitan no norte de Finlandia, o carrán ártico, a laverca cornuda e o cisne.[9][a]

Edicións e gravacións[editar | editar a fonte]

Cantus Arcticus foi inicialmente editada por Fazer Music en 1972.[25] En 2003, anos despois da absorción de Fazer Music por parte de Warner Music Group en 1993, Fennica Gehrman editou a obra, que tamén foi editada por Boosey & Hawkes para numerosos países.[26][27]

A obra é a segunda obra de Rautavaara máis gravada por detrás de Pelimannit.[28] Selos como Naxos, Ondine, Finlandia ou BIS teñen rexistrado a obra da man de destacados directores como Leif Segerstam ou Osmo Vänskä e orquestras como a Sinfonia Lahti ou a Helsingin kaupunginorkesteri.[29]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ás veces tamén se cita o grou en lugar do carrán ártico.[24]
Referencias
  1. 1,0 1,1 Ruiz Tarazona, Andrés (10 de agosto de 2016). "Einojuhani Rautavaara,el compositor que abarcó todos los campos". El País (en castelán). Consultado o 8 de xuño de 2019. 
  2. "Fallece el compositor finlandés Einojuhani Rautavaara a los 87 años" (en castelán). RTVE.es. 28 de xullo de 2016. Consultado o 28 de marzo de 2017. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Aho, Kalevi. "Cantus arcticus by Einojuhani Rautavaara" (en finés). Music Finland. Consultado o 2 de agosto de 2019. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Finnish Music Quarterly (ed.). "Fortune’s fantasy (on Einojuhani Rautavaara). Late starter" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2016. Consultado o 21 de setembro de 2014. 
  5. 5,0 5,1 Boosey & Hawkes (ed.). "Einojuhani Rautavaara" (en inglés). Consultado o 29 de marzo de 2017. 
  6. Jean-Marc Warszawski (23 de setembro de 2008). musicologie.org, ed. "Rautavaara Einojuhani né en 1928" (en francés). Consultado o 29 de marzo de 2017. 
  7. ondine.net (ed.). "Einojuhani Rautavaara (1928-)" (en inglés). Consultado o 29 de marzo de 2017. 
  8. Morrison, Chris. "Cantus Arcticus (Concerto for Birds & Orchestra)" (en inglés). AllMusic. Consultado o 28 de marzo de 2017. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 López López, José Luis. "La gran Finlandia y el mágico Chopin de Perianes" (en castelán). mundoclasico.com. Consultado o 2 de agosto de 2019. 
  10. 10,0 10,1 Bert, Enrique (1 de agosto de 2016). "EINOJUHANI RAUTAVAARA: MUCHO MÁS QUE EL "CANTUS ARCTICUS"" (en castelán). www.plateamagazine.com. Consultado o 28 de marzo de 2017. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Rochester, Marc. "EINOJUHANI RAUTAVAARA (b. 1928). Cantus Arcticus (Concerto for Birds and Orchestra)" (PDF) (en inglés). Orquestra Filharmónica de Hong Kong. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de xuño de 2019. Consultado o 7 de xuño de 2019. 
  12. 12,0 12,1 "Einojuhani Rautavaara" (en castelán). revistadeartes.com.ar. Consultado o 8 de xuño de 2019. 
  13. "Einojuhani Rautavaara. 1928 - present, Finland" (en inglés). www.sinfinimusic.com/uk. Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2014. Consultado o 28 de marzo de 2017. 
  14. "Lahti Symphony Orchestra. Rautavaara: Cantus Arcticus" (en inglés). ClassicLive.com. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2020. Consultado o 15 de xuño de 2020. 
  15. Bauer, Patricia. "Einojuhani Rautavaara". Encyclopaedia Britannica (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2019. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 "Cantus Arcticus. Concerto for Birds and Orchestra" (en inglés). Schott Music. Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2019. Consultado o 1 de agosto de 2019. 
  17. 17,0 17,1 17,2 Joe Staines, ed. (2001). "Einojuhani Rautavaara". Classical Music: The Rough Guide (en inglés). Londres: The Rough Guides Ltd. p. 397. ISBN 1-85828-721-9. 
  18. Full text of "Cantus Arcticus" (en inglés)
  19. Baber, Katherine. "Cantus Arcticus: Concerto for Birds and Orchestra, op. 61" (en inglés). Redlands Symphony. Arquivado dende o orixinal o 03 de agosto de 2019. Consultado o 3 de agosto de 2019. 
  20. 20,0 20,1 Giddings, Darren. "BIRDSONG AND MUSIC" (en inglés). colander.org. Consultado o 2 de agosto de 2019. 
  21. Blakely, Larry. "Avian Classical Music: Birds in the Concert Hall" (en inglés). cpp.edu. Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2021. Consultado o 2 de agosto de 2019. 
  22. Comentarios ao CD, Cantus Arcticus, Ondine ODE 1041-2
  23. "Partitura de Cantus Arcticus" (PDF) (en inglés). musicfinland.fi. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de decembro de 2015. Consultado o 29 de marzo de 2017. 
  24. "ANDREY BOREYKO & INGRID FLITER" (en inglés). Helsingin kaupunginorkesteri. 17 de novembro de 2017. Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2019. Consultado o 8 de xuño de 2019. 
  25. Bøe, Faber & Strandhagen 2016, p. 152.
  26. "Fennica Gehrman history" (en inglés). fennicagehrman.fi. Consultado o 3 de agosto de 2019. 
  27. "Einojuhani Rautavaara" (en inglés). Boosey & Hawkes. Consultado o 3 de agosto de 2019. 
  28. Rickards, Guy. "Rautavaara Cantus Arcticus; Clarinet Concerto; Garden of Spaces" (en inglés). gramophone.co.uk. Consultado o 2 de agosto de 2019. 
  29. "Cantus Arcticus" (en inglés). allmusic.com. Consultado o 15 de xuño de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]