Cantares gallegos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 29 de xullo de 2008 ás 01:15 por Todesfuge (conversa | contribucións)

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre literatura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.

Detalle da estatua de Rosalía de Castro en Padrón

Cantares Gallegos é unha obra de Rosalía de Castro (1837-1885) publicada no ano 1863.

Foi o marido de Rosalía, Manuel Murguía quen xestionou, sen o permiso da súa muller, a saída do prelo dun poemario que fixa o comezo dunha nova xeira para a poesía galega.

No limiar, Rosalía confesa a súa idea de desenvolve-las cantigas populares galegas emulando o Libro de los cantares de Antonio Trueba, pois o seu quefacer poético está constituído por glosas de cantares ou ditos populares. Así pois, tódolos poemas, agás dous, son glosas de cantares, procedemento este que tamén aparecerá, inda que con pouca relevancia, en Follas Novas. Algunhas glosas están escritas en metros populares ("Miña casiña"; "Vivir para ver"; "¡Padrón...!, ¡Padrón!"...) e outras non ("Cada cousa no seu tempo"; "Eu por vos"...).

Tódolos críticos consideran que Cantares Gallegos supera os riscos da paráfrase, mantendo o encanto da copla glosada sen se converter nun texto inexpresivo.

Temática de Cantares Gallegos

Casa da Matanza

Os textos de Cantares Gallegos son clasificables consonte ás seguintes temáticas:

  • Poemas costumistas: Presentan carácter descritivo e narrativo.
  • Poemas amorosos: "Quíxente tanto meniña", "Cantan os galos pró día"...
  • Poesía cívico-social: Poemas reivindicativos referidos frecuentemente á emigración como "Adios ríos, adios fontes" ou "Castellanos de Castilla".
  • Poesía intimista: Só se achega o eu poético de Rosalía en dous poemas, "Campanas de Bastavales" e "Como chove miudiño". Neles avánzase a profundidade que terá a súa obra posterior. Así a todo, tamén se poden observar os sentimentos íntimos de Rosalía en "Un repoludo gaiteiro", cando fal de "... pobres palomas, buscaban a luz que as ía queimar...

Métrica e estilo

Evolución poética

O primeiro poemario de Rosalía, La Flor (1857), escrito en castelán, está inscrito na atmosfera romántica esproncediana achegando unha poética que parte, predominantemente, do pesimismo propio do "eu" romántico, rodeado dun ambiente tétrico caracterizado co léxico, os recursos estilísticos (acumulación de adxectivos e participios; abundancia de exclamativos e frases cortadas por "ay",...) e as formas estróficas (tercetos encadeados; oitava real; sextilla de pé quebrado) propias da época

En 1863 escribe Rosalía Follas Marchitas", poema que, inda que con influxo romántico, aproxima o que será posteriormente Cantares Gallegos. É un texto breve, de vocabulario reducido, de doce versos divididos en dúas estrofas e de composición simétrica.

Nesa época, á par de composicións esproncedianas, toparemos cunha poesía lapidaria que se caracteriza por:

  • Ausencia de verbosidade e grandilocuencia.
  • Brevidade.
  • Concisión.
  • Predominio dos substantivos e dos verbos. Sobriedade e concisión
  • Emprego de procedementos propios da literatura popular: A repetición, a oposición ou antítese, o paralelismo

Esta mutación estilística (o cantar, a seguidilla, o terceto octosilábico, o romance con versos de cinco a oito sílabas e a muiñeira), con orixe na poesía popular, produce que as formas e técnicas de Cantares Gallegos sexan exitosas e moi diferentes das presentes en La Flor. Só permanecen comúns ós dous textos a quintilla e a redondilla.

Co paso do tempo, Rosalía primará un ritmo e unha expresión máis flexible, afastada da rixidez e grandilocuencia esproncediana.

O estilo de Cantares Gallegos

En Cantares atopamos dous sistemas métricos diferenciados:

  • O primeiro está baseado na acentuación posibilitando un marcado ritmo de muiñeira grazas a catro acentos tónicos en cada verso e un flutuante número de sílabas (”Has de cantar”;” a vernos, Marica, nantronte viñeras”,...)
  • No outro sistema predominan as formas populares de arte menor (romances sobre todo). O verso de arte maior redúcese ó hendecasílabo.

Unha excepción é o caso da ”Alborada”, composición polimétrica por esixencia da melodía á que se adapta.

Dous dos procedementos máis importantes utilizados por Rosalía nesta súa obra, amais da antítese, son a repetición e o paralelismo, os cales son de carácter moi variado:

  • Fónicos: Repetición do esquema das vogais tónicas /á....é/:
Canta, si queres
rapaza do demo;
canta, si queres;
Dareiche un mantelo.
  • Repetición léxica:
meiguiño, meiguiño, meigo,
meigo que me namoraste...
  • Anáfora mediante palabras de escaso contido semántico:
Tras da calada visera
que hai uns ollos feridores
que nos miran, se dixera;
que nos din: todo é quimera
neste mundo de dores.
Paralelismos por inversión:
e que chovera ou ventara
e que ventara ou chovera

ou substitución:

camiño do mar salado,
camiño do mar sen fin

Cantares gallegos e o Día das Letras Galegas

Non está confirmada a data exacta da publicación de Cantares Gallegos, pero tómase como tal a data expresada por Rosalía na dedicatoria do poemario a Fernán Caballero, asinada o 17 de maio de 1863.

A principios dos anos sesenta, Francisco Fernández del Riego propuxo a institución dunha celebración anual que potenciase a lingua galega, ó modo do Día del Libro que se celebraba en España co gallo do aniversario da morte de Cervantes, o 23 de abril. Inmediatamente pensou situala na data da publicación de Cantares Gallegos, polo seu significado no rexurdimento da literatura galega. Trala súa proposta, a Real Academia Galega aprobou en 1963 convoca-lo Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, celebrándose ese mesmo ano en honra de Rosalía.