Saltar ao contido

Gramalleira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Camalleira»)
Gramalleira
Imaxe
 Parte de
 Parcialmente coincidente con
Pothook (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
 Material / ingrediente
Códigos e identificadores
Freebase/m/043sm2t Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Enciclopedia Galega Universal: 131822
Wikidata C:Commons
Tipos de gramalleira, na Casa Museo de Uxío Novoneyra.

A gramalleira, gamalleira, camalleira ou preganza,[1][2] é a cadea metálica que pendura no alto da lareira, cun gancho na parte inferior para suxeitar o pote sobre o lume.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Etimoloxicamente, procede do latín popular cremasculus, tomado do grego tardío kremastêr "que suspende". O termo xa aparece definido no Catálogo de voces y frases de la lengua gallega, de Martín Sarmiento.[3]

Taccuino Sanitatis, ilustración dunha gramalleira no século XIV.

Arredor do século VI a. C. (período da cultura de Hallstatt), ao norte dos Alpes, os celtas melloraron o sistema de cocción, que ata entón consistía nun recipiente colocado directamente sobre o lume ou lixeiramente elevado por pedras, mediante o invento da trepia, un trípode de ferro sobre o que penduraba unha cadea cun gancho do que se suspendía un recipiente con asa.[4]

Esta cadea foi substituída posteriormente por unha vara de ferro ou "unha tira de ferro plana, en que se fixeron dentes ou ganchos profundos". A tira ten un anaco de cadea nun extremo, polo que se pode suspender; está abrazada por outra tira de ferro plana que se move sobre ela, cun cabo superior que pode deterse en cada un dos seus dentes e o extremo inferior remata cun gancho. Este conxunto colócase na lareira da cociña; o gancho báixase ou elévase segundo se desexe, por medio dos dentes ou rañuras; unha pota ou caldeiro con asa pásase polo gancho, e o recipiente permanece así exposto por riba do lume.[5]

Literatura

[editar | editar a fonte]
O Labrego, Lugo, 1891.

Reprodúcense algunhas das obras que fan referencia á gramalleira na literatura galega, tiradas do Tesouro informatizado da lingua galega.[6]

[...] "As vellas ¡miñas cuitadas! se dixo alguén que as topou con un cacho vello ó lume, facían de elas carbón. Finxen que falan co Demo, que en figura de cabrón vén a vé-las; e que van de romaxe en procesión. Suben pola gramalleira e voan, dando-se a unción de certa badulacada que tenebreiro fraguou. Contan que en Sevilla hai xunta por San Xuan, e outras visiós, embelecos e mentiras que a Inquisición inventou". [...]

Os rogos d'un gallego establecido en Londres dedicados os seus paysanos para abrirlles os ollos sobre certas iñorancias, e o demais que verá o curioso lector. Manuel Pardo de Andrade, 1813

[...] Puxo o espeto máis limpo

que si vira do ferreiro,

a gramalleira e a trepia

as trenlles, pote e caldeiro. [...]

Poemas. Álbum del Miño. Xoán Manuel Pintos, 1858

[...] Eso si nin se m'esqueceu falar com'ouvín falar os meus pais, e os meus avós, contando-me contos na cociña, vindo saltar as moxenas, e cocer a bica na lareira, é voar á faísca como folepas á luz do candil na gramalleira. Por eso me folguei moito cando vin a "Gaita gallega" con boa palleta e punteiro de marfil, e cando ouvín as "foliadas" que tan ben repinicaba o Gaiteiro. Por eso lin os teus "Cantares" como come pan un famento. [...]

Carta a Rosalía de Castro, de Camilo Álvarez de Castro, 1863

Eres guapa com'o pote,

Negra com'a gramalleira;

Anque andes de día e noite,

N'has d'encontrar quen te queira.

Literatura popular de Galicia. Juan Antonio Saco y Arce, 1881

[...] Volvo a perguntar-che quén te trouxo, quén che diu untura pra rubir pola gramalleira, e quén che dixo que era hoxe a festa da bruxería. [...]

O Tío Marcos d'a Portela (2ª época), 1883

[...] No outro corruncho había outro leito somellante, e no médeo dos dous , facendo de tabique, unhas canizas pendurando dunha corre de vimbias, atada polos dous cabos ás ripas do tellado. Debaixo do pote que colgaba da gramalleira, ardía unha manada de garabullos, e o fume, espallando-se por tod'a chouza, saía, como podía, por antre as tellas, que aquelo, todo era chimanea. [...]

Fermosinda. Farruco Porto Rei, 1918

[...] Á direita, o fogar co pote, a pota, a gramalleira e as trébedes; á ezquerda, o cantareiro coa ferrada. A lareira , en esencia, é unha lousa de pedra sobor da que se acende o lume. [...]

Etnografía: Cultura material (Historia de Galiza). Xaquín Lorenzo Fernández, 1962

[...]  Ó untaren-se din unhas «palabras malditas», que, ó parecer, son: «sin Dios e sin Santa María, pola chemineia arriba». Ruben pola gramalleira e saen polo burato da chemineia, anque tamén pode ser por unha fiestra, por unha troneira ou por un buraco calquer, e van voando polo aire, cáseque a ras de terra [...]

Etnografía: Cultura espiritual (Historia de Galiza). Vicente Risco, 1962

[...] Coidaba saír con sorte

da témera achoutadela

cal náufrago que xa ollara

porto na Pousada Vella,

escano ao lume dun lar,

chourizos na gramalleira,

fecha do Bibei na cunca

con bola de pan trivesa [...]

Cen chaves de sombra. Valentín Paz-Andrade, 1979

  1. "Camalleira". Real Academia Galega. Consultado o 2026-02-01.
  2. "camalleira". DIGALEGO. Consultado o 2026-02-01.
  3. Sarmiento, Martín; Pensado Tomé, José Luis (1973). Catálogo de voces y frases gallegas. Ediciones Universidad de Salamanca. ISBN 978-84-600-5838-0.
  4. Objets civils domestiques: vocabulaire, typologie. Principes d'analyse scientifique. Paris: Éditions du Patrimoine. 2022. ISBN 978-2-7577-0806-4.
  5. "Encyclopédie ou Dictionnaire raisonné des sciences, des arts et des métiers". Christian-Muslim Relations 1500 - 1900. Consultado o 2025-07-20.
  6. "TILG". ilg.usc.gal. Consultado o 2025-07-20.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]