Calidris subminuta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Calidris subminuta

Calidris subminuta fotografada en Tailandia
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Scolopacidae
Xénero: Calidris
Especie: C. subminuta
Nome binomial
Calidris subminuta
Middendorff, 1853
Sinonimia
Véxase o texto

Calidris subminuta é unha especie de ave da orde das caradriformes e familia dos escolopácidos, unha das 24 integradas no xénero Calidris.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1853 polo médico, zoólogo e explorador ruso de orixe alemán Alexander von Middendorff, baixo o nome de Tringa subminuta.[2][3]

Etimoloxías[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, ver Calidris.

O epíteto específico, subminuta, está formado polos elementos do latín científico sub- e -minuta. O primeiro está tomado do latín sub, "preto de", e o segundo do latín minuta, "pequena", pola súa semellanza coa tamén pequena especie Calidris minuta.[4]

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[3]

  • Tringa subminuta Middendorff, 1851 (protónimo)
  • Calidris minutilla subminuta
  • Pisobia subminuta boweri Mathews, 1916

Características[editar | editar a fonte]

Calidris subminuta é unha ave limícola moi pequena que mide só de 13 a 16 cm de lonxitude; a súa envergadura alar oscila entre os 26,5 aos 30,5 cm. Pesa uns 25 g. Ten a cabeza pequena e un peteiro curto e recto de punta afiada. O pescozo é esvelto, o ventre arredondado e as patas, longas, están situadas cara a atrás. Os dedos dos pés son longos e delgados, especialmente o medio. As plumas primarias esténdense até a cola. A coroa é marrón; presnta unha raia pálida xusto enriba do ollo. As partes superiores do corpo son marróns, co centro das plumas de cor máis escura. O peito ten manchiñas de cor parda clara, e as partes inferiores son brancas. As patas e os pés son amarelos e o peteiro marrón escuro, agás a base da mandíbula inferior, que é amarela ou parda clara.[5][6]

Esta ave ten unha postura distintiva, e a súa chamada de voo distínguea doutros Calidris. No chan pódese confundir con Calidris ruficollis, pero é máis delgado e un pouco máis pequeno.[5]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Calidris subminuta cría en Siberia durante o verán do hemisferio norte. Despois da época de cría emigra cara ao sur pasando pola China, Indochina, Malaisia ​​e as Filipinas e, cara ao oeste, chega até Birmania, Bangladesh, Nepal, Sri Lanka e as illas Maldivas. É un visitante de Nova Guinea e Australia e, esporadicamente, de Suecia, Suráfrica, Melanesia, Hawai, do noroeste dos Estados Unidos e das proximidades do mar de Bering. Na súa área de invernada visita unha gran variedade de hábitats de zonas húmidas, incluíndo zonas de auga doce ou salobres pouco profundas, lagos, pantanos, chairas de inundación, marismas, lagoas, costas lamacentas e estanques.[5]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Calidris subminuta é unha ave que efectúa grandes migracións. Cría no norte de Asia e, inverna no sur deste continente e no sueste asiático e en Australasia. Aparece en Europa occidental só como un vagabundo moi raro.

Os adultos reprodutores son de cor parda cos centros das plumas máis escuros por arriba e brancos por debaixo. No inverno, os longos dedos son grises por arriba. Os xuvenís teñen un debuxo brillante na parte superior de cor avermellada e raias brancas no lombo.

Aliméntanse hábitats húmidos, sondeando o chan co seu peteiro. Aliméntase de moluscos, crustáceos e outros invertebrados insectos, de anfibios e sementes.[5]

Pouco se sabe dos hábitos reprodutivos desta especie, aínda que aniña no chan, e o macho realiza un voo de exhibición. A súa área de reprodución inclúe a península de Chukchi, os monte de Koryak (situadas ao nordeste da península de Kamchatka), as illas do Comandante, e as Kuriles, as terras que bordean o mar de Okhotsk, o norte do distrito de Verkhoyansky e ao redor dos ríos Obi e Irtysh.[5]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), esta especie ten un rango de distribución moi amplo, e calcúlase que hai entre 10 000 e 100 000 individuos en todo o mundo. Pode haber máis de 25 000 parellas reprodutoras, e non se coñecen ameazas. Por estes motivos, o status da especie é avaliado como LC (pouco preocupante).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2016): Calidris subminuta na Lista vermella da UICN. Versión 2022-1. Consultada o 2 de setembro de 2022.
  2. Calidris subminuta (Middendorff, 1853) no GBIF. Consultado o 2 de setembro de 2022.
  3. 3,0 3,1 Calidris subminuta (Middendorff, 1853) na BioLib. Consultada o 2 de setembro de 2022.
  4. Jobling, James A (2010): The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. p. 84. ISBN 978-1-4081-2501-4.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "Calidris subminuta — Long-toed Stint". Species Profile and Threats Database. Australian Government: Department of the Environment.
  6. Hayman, Peter; Marchant, John & Prater, Tony (1986): Shorebirds: an identification guide to the waders of the world. Boston: Houghton Mifflin. ISBN 0-395-60237-8.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]