Caetano Veloso é o primeiro álbum en solitario do músico brasileiro Caetano Veloso, publicado en 1968 a través do selo Philips Records. O ano anterior editara Domingo en colaboración con Gal Costa. Foi un dos primeiros traballos de Tropicália, e ten arranxos de Júlio Medaglia, Damiano Cozzella e Sandino Hohagen, así como unha ecléctica variedade de influencias, demostrando a "antropofaxia" do movemento Tropicália. Sons da psicodelia, rock, pop, música india, bossa nova, música bahiana e outros xéneros aparecen no álbum. Inclúe as exitosas cancións "Alegria, Alegria", "Tropicália" e "Soy loco por ti, América".