Cabo Juby

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 27°54′48″N 12°55′54″O / 27.91333, -12.93167

Lanzarote e Fuerteventura fronte ao cabo Juby.

O cabo Juby (en árabe رأس جوبي, Rā's Ŷubī) é un cabo localizado no noroeste da costa atlántica de África, ao sur de Marrocos, cerca da fronteira co Sáhara Occidental, xusto enfronte das illas Canarias.

Cabo Juby é tamén o nome co que se coñecía historicamente a zona xeográfica próxima ao cabo, tamén coñecida como a "Franxa de Tarfaya". Así mesmo, e o nome que se lle deu en 1912 ao territorio situado entre o Sáhara Español e eo sur do río Draa, que constitúe unha zona de amortiguamento semidesértica entre o Marrocos propiamente dito e o Sáhara Occidental.

Esta zona pasou a ser a parte sur do Protectorado Español de Marrocos durante a primeira metade do século XX.

Historia[editar | editar a fonte]

Século XVIII[editar | editar a fonte]

No tratado de paz asinado o 28 de maio de 1767, Mohammed ben Abdel·lah, sultán de Marrocos, non garantía ao rei Carlos III a seguridade dos pescadores españois nas costas ao sur de Agadir ou do río Nun, ao recoñecer que non tiña a soberanía sobre as tribos Tekna desas terras (art. 18 do tratado).[1][2]

O 1 de marzo de 1799 Sulaymán de Marrocos asinou un acordo con Carlos IV no que recoñecía que as regxiónes de Saguia el Hamra e Cabo Juby non formaban parte dos seus dominios (art. 22).[1][2]

Século XIX[editar | editar a fonte]

En 1879, a británica Compañía da África Noroccidental estableceu alí un posto ao que bautizaron como Port Victoria. O 26 de marzo de 1888 soldados marroquís atacaron o posto, matando ao director da fábrica e deixando dous feridos de gravidade.[3] En 1895 a empresa foi vendida ao sultán de Marrocos.

Século XX[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Crise de Agadir.
Mapa dos territorios españois e franceses na África noroccidental a mediados do século XX.
Rexións de Marrocos. Véxanse as números 10 e 11.

En 1912 España negociou con Francia (que controlaba efectivamente os asuntos relacionados con Marrocos nesa época) para conseguir concesións na zona sur de Marrocos a fin de engadilas aos dominios do Sáhara Español.

Segundo este tratado, a zona situada ao sur do río Draa pasaba a ser un protectorado de España, de forma que aínda que este territorio non estaba baixo o control directo do sultán de Marrocos, cederíase a Marrocos unha vez que finalizase o protectorado.

Arrebatábase así ao Sáhara Occidental unha parte do seu territorio e da súa poboación, o que sería denunciado polos nacionalistas saharauís nos inicios do seu movemento. (Véxase a carta de Mohamed Basiri ao Gobernador Xeneral do Sáhara, 1970).[4]

Porén, non foi até o 29 de xullo de 1916 cando o gobernador de Río de Oro, o capitán Francisco Bens, ocupou oficialmente o Cabo Juby. O emprazamento foi usado fundamentalmente como escala de voos dedicados ao correo aéreo.

A cidade de Tarfaya en 2016.

O territorio de Cabo Juby, oficialmente chamado "Protectorado Sur de Marrocos", estaba situado entre o paralelo 27º 40' e o río Draa.

Tiña unha superficie duns 32 875 km²,[5] e unha poboación duns dez mil habitantes, fundamentalmente bérberes. A localidade principal era Villa Bens, coñecida actualmente como Tarfaya.

Desde 1946 o territorio de Cabo Juby pertenceu á África Occidental Española. Cando Marrocos accedeu á independencia, en 1956, reclamó a retrocesión de Cabo Juby, suxeito legalmente ao tratado de 1912 entre España e Francia polo que se estableciron ls protectorados español e francés sobre Marrocos.

Porén, non foi até os acordos de Angra de Cintra (2 de abril de 1958), que puxeron extraoficialmente fin aos enfrontamentos entre España e tropas irregulares marroquís coñecidos como a Guerra de Ifni, cando se cedeu oficialmente Cabo Juby a Marrocos.

Situación actual[editar | editar a fonte]

Actualmente o territorio de Cabo Juby encóntrase repartido entre as rexións marroquís de El Aaiún-Saguia el Hamra e Guelmim-Río Nun,[6] (as cales inclúen tamén porcións do Sáhara Occidental, anexionado unilateralmente por Marrocos).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Pedro Giménez de Aragón Sierra. "Proyecto Ibn Jaldun. VII. El colonialismo español en el s. XIX: África. 2. Chafarinas, Sidi Ifni y el Sáhara.". Junta de Andalucía. Consultado o 25 de xullo de 2019. 
  2. 2,0 2,1 Cesáreo Fernández Duro (8 de setembro de 1877). "Cautivos españoles en Cabo Blanco" (PDF). La Ilustración Española y Americana nº XXXIII. p. 156. Consultado o 25 de xullo de 2019. 
  3. José Fernández Bromón (15 de maio de 1888). "Sucesos de Marruecos" (PDF). La Ilustración Española y Americana nº XVIII. p. 307. Consultado o 25 de xullo de 2019. 
  4. Tradución da carta.
  5. Instituto Nacional de Estadistica
  6. Marruecos. Madrid: Ministerio de Asuntos Exteriores de España. Abril de 2016. Consultado o 25 de xullo de 2019.