Cabeza de guerreiro de Rubiás

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista frontal

A cabeza de guerreiro de Rubiás é unha estatua dunha cabeza masculina realizada en granito e datada no século I d.C. Trátase dun dos exemplares máis representativos da escultura galaico romana, no esplendor da cultura castrexa. Na actualidade consérvase no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Historia[editar | editar a fonte]

Descuberta[editar | editar a fonte]

A súa descuberta tivo lugar no Castro de Rubiás situado ao carón do río Cadós, na parroquia de Santiago de Cadós do ourensán concello de Bande.

A existencia deste castro xa era coñecida desde antigo, pero non foi ata o 24 de outubro de 1935 que se puxo de manifesto a súa importancia arqueolóxica grazas á visita dun grupo de membros da Comisión de Monumentos, entre eles López Cuevillas, Otero Pedrayo e Jesús Soria. Esta visita foi recollida pouco despois por Domingo Fontenla no Boletín da Comisión. No seu relato destacou a calidade dos achados materiais e entre eles: unha pequena aguia de bronce, unha inscrición dedicada a Traxano, frisos, xambas e trísceis das cabanas e esta cabeza que foi atopada coroando unha fonte do pobo, completamente descontextualizada.

Estudo[editar | editar a fonte]

Lateral da cabeza

Tradicionalmente tense considerado que esta cabeza é parte da estatua de ADRONO VEROTI F., estatua xa citada como existente no lugar da descuberta no ano 1609 polo celanovense Mauro Castellá Ferrer na súa obra Historia de Santiago Apostol onde fai a seguinte descrición:

... una figura de hombre de piedra, desnudos los brazos, con un saio largo hasta mas arriba cuatro dedos de la rodilla, ceñido con una cinta gravada, y desnudas las piernas, en las manos tiene una rodela o escudo redondo con una punta en medio.[1]

No ano 1733 Huerta y Vega recolleu esta referencia nos seus Annales de Galicia e, un século máis tarde, fixo eco de Juan Agustín Ceán Bermúdez no Sumario de Antigüedades Romanas que hay en España (1832).

Descrición[editar | editar a fonte]

Trátase dunha peza moi ben executada. Un certo aire cadavérico fai semellar que fose elaborada a partir dunha máscara funeraria.

As súas medidas son: 30 x 30 x 20 cm.

Ollos grandes e de forma amendoada e sen pupilas, o nariz prominente e alongado[2]. A boca de beizos moi pouco perfilados represéntase pechada e cun rictus que transmite a idea dunha melancólica ironía. O cabelo represéntase como un lixeiro reborde detrás da cabeza na zona occipital. Algúns autores interpretan este reborde como a representación do casco.

Cabelo ou casco non tapan as ben definidas orellas. O pescozo decórase cun torque do que non se conserva a fronte.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tamén indica que no escudo figura a inscrición que lle dá o nome.
  2. A súa punta foi restaurada despois de ser depositada no museo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Veiga Romero, Ana María. Peza do Mes, novembro 2006, Cabeza de Guerreiro, Rubiás, Bande. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. ISSN 1579-9956 [1]

Outros artigos[editar | editar a fonte]