Cabecinegra escocesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exemplar de cabecinegra escocesa, nunha feira gandeira en Dunblane.

A cabecinegra escocesa é unha raza de ovella orixinaria de Escocia. Tamén se lle chama cabecinegra da Terra Alta, escocesa de montaña, kerry, linton e máis nomes menores. É a ovella máis común no Reino Unido.

Características[editar | editar a fonte]

As cabecinegras escocesas caracterízanse fundamentalmente por ter cornos, tanto os machos coma as femias. Teñen o rostro negro, ás veces con trazas brancas, e as patas tamén negras.

Teñen unha la longa que as protexe da humidade e do vento, e ofrecen unha moi boa resistencia aos climas rigorosos das distintas partes de Gran Bretaña. Hai distintas variedades de cabecinegra escocesa, como a de Perth, que é máis grandeira e cunha la máis longa e frecuente no leste de Escocia, ou a de Lanark, que é algo máis pequena e coa la máis curta, máis común en Escocia e en Irlanda.

Historia[editar | editar a fonte]

Non é seguro cando se comezou a coidar da cabecinegra escocesa coma unha raza á parte, nin onde, pero probabelmente no sur de Escocia e no norte de Inglaterra. Sábese, por exemplo, que algúns mosteiros do século XII xa criaban ovellas de cara escura, fundamentalmente para a produción de la. E en 1503 o rei Xaime IV de Escocia xuntou un rabaño de 5.000 cabecinegras escocesas no bosque de Ettrick, ao sur de Peebles, nas Estremas escocesas.

Na actualidade, unha de cada tres ovellas británicas é unha cabecinegra escocesa, e é a raza máis representativa entre as ovellas de montaña. Dende o sur de Escocia estendeuse cara ao norte no século XIX, chegando á Terra Alta e ás illas escocesas. Tamén chegou daquela ao norte de Irlanda. Esta raza introduciuse nos Estados Unidos en 1861, se ben non é unha raza demasiado común naquel país.

Rendibilidade[editar | editar a fonte]

O éxito da cabecinegra escocesa débese a que é moi boa produtora de carne, de leite e de la. Poden dar un año e unha rapa por ano, incluso cando as condicións de pasto son frouxas. A carne carece de graxa innecesaria e ten un sabor característico. Producen de entre 1,3 e 3 kgs de la anuais, dependendo da variedade de ovella, e a la é unha das máis aprezadas.

É ademais moi resistente a enfermidades, e non se teñen rexistrados casos de mal das ovellas tolas nas armentías de cabecinegras escocesas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]