Voo 972 de Cubana de Aviación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «CUB972»)
Voo 972 de Cubana de Aviación
O avión do accidente en marzo de 2011
Resumo
Data  18 de maio de 2018
Causa  Baixo investigación
Lugar  Santiago de las Vegas
Coordenadas  Coordenadas: 22°59′29″N 82°23′28″O / 22.991388888889, -82.391111111111
Orixe  aeroporto José Martí
Destino  aeroporto Frank País
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 737-200 Advanced
Operador  Global Air no nome de
Cubana de Aviación
Rexistro  XA-UHZ
Pasaxeiros  104
Tripulación  9
Superviventes  3

O voo 972 de Cubana de Aviación era un voo doméstico en Cuba entre o Aeroporto Internacional José Martí na Habana e o aeroporto Frank País en Holguín. O 18 de maio de 2018, o Boeing 737-200 Advanced que voaba a ruta esnafrouse pouco despois de engalar da Habana,[1][2] estoupando en chamas[3][4] a 10 quilómetros do aeroporto,[5] nunha granxa preto de Santiago de las Vegas, a 19 quilómetros do centro da Habana.[3][6] 110 pasaxeiros e tripulantes morreron no accidente.

Avión[editar | editar a fonte]

O aparello era un Boeing 737-200 alugado a Global Air, operando un voo doméstico regular no nome de Cubana de Aviación dende A Habana a Holguín.[7][8] Nos meses anteriores Cubana retirara varios dos seus avións do servizo debido a problemas mecánicos coa súa propia frota, en parte debido ao embargo estadounidense a Cuba, e confiou en avións alugados para manter os seus servizos.[9] O día antes do accidente, o Instituto de Aeronáutica Civil de Cuba deixou en terra á frota de Antonov An-148 de Cubana debido a problemas mecánicos.[10]

O Boeing 737-2H6 foi fabricado en xullo de 1979 e tiña 38 anos.[11] O avión entrou en servizo con Piedmont Airlines, e dende entón operou en aeroliñas do Canadá, Chile, o Camerún, Benín e o Caribe, ademais dun período de cinco anos que voou coa Armada dos Estados Unidos de América, antes de ser mercado por Global Air en 2013.[12] Global Air declarou que o aparello pasara en novembro de 2017 unha inspección gobernamental, e tiña os permisos de operación e alugueiro actualizados.[13]

Accidente[editar | editar a fonte]

O CU-972 era un voo doméstico cara o Aeroporto Internacional Frank País no leste de Cuba. Transportaba un total de 113 persoas, 104 pasaxeiros e 9 tripulantes.[3] O piloto era o capitán Jorge Luis Núñez Santos, e o seu primeiro oficial era Miguel Ángel Arreola Ramírez.[5][14] Cinco dos pasaxeiros eran estranxeiros e polo menos seis dos tripulantes eran mexicanos.[14]

O voo engalou pouco despois das 10:00 hora local e esnafrouse as 12:08 a uns 10 quilómetros do aeroporto.[10] O aparello caeu nunha granxa do estado cubano e non feriu a ninguén en terra.[10] Os restos incendiáronse e testemuñas no aeroporto informaron ter visto unha nube de fume do lugar do sinistro.[6] As primeiras respostas, incluídos bombeiros e ambulancias, saíron da Habana cara o lugar do accidente para iniciar as tarefas de rescate.[10] O aeroporto José Martí pechouse temporalmente tras o accidente, pero abriu esa mesma tarde.[10]

Dos 113 ocupantes, tres mulleres sobreviviron ao accidente, todas elas en estado crítico.[15] Un home sobreviviu pero morreu posteriormente no hospital.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ABC News (ed.). "Jet with 104 passengers crashes just after takeoff in Cuba". Consultado o 19 de maio de 2018. 
  2. "Cuba: more than 100 dead after plane crashes shortly after takeoff". The Guardian. Consultado o 19 de maio de 2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 BBC (ed.). "Cuba plane crash leaves more than 100 dead". Consultado o 19 de maio de 2018. 
  4. CNN (ed.). "More than 100 killed in Cuba plane crash, state media reports". Consultado o 19 de maio de 2018. 
  5. 5,0 5,1 Secretaría de Comunicaciones y Transportes de México (ed.). "Accidente de la aeronave XA-UHZ ocurrido el día 18 de mayo de 2018". Consultado o 19 de maio de 2018. 
  6. 6,0 6,1 "More Than 100 Dead in Plane Crash in Cuba". The Wall Street Journal. Consultado o 19 de maio de 2018. 
  7. Business Insider (ed.). "Boeing passenger jet with over 100 passengers crashes after taking off from Havana". Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2018. Consultado o 19 de maio de 2018. 
  8. The Aviation Herald (ed.). "Crash: Global Damojh B732 at Havana on May 18th 2018, lost height shortly after takeoff". Consultado o 19 de maio de 2018. 
  9. "More than 100 are feared dead in jetliner crash in Cuba". Los Angeles Times. Consultado o 19 de maio de 2018. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 "More than 100 killed in fiery Cuban airplane crash near Havana". Miami Herald. Consultado o 19 de maio de 2018. 
  11. Airfleets (ed.). "Boeing 737 - MSN 21816 - XA-UHZ". Consultado o 19 de maio de 2018. 
  12. "More than 100 people dead after airliner crashes in Cuba on domestic flight". The Washington Post. Consultado o 19 de maio de 2018. 
  13. 13,0 13,1 "More Than 100 Die as Aging Cuban Airliner Crashes". The New York Times. Consultado o 19 de maio de 2018. 
  14. 14,0 14,1 ABC News (ed.). "The Latest: 2 Argentines among dead in Cuba plane crash". Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2018. Consultado o 19 de maio de 2018. 
  15. CNN (ed.). "Plane crashes in Havana with more than 100 on board". Consultado o 19 de maio de 2018.