Saltar ao contido

Cántigas e Frores

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
 Cántigas e Frores
Imaxe
Homenaxe a Xoán Montes, 1949
 Instancia de
Datas
 Fundación / creación
1948 Editar o valor en Wikidata
Historia
 Substitúe
Cantigas e Aturuxos (1915 - )
Frores e Silveiras (década de 1920 - ) Editar o valor en Wikidata
Localización
 Situado en
 Sede
Fontes e ligazóns
 Páxina WEB
 Descrito pola fonte
Wikidata

Cántigas e Frores é unha asociación cultural creada en 1948 en Lugo como unión das agrupacións Frores e Silveiras e Cantigas e Aturuxos, provenientes do Orfeón Galego que dirixía o mestre Xoán Montes. Entre as súas actividades están a organización de cursos, seminarios e encontros de música e danza tradicional, xunto con labores de estudo, fomento e divulgación da cultura tradicional galega. Ademais, conta cun arquivo fonográfico, videográfico e bibliográfico.

Actividade

[editar | editar a fonte]
Cántigas e Frores actúa en 1949 no Centro Galego de Madrid. La Voz de Galicia.

Cántigas e Frores é membro fundador da Federación galega de grupos de danzas e mais da Federación española de agrupacións de folclore. Ademais, foi unha as das entidades impulsoras para promoveren a declaración como Ben de interese cultural do patrimonio inmaterial a música e o baile tradicionais de Galiza.[1]

As súas xiras artísticas inclúen eventos en Galiza, ademais doutros puntos de España, Portugal, China, Arxentina, Bélxica, Brasil, Cuba e Francia.

As actividades docentes atenden grupos infantís, xuvenís e de adultos (iniciación e perfeccionamento) de gaita, percusión tradicional, baile tradicional, acordeón, canto e pandeireta e, nalgunhas ocasións, violín, zanfona ou mesmo patronaxe para a confección do vestiario tradicional.

Reproducen os modelos antigos da roupa e, cando resulta posible, utilízanse pezas orixinais. Así, seguen a liña de manteren a coherencia coa época, estrato social e uso de cada traxe, de xeito que a reprodución se corresponda co patrón antigo, coa tipoloxía e cores dos panos, ademais dun coidado dos complementos, calzado e peiteado.[2][3][4]

Repertorio

[editar | editar a fonte]
No San Froilán, en 2011

A banda de gaitas ten un repertorio tirado de gaiteiros idosos de Lugo, como o Vals do Miro, recollida do mestre Miro da Pontenova, ou a Muiñeira de Piornedo, aprendida de Hermes da Fonsagrada. Tamén ten pezas de cancioneiros, como a Marcha Procesional de Poio do cancioneiro de Bal y Gay ou a Muiñeira da Ponte Sampaio do cancioneiro de Inzenga. De compositores contemporáneos como Xesús Vaamonde, interpretan a Muiñeira de Visantoña; e de Pedro David Lamas Varela, o tema Burriño.

Manaia sea ela, Polavila en Vilaquinte, Muiñeira de Cervantes ou a Rumba de Santo Xusto son outras das pezas habituais das súas actuacións.

Pola súa parte, o repertorio do grupo de baile componse de temas como Xota e Moliñeira da Fonsagrada, Xota de Noceda, Muiñeira de Liñares, Xota e Muiñeira de Zobra, Xota de Forcarei, Xota e e Rumba Farrapa ou Xota e Muiñeira de Merexo, entre outras.

Nos grupos de cantareiros e de cantareiras, coro galego e murga teñen pezas como Xota e Agarrado de Espiñeireda de Ancares; Canto, Agarrado, Xota e Muiñeira de Toutón; Foliada de Lóuzara; Foliada de Bagueixos; e Muiñeiras do Albeiro.[5][6][7]

  1. "DOG 81 do 26/04/2018 - RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o expediente para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o baile tradicional galego". www.xunta.gal. Consultado o 2025-07-19.
  2. "CÁNTIGAS E FRORES". www.cantigasefrores.com. Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2026. Consultado o 2025-07-19.
  3. "Nueva directiva de Cántigas e Frores: “Aprovecharemos el trabajo hecho y seguiremos dándole impulso”". LugoXa (en castelán). Consultado o 2025-09-09.
  4. Lugo, El Progreso de (2025-01-20). "Cántigas e Frores se renueva". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2025-09-09.
  5. "CÁNTIGAS E FRORES. Repertorio". www.cantigasefrores.com. Arquivado dende o orixinal o 26 de setembro de 2023. Consultado o 2025-07-19.
  6. "Cántigas e Frores actuará para celebrar en Lugo o Día Nacional de Galicia". Concello de Lugo. Consultado o 09/09/2025.
  7. Lugo, El Progreso de (2025-06-26). "Cántigas e Frores llenará Lugo de música y baile tradicional con la Feira do 48". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2025-09-09.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]