Saltar ao contido

Buteo jamaicensis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Buteo jamaicensis

Adulto no Condado de Contra Costa, California


Chamada do B. jamaicensis

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Accipitriformes
Familia: Accipitridae
Xénero: Buteo
Especie: Buteo jamaicensis
(Gmelin, 1788)
Sinonimia

Buteo borealis
Buteo broealis (lapsus)
Falco borealis Gmelin
Falco harlani Audubon

Buteo jamaicensis é unha ave de presa e un dos buxatos máis comúns en América do Norte. Vive na maior parte de América do Norte, desde o oeste de Alasca e norte de Canadá e polo sur chega en América Central ata Panamá e as Antillas Menores. Ocupa unha gran diversidade de hábitats e altitudes incluíndo desertos, pradeiras, bosques de coníferas e de caducifolias, campos agrícolas e áreas urbanas. Está ausente en áreas de bosque continuo e no alto Ártico. Goza de protección legal no Canadá, México e os Estados Unidos baixo a Lei do Tratado de Aves Migratorias.

É un dos membros máis grandes do xénero Buteo en América, cun peso duns 690 a 1600 g e de 45-65 cm de lonxitude, cunha envergadura alar de 110-145 cm. As femias son un 25 % máis pesadas que os machos. Ten un corpo robusto con ás anchas, e pode distinguirse doutros buxatos de América do Norte pola cola vermella ladrillo uniforme por arriba e cor laranxa-beixe clara por debaixo. Aliméntase dunha gran variedade de pequenos animais, como roedores, aves e réptiles. As parellas permanecen xuntas toda a vida, e só crean unha nova parella se morre o compañeiro orixinal. A parella constrúe o niño con paus nunha árbore alta, no cal fan unha posta dun a tres ovos.

As 14 especies recoñecidas varías en aspecto e distribución. A subespecie B. j. harlani ás veces considérase unha especie separada (B. harlani). Como son tan comúns e fáciles de adestrar como aves cazadoras de falcoaría, a maioría dos que se capturan nos Estados Unidos dedícanse a esa actividade cinexética. Moitos pobos indíxenas americanos consideran sagradas as súas plumas e outras partes.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita cientificamente en 1788 polo naturalista alemán Johann Friedrich Gmelin co nome Falco jamaicensis.[2] Gmelin baseou a súa descrición na especie descrita en 1781 por John Latham que este chamou "cream-coloured buzzard" na súa obra A General Synopsis of Birds, baseándose nun espécime de Xamaica que lle enviou un amigo.[3] É unha das 28 especies do xénero Buteo, nomeado polo naturalista francés Bernard Germain de Lacépède en 1799.[4][5] Os membros do xénero Buteo son aves rapaces de medio tamaño con corpos robustos e ás anchas, xeralmente chamados buxatos.[6]

O nome do xénero Buteo deriva do latín būteō, que significa 'buxato'. O termo específico jamaicensis refírese á illa de Xamaica, de onde procedía o exemplar a partir do que se describiu a especie.[7][5][8]

Existen polo menos 14 subespecies recoñecidas de Buteo jamaicensis, que varían en distribución e coloración:[9] A subespecie B. j. harlani é ás veces considerada especie separada (B. harlani).[10]

Descrición

[editar | editar a fonte]
En voo mostrando a cola vermella.
Pairando no vento.

É unha especie con dimorfismo sexual no tamaño, xa que as femias son ata un 25 % maiores que os machos.[16] Como é característico das aves rapaces grandes, frecuentemente infórmase dunha masa corporal de B. jamaicensis algo maior que o que revelan as investigacións amplas.[17] Parte deste peso é moi variable estacionalmente e debido a variacións clinais, os machos poden pesar desde 690 a 1300 g e as femias entre 900 e 2000 g. Porén, as investigacións de nove estudos ocorren en sitios de migración nos Estados Unidos e dous estudos da reprodución, un da raza máis pequena de Porto Rico, outro das razas máis grandes de Wisconsin, mostran que os machos pesan unha media de 837 g e as femias pesan unha media de 1040,7 g, aproximadamente un 15 % máis lixeiras que os pesos anteriormente publicados para toda a especie.[17][9][18] Os pesos máis altos rexistrados eran de migrantes en Cape May, Nova Jersey, onde as femias pesaban unha media de 1278 g, os machos unha media de 990,8 g.[9] Os menos pesados eran da poboación reprodutora de bosques abertos de Porto Rico, onde as femias e machos pesaban como media 1023 g e 795 g, respectivamente, que tamén é o dimforismo sexual en tamaño maior da especie. A variación en tamaño en masa corporal revela que B. jamaicensis tipicamente varía só nunha pequena cantidade; como comparación, a variación racial en peso medio do bufo americano mostra que en masa corporal media é de case o dobre (a raza máis pesada é un 36 % máis pesada que a raza coñecida menos pesada como media), tan variable coma a do falcón (no cal a raza mais pesada é só un 18 % máis pesada como media que a máis lixeira).[9][18][19] O machos poden medir de 45 a 60 cm de lonxitude total, as femias miden de 48 a 65 cm de longo. A envergadura alar varía de 105 a 141 cm e, no método científico estándar para medir a envergadura alar, a corda alar é de 325,1-444,5 mm de longo. A lonxitude da cola mide é de 188 a 258,7 mm.[20][21] A deda media (excluíndo a garra) pode variar de 38,3 a 53,8 mm de longo, e a garra da deda posterior (que evolucionou ata ser a máis longa nos accipítridos) mide de 24,1 a 33,6 mm.[17][9]

A plumaxe pode ser variable, dependendo da subespecie e da rexión. Estas variacións de cor son morfos e non están relacionados coa muda. A poboación de América do Norte, B. j. calurus, é a subespecie máis variable e ten tres morfos de cor: claro, escuro e intermedio ou avermellado. Os morfos escuro e intermedio constitúen o 10–20 % da poboación.[22]

Aínda que as marcas e os tons varían nas subespecies, a aparencia básica da especie é consistente. En conxunto, a forma desta especie é máis ben rectangular e ancha e a miúdo máis pesada que outros Buteo de lonxitude similar.[20] Na maioría das variacións de cor obsérvase un ventre abrancazado cunha banda marrón escura a través do ventre, formando manchas horizontais no debuxo das plumas. Especialmente nas aves novas, o ventre pode estar cuberto con manchas marróns escuras. A cola vermella característica desta especie, é dunha cor uniforme vermella ladrillo pola parte superior e laranxa beixe por debaixo.[20][23] O bico é curto e escuro, co gancho característico das aves de presa, e a cabeza pode ás veces parecer de pequeno tamaño comparada coa grosa estrutura do corpo.[20] Teñen unha cola ancha e relativamente curta e ás grosas e robustas.[23] A cera do bico, as patas e os pés son completamente amarelos.[16]

Os adultos adoitan ser fáciles de identificar pola súa cola vermella que remata nunha soa banda negra. Os inmaturos son máis difíciles de identificar e as súas colas teñen un debuxo cunhas seis baras máis escuras. A silueta en voo é unha boa pista para identificalo, e a curta distancia, os seus iris amarelentos dos ollos son característicos. A medida que esta ave completa a súa madureza en 3 ou 4 anos, o iris escurécese lentamente a un ton marrón avermellado.[23][24]

Distribución e ecoloxía

[editar | editar a fonte]
Inmaturo en California.
Individuo xove.

É un dos buxatos máis comúns[25] e máis amplamente distribuídos en América. Reprodúcese desde o centro de Alasca, o Yukón e os Territorios do Noroeste e polo leste ata o sur de Quebec e as Provincias Marítimas do Canadá, e polo sur ata a Florida, as Antillas Menores e América Central. A súa distribución en inverno abrangue desde o sur do Canadá cara ao sur polo resto do seu territorio de reprodución[13]

Os seus hábitats preferidos son os bosques mixtos e os campos, con altos cantís ou árbores que poden utilizarse como sitios para pousarse. Ocupa unha gran variedade de hábitats e altitudes, como desertos, pradeiras, rexións costeiras, montañas, ladeiras, bosques de coníferas e de caducifolias, selvas tropicais, campos agrícolas e áreas urbanas.[1] Só o supera o falcón peregrino no uso de hábitats diversos en América do Norte.[26] Vive por case toda América do Norte, agás en áreas de bosque continuo ou no alto Ártico.[22]

Os adultos teñen poucos predadores naturais, aínda que os seus ovos e crías son presa de diversas especies. É unha especie moi estendida en Améica do Norte,[26] parcialmente debido aos padróns de asentamento humano histórico, que o beneficiaron. A corta de bosques no noroeste creou áreas de caza, mentres que a preservación de zonas arboradas deixoulle á especie sitios viables para nidificar. A incremento de árbores nas Grandes Chairas durante o século XX debido á supresión dos lumes forestais e a plantación de árbores facilitou a expansión da súa distribución no oeste,[27] así como a expansión doutras especies de aves.[28][29][30] A construción de autoestradas con postes para os servizos xunto con medianas sen árbores proporcionaron un hábitat perfecto para a caza desde pousadoiros altos que realiza esta ave. A diferenza dalgunhas outras aves de presa, este buxato parece non inmutarse por actividades humanas considerables e pode nidificar e vivir en estreita proximidade de zonas habitadas.[20] Deste xeito, a especie pode tamén encontrarse en cidades, onde as súas presas máis comúns son a pomba dos penedos e a rata común, as cales poden manter as súas poboacións.[31] Un exemplo foi o dun famoso exemplar urbano alcumado "Pale Male", que foi protagonista dun libro de non ficción titulado Red-Tails in Love: A Wildlife Drama in Central Park, e foi o primeiro buxato desta especie en décadas en conseguir nidificar con éxito e criar proxenie no ateigado barrio de Manhattan da cidade de Nova York.[32][33][34]

Como estes buxatos se alimentan de forma bastante especializada, albergan poucos vermes parasitos comparados con outras especies como o Buteo platypterus, que teñen unha dieta máis ampla.[35] En áreas urbanas están ameazados polo uso de trampas para ratos e isco envelenado para roedores. Estes velenos consisten xeralmente en galletas con warfarina que inducen hemoraxias internas nos roedores, e os buxatos que inxiren este veleno para ratos tamén son afectados.[36]

Comportamento

[editar | editar a fonte]
Dous B. jamaicensis loitando en voo por unha presa. Pintado por John James Audubon.

En voo plana coas ás a miúdo formando un pequeno ángulo, batendo as ás o menos posible para conservar enerxía. O voo activo é lento e deliberado, con batidos das ás profundos. Con vento, ás veces sostense batendo as ás e permanece estacionario no aire sobre un punto do chan.[22] Cando planan ou baten as ás, poden viaxar a velocidades desde 32 a 64 km/h, pero cando se lanzan en picado poden superar os 190 km/h.[37]

Vocalización

[editar | editar a fonte]

A chamada deste buxato é un chío áspero e estridente de dous a tres segundos, descrito como un krii-iii-ar,[31] que empeza nun ton agudo e despois diminúe.[37] A chamada adoita describirse como un son similar ao dun asubío de vapor.[16] Frecuentemente vocaliza mentres caza ou plana, pero vocaliza máis alto cando algo o molesta ou irrita, en resposta a un predador ou á intrusión dun rival no seu territorio.[31] Se está preto, gralla un son como "gu-rank".[38] Os exemplares novos poden proferir un queixumento klii-uk, que é unha petición de comida cando os pais marcharon momentaneamente do niño.[39] A súa feroz chamada utilízase frecuentemente como un efecto sonoro xenérico de ave rapaz en programas de televisión e outros medios de comunicación, mesmo cando a ave representada non é desta especie.[40]

As súas presas son pequenos mamíferos, como roedores e lagomorfos, mais poden tamén comer oportunistamente aves, peixes, réptiles e anfibios. As presas varían coa dispoñibilidade rexional e estacional, pero adoitan centrarse en roedores, que supoñen ata o 85 % da dieta da ave.[16] Os tipos de presas máis comúns das que se informou son ratos, incluíndo tanto especies nativas de Peromyscus coma ratos domésticos; xeomíidos, arvicolinos, chipmunks, esquíos de terra e arbóreos.[41][42] Presas adicionais (mencionadas en orde descendente de probabilidade de predación) son os lagomorfos, musarañas, morcegos,[43] pombas, perdices, córvidos, aves acuáticas, outras aves rapaces, réptiles, peixes, crustáceos, insectos e miñocas de terra.[20] Cando se encontran nas illas do mar Caribe, comen principalmente réptiles, como serpes e lagartos, xa que estes son os animais de terra nativos máis frecuentes nesa rexión.[20] Os espécimes das presas poden ser tan pequenos como escaravellos e vermes. Porén, poden tamén depredar marmotas, lebres Lepus townsendii, ou femias de pavo silvestre, todos os cales son polo menos o dobre de pesados que a maioría deles.[20] Comen tamén prea se o necesitan, aínda que non é a súa fonte de alimento preferida. Durante o inverno en catividade, como media comen uns 135 g ao día.[39]

Comendo un roedor.

Normalmente emprega unha de dúas posibles técnicas de caza. A miúdo, vixía a actividade das presas desde un sitio alto no que está pousado e descende rápido dalí para atrapar a presa. Tamén vixía as presas mentres voa, capturando unha ave en voo ou perseguindo unha presa que está no chan ata que pode cravarlle as gadoupas.[20] Igual que outras rapaces, foron ollados cazando en parellas. Esta colaboración pode consistir en estar ao axexo en lados opostos dunha árbore para rodear un esquío arbóreo e un dos bexatos dirixir o roedor facéndoo fuxir por un dos lados para que case inevitablemente sexa capturado polo outro bexato.[8] Son atraídos oportunistamente por presas que se fan ver, como machos do paxaro ictérido Agelaius phoeniceus facendo a súa exhibición.[16]

Xove comendo un esquío.

O bufo americano ocupa un nicho ecolóxico similar ao do B. jamaicensis pero pola noite, comendo presas similares. Pode haber competición entre estas dúas especies durante as horas de lusco fusco, aínda que as diferentes épocas de nidificación e diferentes momentos de actividade xeralmente resultan nunha falta de competición directa. Se ben as presas do buxato son como media máis grandes (debido en parte á escaseza de esquíos diúrnos na dieta do bufo),[42] o bufo é un predador ocasional dos propios buxatos, de calquera idade, mentres que os buxatos non se sabe que depreden bufos americanos.[41] Outros competidores son outras especies grandes de Buteo, como B, swainsoni e o B. lagopus e tamén o Astur atricapillus, xa que a presas e os métodos de caza destas esepcies ás veces se solapan.[44][45] Observáronse buxatos seguindo teixugos americanos para capturaren as presas que estes fan fuxir, e ambos considéranse potenciais competidores.[46] Pode darse unha competición polas carcasas cos Corvus brachyrhynchos, e varios corvos traballando xuntos poden desprazar un bexato.[47] As rapaces máis grandes, como as aguias, pigargos e Buteo regalis poden roubarlle as presas que cazou.[16]

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Adulto territorial expulsando un inmaturo.

Chega á madureza sexual aos dous anos de idade. É monógamo, apareándose co mesmo individuo por moitos anos. En xeral, só toma unha nova parella cando morre a súa parella orixinal.[48] A parella pode defender un mesmo territorio de nidificación durante anos. Durante o cortexo, o macho e a femia voan en círculos mentres profiren chíos estridentes. Os machos realizan exhibicións aéreas, lanzándose en picado e despois subindo outra vez. Despois de repetiren esta exhibición varias veces, o macho ás veces agarra as gadoupas da femia brevemente coas súas. Os voos de cortexo poden durar 10 minutos ou máis. As secuencias do voo de cortexo a miúdo van seguidas de copulación, aínda que a copulación ocorre frecuentemente en ausencia destes voos.[9][49]

Na copulación, a femia, cando está pousada, inclínase cara adiante, permitindo que o macho aterre colocando os pés nas súas costas horizontais. A femia retórcese e move as plumas da cola a un lado, mentres que o macho montado move a súa abertura cloacal arredor da cloaca da femia. A copulación dura de 5 a 10 segundos e durante o cortexo pre-nidificación a finais do inverno ou inicio da primavera pode producirse numerosas veces cada día.[50]

No mesmo período, a parella constrúe un niño de paus nunha árbore grande de 4 a 21 m de altura ou nunha repisa dun cantil a 35 m de altura ou máis, ou pode facer o niño en estuturas feitas polo home. O niño é xeralmente de 71 a 97 cm de diámetro e pode ser de ata 90 cm de alto. O niño constrúense con ramiñas e pauciños e están forrados de codia de árbore, acículas de piñeiro, carozos de millo, cascas, talos, amentos de álamos, ou outro material vexetal que sirva de forro.[9]

Os bufos americanos compiten con este buxato polos sitios para nidificar. Sábese que ambas as especies matan as crías da outra e destrúenlle os ovos, mais en xeral, ambas as especies nidifican en territorios adxacentes ou confluentes sen conflito. Os buos americanos son incapaces de construír niños e normalmente expropian os niños existentes do buxato. O bufo americano empeza a nidificar moito antes que o buxato, xeralmente xa en decembro. Os buxatos, por tanto, están adaptados a construír niños novos cando o niño dun ano anterior foi tomado polos bufos ou perdido dalgunha outra maneira. Os niños novos están normalmente dentro dun raio dun quilómetro ou menos do niño previo e frecuentemente soamente a uns poucos centos de metros ou menos. Ao ser un predador grande, a maioría da predación que sofren estes buxatos ocorre cos ovos e crías, que son collidos por bufos, córvidos e mapaches.[51]

Pai no niño con polos.

Fan unha posta dun a cinco ovos en primavera, aproximadamente un ovo cada dous días. Ambos os proxenitores chocan os ovos. As crías altriciais eclosionan nun lapso de 2 a 4 días. A femia cóbreos para que estean abrigados mentres que o macho proporciona a maioría da comida á femia. A femia alimenta as crías, desgarrándoa en cachos manexables polo pitos. Pasados 42 a 46 días, as crías empezan a abandonar o niño. A adquisición das plumas, incluíndo a aprendizaxe do voo e da caza, tarda unhas 10 semanas. Unhas 6 ou 7 semanas despois de emplumaren, os xoves empezan a capturar as súas propias presas.[16]

Migración

[editar | editar a fonte]

A especie é un migrante parcial, xa que na maior parte do seu territorio no Canadá e Alasca, case abandona por completo os seus terreos de reprodución.[52][9] Porén, en áreas costeiras do norte, como o Pacífico Noroeste ata o sur de Alasca e en Nova Scotia no Atlántico, xeralmente non migran. As aves tenden a ser territoriais durante o inverno pero poden cambiar de territorio sempre que as necesidades de alimento o demanden.[53] As observacións de buxatos que se fan en outono en Ontario, Quebec, e o norte dos Estados Unidos rexistraron 4.500–8.900 exemplares migrantes, con rexistros de ata 15.000 nunha estación en Hawk Ridge en Duluth, Minnesota.[52][54] A diferenza doutras especies de Buteo, como B. swainsoni e B. platypterus, esta especie non adoita migrar en grupo, senón que pasan un por un, e só migran en días nos que os ventos son favorables.[52][53] A maioría dos migrantes non se moven alén do sur de México a finais de outono.[52][9][55] Os desprazamentos cara ao norte primaverais poden comezar xa a finais de febreiro, cos picos normalmente a finais de marzo e principios de abril. As contaxes estacionais poden chegar aos 19.000 de exemplares en primavera no observatorio de falcóns de Derby Hill, en Oswego, Nova York; ás veces rexistráronse máis de 5.000 nun día alí.[52][56]

Relacións cos humanos

[editar | editar a fonte]

Uso en folcoaría

[editar | editar a fonte]

Esta especie é unha ave moi utilizada en falcoaría, especialmente nos Estados Unidos, onde o deporte da falcoaría está estritamente regulado e onde os B. jamaicensis están moi dispoñibles e permitidos aos falcoeiros novatos. É unha especie moi domesticable e adestrable, cunha disposición máis social que todos os outros falcóns e buxatos á parte do Parabuteo unicinctus.[57] Teñen tamén unha vida longa e son moi resistentes ás doenzas, podendo o falcoeiro manter un mesmo exemplar como compañeiro de caza por moitos anos. Hai menos de 5.000 falcoeiros nos Estados Unidos, así que malia a súa popularidade, calquera efecto negativo sobre a poboación destes buxatos, estimada en aproximadamentre un millón nos Estados Unidos, é desprezable.[58]

Ao non ser tan rápido como os falcóns ou azores, non é a ave de falcoaría máis efectiva e o máis habitual é usalos contra pezas de caza terrestres como coellos ou esquíos. Porén, algúns individuos poden aprender a emboscar aves no chan cunha aproximación rápida sorpresiva e capturalas antes de que poidan acelerar á súa maíma velocidade de escape. Algúns mesmo aprenderon a usar un voo en picado similar ao dos falcóns para capturaren pezas de caza complicadas, como os faisáns. No curso dunha caza típica, un falcoeiro que utiliza un destes buxatos normalmente libera a ave e déixalle que se pouse nunha árbore ou outro lugar alto que lle dea vantaxe. O falcoeiro, que pode ser axudado por un can, entón intenta espantar as presas axitando a a vexetación que cobre o chan. Un buxato ben adestrado seguirá o falcoeiro e o can ao darse conta de que as súas accións producirán oportunidades para capturar as pezas de caza. Unha vez que a rapaz colle a peza, non a leva ao falcoeiro, senón que este debe localizar a ave e a presa capturada, achegándose coidadosamente e cambiándolle á ave a súa presa por un cacho de carne que se lle ofrece.[59]

Uso das súas plumas entre os nativos americanos

[editar | editar a fonte]
Un B. jamaicensis en Oregón.

As plumas e outras partes deste buxato son consideradas sagradas por moitos pobos indíxenas americanos e, igual que as plumas da aguia real e o pigargo de cbeza branca, son ás veces usadas en cerimonias relixiosas e serven para adornar as vestiduras de gala de moitos nativos americanos dos Estados Unidos; estas partes, moi especialmente as súas distintivas plumas da cola, son un obxecto aprezado na comunidade de nativos americanos.[60] Como coas outras dúas especies mencionadas, as plumas e partes do buxato están reguladas pola lei de plumas de aguia,[61] que controla a posesión de plumas e partes de aves migratorias.[62]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International. (2016). Buteo jamaicensis. The IUCN Red List of Threatened Species. doi 10.2305/IUCN.UK.2016-3.RLTS.T22695933A93534834.en
  2. Gmelin, Johann Friedrich (1788). Systema naturae per regna tria naturae : secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis (en latín). 1, Part 1 (13ª ed.). Lipsiae [Leipzig]: Georg. Emanuel. Beer. p. 266. 
  3. Latham, John (1781). A General Synopsis of Birds. Part 1 1. Londres, Reino Unido: Impreso para Benj. White. pp. 49–50. 
  4. Lacépède, Bernard Germain de (1799). "Tableau des sous-classes, divisions, sous-division, ordres et genres des oiseux". Discours d'ouverture et de clôture du cours d'histoire naturelle (en francés). París: Plassan. p. 4.  A numeración das páxinas comeza polo 1 en cada unha das tres seccións.
  5. 5,0 5,1 Gill, Frank; Donsker, David; Rasmussen, Pamela, eds. (2020). "Hoatzin, New World vultures, Secretarybird, raptors". IOC World Bird List (vers 10.2 ed.). International Ornithologists' Union. Consultado o 9 de outubro de 2020. 
  6. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Buteo jamaicensis (J. F. Gmelin, 1788) (TSN 175350)" (en inglés). 
  7. Preston, C. R.; Beane, R. D. (2024). Poole, A. F.; Smith, M. G. (eds.). "Red-tailed Hawk (Buteo jamaicensis), version 1.1". Birds of the World Online. Cornell Lab of Ornithology, Ithaca, NY. [1]
  8. 8,0 8,1 "Red-tailed Hawk". All About Birds. Cornell University. Consultado o 15 de setembro de 2025. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 9,8 Preston, C. R.; Beane, R. D. (2009). The Birds of North America: Red-tailed Hawk (Buteo jamaicensis. The Birds of North America Online. doi:10.2173/bna.52. 
  10. Maxwell, Terry C. (2013). Wildlife of the Concho Valley. Texas A&M University Press. p. 148. ISBN 978-1-62349-006-5. 
  11. Guaraguao Colirrojo en AvesPR.org
  12. Guaraguao colirrojo on EdicionesDigitales
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 13,5 13,6 13,7 Tesky, Julie L. "Buteo jamaicensis". United States Department of Agriculture. Consultado o 10 de xuño de 2007. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 Sibley, David Allen (19 de decembro de 2009). "Subspecies names in the Sibley Guide to Birds". Sibley Guides: Identification of North American Birds and Trees. Random House. Arquivado dende o orixinal o 4 de maio de 2014. Consultado o 4 de maio de 2014.  Sitio web baseado en/libro suplementario Sibley, David Allen (11 de marzo de 2014). The Sibley Guide to Birds (2ª ed.). Knopf Doubleday (Random House). ISBN 9780307957900. 
  15. 15,0 15,1 Howell, Steve N. G.; Webb, Sophie (1995). A Guide to the Birds of Mexico and Northern Central America. Oxford University Press. ISBN 0-19-854012-4. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 16,5 16,6 Dewey, T.; Arnold, D. "Buteo jamaicensis". Animal Diversity Web. Consultado o 5 de xuño de 2007. 
  17. 17,0 17,1 17,2 Hull, J. M.; Hull, A. C.; Sacks, B. N.; Smith, J. P.; Ernest, H. B. .1365-294X.2007.03632.x (2008). "Landscape characteristics influence morphological and genetic differentiation in a widespread raptor (Buteo jamaicensis)". Molecular Ecology 17 (3): 810–824. Bibcode:2008MolEc..17..810H. PMID 18208488. doi:10.1111/j.1365-294X.2007.03632.x. 
  18. 18,0 18,1 Snyder, Noel F. R.; Wiley, James W. (1976). "Sexual size dimorphism in hawks and owls of North America" (PDF). Ornithological Monographs (20): i–vi, 1–96. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de outubro de 2017. Consultado o 20 de outubro de 2017. 
  19. Dunning, John B., Jr., ed. (1992). "Body Masses of Birds of the World. Buteo jamaicensis". CRC Handbook of Avian Body Masses. CRC Press. ISBN 978-0-8493-4258-5. 
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 20,5 20,6 20,7 20,8 Ferguson-Lees, James; Christie, David A. (2001). "Red-tailed Hawk". Raptors of the World. Houghton Mifflin. ISBN 0-618-12762-3. 
  21. |ARKive- Red-tailed Hawk videos, photos and facts Arquivado 4 de xuño de 2012 en Wayback Machine.. Arkive.org. Consultado o 22 de agosto de 2012.
  22. 22,0 22,1 22,2 "Red-tailed Hawk" (PDF). Bureau of Land Management. Consultado o 12 de xaneiro de 2010. 
  23. 23,0 23,1 23,2 "Buteo jamaicensis". U.S. Geological Survey. Arquivado dende o orixinal o 6 de xaneiro de 2016. Consultado o 5 de xuño de 2007. 
  24. Tallman, Dan. "Red-tailed Hawk identification" (PDF). sdou.org. South Dakota Ornithologists' Union. Consultado o 31 de agosto de 2025. 
  25. Scott, Shirley L., ed. (1987). Field Guide to the Birds of North America (Second ed.). National Geographic Society. pp. 194–195. ISBN 0-87044-692-4. 
  26. 26,0 26,1 Garrigues, Jeff. "Biogeography of Red-tailed hawk". San Francisco State University, Department of Geography. Consultado o 28 de xuño de 2007. 
  27. Houston, S. (1983). "Trees and the Red-tailed Hawk in southern Saskatchewan". Blue Jay 41 (2): 99–109. doi:10.29173/bluejay4484. 
  28. Livezey KB (2009). "Range expansion of Barred Owls, part I: chronology and distribution". American Midland Naturalist 161 (1): 49–56. JSTOR 20491416. doi:10.1674/0003-0031-161.1.49. 
  29. Livezey, K.B. (2009). "Range expansion of Barred Owls, part 2: facilitating ecological changes". American Midland Naturalist 161 (2): 323–349. JSTOR 20491442. doi:10.1674/0003-0031-161.2.323. 
  30. Livezey, K.B. (2010). "Killing barred owls to help spotted owls II: implications for many other range-expanding species". Northwestern Naturalist 91 (3): 251–270. JSTOR 40983223. doi:10.1898/NWN09-38.1. 
  31. 31,0 31,1 31,2 "Red-tailed Hawk" (PDF). Sky-hunters.org. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de maio de 2008. Consultado o 16 de xuño de 2007. 
  32. Pale Male – Introduction – Red-tailed Hawk in New York City |Nature. PBS (maio de 2004). Consultado o 22 de agosto de 2012.
  33. Geist, Bill (10 de xullo de 2003). "In Love With a Hawk". CBS. Consultado o 17 de xuño de 2007. 
  34. Pale Male – the Central Park Red Tail Hawk website
  35. Kinsella, John M.; Foster, Garry W.; and Forrester, Donald J. (2024) "Parasitic Helminths of Six Species of Hawks and Falcons in Florida," Journal of Raptor Research: Vol. 29 : Iss. 2, Article 6. Available at: https://digitalcommons.usf.edu/jrr/vol29/iss2/
  36. "Raptors and Rat Poison". allaboutbirds.org. 15 de xullo de 2015.
  37. 37,0 37,1 Day, Leslie. "The City Naturalist – Red Tailed Hawk". 79th Street Boat Basin Flora and Fauna Society. Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 1997. Consultado o 17 de xuño de 2007. 
  38. "Red-Tailed Hawk". Oregon Zoo. Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2012. Consultado o 16 de xuño de 2007. 
  39. 39,0 39,1 "Red-tailed Hawk – Buteo jamaicensis". The Hawk Conservancy Trust. Consultado o 5 de xuño de 2007. 
  40. "San Diego Zoo's Animal Bytes: Red-Tailed Hawk". San Diego Zoo. Consultado o 3 de marzo de 2012. 
  41. 41,0 41,1 Springer, Mark Andrew; Kirkley, John Stephen (1978). "Inter and Intraspecific interactions between Red-Tailed Hawks and Great Horned Owls in Central Ohio". The Ohio Journal of Science 78 (6): 323–328. hdl:1811/22576. 
  42. 42,0 42,1 Marti, Carl D.; Kochert, Michael N. (1995). "Are Red-tailed Hawks and Great Horned Owls diurnal–nocturnal dietary counterparts?" (PDF). Wilson Bulletin 107 (4): 615–628. JSTOR 4163598. 
  43. Mikula, P., Morelli, F., Lučan, R. K., Jones, D. N., Tryjanowski, P. (2016). "Bats as prey of diurnal birds: a global perspective". Mammal Review 46 (3): 160. Bibcode:2016MamRv..46..160M. doi:10.1111/mam.12060. 
  44. Feller, Walter. "Red-tailed Hawk". Desert Wildlife. Digital-Desert. Consultado o 16 May 2011. 
  45. Gatto, Angela E.; Grubb, Teryl G.; Chambers, Carol L. (2006). "Red-tailed Hawk dietary overlap with Northern Goshawks on the Kaibab Plateau, Arizona" (PDF). Journal of Raptor Research 39 (4): 439–444. 
  46. Patrick K. Devers; Kiana Koenen; Paul R. Krausman (2004). "Interspecific interactions between badgers and red-tailed hawks in the Sonoran Desert, southwestern Arizona". The Southwestern Naturalist 49 (1): 109–111. JSTOR 3672278. doi:10.1894/0038-4909(2004)049<0109:IIBBAR>2.0.CO;2. 
  47. Langley, William (2001). "Competition between American crows and red-tailed hawks for a carcass: flock advantage". Transactions of the Kansas Academy of Science 104 (1–2): 28–30. JSTOR 3628087. doi:10.1660/0022-8443(2001)104[0028:CBACAR]2.0.CO;2. 
  48. Terres, John K. (1980). The Audubon Society Encyclopedia of North American Birds. Nova York: Knopf. p. 1109. ISBN 0-394-46651-9. 
  49. Luttich, Stuart N.; Keith, Lloyd B. (1971). "Population Dynamics of the Red-Tailed Hawk (Buteo jamaicensis) at Rochester, Alberta" (PDF). The Auk 88 (1): 75–87. JSTOR 4083962. doi:10.2307/4083962. 
  50. "Buteo jamaicensis". Oiseaux.net. Consultado o 7 de xuño de 2007. 
  51. "Red-tailed Hawk, Buteo jamaicensis". Study of Northern Virginia Ecology. Fairfax County Public Schools. Arquivado dende o orixinal o 6 de xaneiro de 2016. Consultado o 16 May 2011. 
  52. 52,0 52,1 52,2 52,3 52,4 Ferguson-Lees, J.; Christie, D. (2001). Raptors of the World. Londres: Christopher Helm. ISBN 978-0-7136-8026-3. 
  53. 53,0 53,1 Palmer, R. S., ed. (1988). Handbook of North American birds. Volume 5 Diurnal Raptors (part 2).
  54. Farmer, C. J., Bell, R. J., Drolet, B., Goodrich, L. J., Greenstone, E., Grove, D., & Sodergren, J. (2008). "Trends in autumn counts of migratory raptors in northeastern North America, 1974–2004" (PDF). Series in Ornithology 3: 179–215. 
  55. Castaño R, A. M. & Colorado G.J. (2002). "First records of red-tailed hawk Buteo jamaicensis in Colombia". Cotinga 18: 102. 
  56. Haugh, J. R., & Cade, T. J. (1966). "The spring hawk migration around the southeastern shore of Lake Ontario". The Wilson Bulletin 78 (1): 88–110. JSTOR 4159454. 
  57. Beebe, Frank (1984). A Falconry Manual. Hancock House Publishers, ISBN 0-88839-978-2.
  58. "Migratory Bird Permits; Changes in the Regulations Governing Falconry; Notice of Intent To Prepare an Environmental Assessment for Falconry and Raptor Propagation Activities; Proposed Rule and Notice". Department of the Interior: Fish and Wildlife Service. Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2007. Consultado o 14 de xuño de 2007. 
  59. McGranaghan, Liam J. (2001). The Red-Tailed Hawk: A Complete Guide to Training and Hunting North America's Most Versatile Game Hawk. Western Sporting Publications. p. 181. ISBN 0-9709571-0-6. 
  60. Collier, Julie (Spring 2003). "The Sacred Messengers". Cross Paths (Mashantucket Pequot Museum) 6 (1). Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2008. Consultado o 20 de xuño de 2007. 
  61. "TITLE 50—Wildlife and Fisheries". Electronic Code of Federal Regulations (e-CFR). Consultado o 20 de xuño de 2007. 
  62. Cook, Stephen. "Feather Law". Mashantucket Pequot Museum. Arquivado dende o orixinal o 5 de agosto de 2012. Consultado o 20 de xuño de 2007. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Obras históricas

[editar | editar a fonte]
  • John James Audubon. The Red-tailed Hawk in Ornithological Biography vol. 1 (1831), pp. 265–272 (tamén en WikiSource, ver á dereita). The Red-tailed Buzzard in The Birds of America vol. 1 (1840), pp. 32–38. [A edición de 1840 parece ser unha combinación das dúas obras complementarias de inicios da década de 1830: as placas de Birds of America e as descricións de Ornithological Biography.]
  • John James Audubon. The Black Warrior in Ornithological Biography vol. 1 (1831), pp. 441–443 (tamén en WikiSource, ver á dereita). Harlan's Buzzard en The Birds of America vol. 1 (1840), pp. 38–40.