Burramys parvus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Burramys parvus
Pósum pigmeo das montañas

Rango fósil: plistoceno - actualidade [1]
Estado de conservación
Crítico
Crítico[2]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Marsupialia
Magnorde: Australidelphia
Superorde: Eometatheria
Orde: Diprotodontia
Suborde: Phalangeriformes
Superfamilia: Phalangeroidea
Familia: Burramyidae
Xénero: Burramys
Especie: B. parvus
Nome binomial
Burramys parvus
Broom, 1898
Área de dispersión de Burramys parvus

Área de dispersión de Burramys parvus

Burramys parvus é unha especie de mamífero marsupial australidelfo da orde dos diprotodontes, suborde dos falanxeroideos e familia dos burramíidos, que é a única integrante actual do xénero Burramys.[3][4] coñecido na bibliografía internacional como pósum pigmeo das montañas.[5]

Trátase dun pequeño mamífero omnívoro das montañas do sur de Australia que se encontra en grave perigo de extinción, moi ameazada polo quentameto global.[6]

A especie foi descrita en 1898 polo médico e paleontólogo australiano de orixe escocesa Robert Broom, en Proc. Linn. Soc. N.S.W., 10: 564.[3]

Este marsupial, coñecido desde 1895 como fósil, foi redescuberto vivo en 1966.

Características[editar | editar a fonte]

Mide 11 cm de lonxitude desde a cabeza até a cola, que alcanza os 14 cm. O seu peso é de tan só 45 g. Ten a aparencia dun rato cunha pelaxe gris que se fai amarelada no ventre. A cola está desprovista de pelo. A femia ten catro mamilas no marsupio.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Encóntrase no sur do estado de Victoria e no Parque Nacional de Mont Kosciuszko en Nova Gales do Sur, nas rexiós montañosas, entre os 1 400 e os 2 000 m de altitude. Vive en pedregais e cúmulos de rochas.[2]

A especie ten tres poboacións illadas entre si, xeneticamente distintas:

  • Unha entre o monte Bogong e o monte Higginbotham, en Victoria.
  • Outra no monte Buller, en Victoria
  • E a terceira na rexión de Kosciuszko, en Nova Gales do Sur.[7]

A súa área de dispersión é moito máis pequeña que a distribución asignada, xa que se estima que ocupa menos de 6 ou 7 km².[8][9]

Costumes[editar | editar a fonte]

É un animal nocturno que pasa o día durmindo.

A maior parte do ano, os machos e as mias viven por separado, as femias viven máis alto que os machos. Na época de celo, os machos soben para achegárense ás femias.

No monte Higginbotham, os machos debían cruzar para isto unha estrada, que poñía a súa vida en perigo. Para eviatalo construiuse un túnel que pasa baixo a estrada (e que os habitantes da zona chaman o túnel do amor) e os sinais da estrada advirten aos condutores que teñan coidado.

Nutrición[editar | editar a fonte]

Aliméntase de insectos, arañas, vermes, froitos, noces e grans, que poden recoller no verán e gardar para consumir na estación fría.

Reprodución[editar | editar a fonte]

A época de celo é no outono, entre novembro e decembro. Os partos son xeralmente de catro crías.

Supervivencia da especie[editar | editar a fonte]

A poboación de Burramys parvus estimábase en 1994 que alcanzaba os 2 600 animais, dos que ao redor de 2 000 eran femias e 600 machos. É unha das especies máis vulnerábeis debido ao aumento das temperaturas en Australia no século XX, debido a que o seu ciclo de vida require que as montañas estean cubertas de neve durante un longo período. Calcúlase que un aumento na temperatura de 1 °C destruiría o seu hábitat.[6]

Aínda que é unha especie común onde se encontra, a súa poboación está diminuindo. Broome, en 2008, estimou a poboación total en aproximadamente 1 700 adultos femias e 550 machos.[9]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

En 2008 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualificou o status da especie como CR (en perigo crítico) debido a que a súa área de dispersión é de menos de 100 km², nos que ocupa menos de 10 km²; ademais a poboación está moi fragmentada, e persiste a caída na extensión e calidade do seu hábitat e o número de individuos maduros.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Burramys, Broom 1898 en Fossilworks.
  2. 2,0 2,1 2,2 Menkhorst, P., Broome, L. & Driessen, M. (2008): Burramys parvus na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2015-4. Consultada o 1 de xuño de 2016.
  3. 3,0 3,1 Burramys en MSW,
  4. Burramys Broom, 1898 no ITIS.
  5. Burramys parvus en Murray Wrobel (2007): Elsevier's dictionary of mammals: in Latin, English, German, French and Italian. Elsevier. ISBN 978-0-4445-1877-4, páx. 56.
  6. 6,0 6,1 "Coup de chaleur sur les forêts australiennes", Planète Science, 5 (3): 20. xullo–setembro de 2007. Ler en pdf.
  7. Osborne, M. J.; Norman, J. A.; Christidis, L. & Murray, N. D. (2000): "Genetic distinctness of isolated populations of an endangered marsupial, the mountain pygmy-possum, Burramys parvus". Molecular Ecology 9: 609-613.
  8. Heinze, D.; Broome, L. & Mansergh, I. (2004): "A review of the ecology and conservation of the mountain pygmy-possum Burramys parvus". En: R. L. Goldingay & S. M. Jackson (eds), The Biology of Australian Possums and Gliders, pp. 254-267. Surrey Beatty & Sons, Chipping Norton, Oxford, UK.
  9. 9,0 9,1 Broome, L. S. (2008): "Mountain Pygmy-possum, Burramys parvus". En: S. Van Dyck & R. Strahan (eds), The mammals of Australia. Third Edition, pp. 210-212. Reed New Holland, Sydney, Australia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]