Bruno de Colonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Bruno de Colonia
Nicolas Mignard 001.jpg
Nacemento1030
Lugar de nacementoColonia
Falecemento6 de outubro de 1101
Lugar de falecementoCertosa di Serra San Bruno
NacionalidadeAlemaña
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónescritor, sacerdote católico, anacoreta e monge católico romano
editar datos en Wikidata ]
San Bruno nos montes de Calabria. Obra de Juan Sánchez Cotán, O. Cart, de principios do século XVII.

Bruno de Colonia, nado en Colonia (actual Alemaña) c. 1030 e finado en Serra San Bruno (Italia) o 6 de outubro de 1101, foi un relixioso católico fundador da Orde dos Cartuxos. É considerado santo pola Igrexa católica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade[editar | editar a fonte]

Descoñecendo a data exacta do seu nacemento, admítese que naceu entre o 1024 e o 1030 en Colonia, naquela altura unha cidade-estado integrante do Sacro Imperio Romano Xermánico.[1] Nado no seo dunha familia senlleira e formouse academicamente na escola de San Cuniberto na súa cidade natal, ata que con 15 anos trasladouse a Reims (Francia) para cursar os estudos superiores na escola catedralicia.[2] Alí fíxose sacerdote e foi nomeado cóengo da catedral e cara 1056 mestrescola, é dicir superior, da escola da catedral de Reims, unha das principais institucións intelectuais da época e onde tería como alumno ao futuro papa Urbano II.[3]

En 1068 ou 1069 Manasés de Gournay foi nomeado arcebispo de Reims. A súa designación foi mediante a simonía, é dicir, a compra do cargo co beneplácito do rei Filipe I de Francia. Manasés foi atacado polo seus abusos, aínda que intentou congraciarse cos críticos promovendo a Bruno de Colonia ao cargo de chanceler, encargado da expedición e rexistro da documentación da curia arcebispal.[1][2] Máis críticas continuaron, sendo Bruno de Colonia un dos que denunciaba as arbitrariedades. A situación derivou nun conflito co arcebispo que acabou por cesar dos seus cargos a Bruno, en 1076, quen canda outros compañeiros fuxíu de Reims por medo ás represalias, atopando refuxio no castelo do conde Ebal de Roucy.[4][5] Bruno e os outros perseguidos denunciaron Manasés por simonía no Concilio de Clermont en 1076 e, de novo, no de Autun, onde foi suspendido nas súas funcións, aínda que ordenou a confiscación dos bens dos seus críticos. O enfrontamento continuaría ata que en 1080 o papa Gregorio VII destituíu definitivamente a Manasés. Segundo a tradición, a experiencia da persecución e da perda dos seus bens reafirmaron a súa vontade de retiro para achegarse a Deus.[2][1] Foi así que buscou integrarse na vida monástica, partindo canda outros dous compañeiros, Lamberto e Pedro, cara Molesmes, onde o abade do mosteiro, Roberto, logo un dos fundadores do Císter, permitiu que se instalaran nunha leira en Sèche-Fontaine. Aló formaron unha comunidade case eremita que se mantivo entre 1081 e 1083. Tras esta experiencia rexeita unirse á vida cenobítica do mosteiro, marchando con outros compañeiros a Grenoble, onde son recibidos polo bispo Hugo de Châteauneuf.

Fundación da Orde dos Cartuxos[editar | editar a fonte]

Ilustracións dun libro do século XV que mostran ao bispo Hugo conducindo a Bruno de Colonia e os seus seguidores ata o lugar onde fundar a Grande Cartuxa.

En Grenoble, no ano 1084, consegue o apoio do bispo para establecer un eremitorio no monte que estará formado por Bruno e outros sete compañeiros.[3] Segundo a tradición, Hugo, guiado por un soño no que sete estrelas lle indicaban o lugar, levounos ata o macizo prealpino de Chartreuse.[1] Este é considerado como o momento fundacional da Orde dos Cartuxos e fundación da casa nai da orde, a Grande Cartuxa. Bruno e os seus ergueron un refuxio que consistía nunhas cabanas de madeira abertas a unha galería que lles daba acceso ás zonas comúns (igrexa, refectorio, sala capitular) mais protexidos das condicións climáticas. Deste xeito, estableceron a arquitectura que logo imitarán o resto de cartuxas, pero tamén esa comunidade era heteroxénea internamente: se ben cinco eran relixiosos, dous non o eran, senón que eran leigos que traballaban para garantir a supervivencia dos outros, centrados na contemplación. Así se establecía unha das particularidades da Orde dos Cartuxos, a convivencia no mosteiro dos chamados monxes do claustro, monxes que tamén son sacerdotes, e os conversos, aqueles monxes que non son curas e traballaban nos servizos precisos para a comunidade. En 1086, o bispo Hugo de Grenoble confirmou as doazóns feitas para fundar o eremitorio.

En 1090 foi convocado polo seu antigo alumno e agora papa Urbano II a Roma, obrigándolle a marchar da cartuxa. Ao servizo do papa trasladouse con el ao sur de Italia marchando da ofensiva do emperador Henrique IV contra Roma. Sen adaptarse á corte papal e botando en falta a vida que pensara na cartuxa, Bruno de Colonia rexeitou aceptar o ofrecemento do pontífice para ser arcebispo de Reggio. Co apoio papal fundou un novo eremitorio en Calabria: Santa María da Torre. Alí faleceu o 6 de outubro de 1101.[3]

Canonización[editar | editar a fonte]

Logo da súa morte foi considerado xa santo en Calabria así como en Reims.[1] En 1514, o papa León X autorizou aos cartuxos a render culto ao seu fundador, e en 1674, Clemente X estendeuno a toda a Igrexa católica.[6]

Representación iconográfica[editar | editar a fonte]

Malia a que a súa vida monacal foi serodia, adoita ser representado como un home novo, cunha ampla tonsura e de barba rasurada, levando como vestido o hábito cartuxo: túnica branca con amplas mangas, cinto negro e o característico capucho.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Breve historia de San Bruno". www.chartreux.org. Consultado o 2021-11-12. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 López Campuzano, Julia (1997). "Aportaciones a la iconografía de San Bruno". Anales de Historia del Arte (7): 193–210. ISSN 0214-6452. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "San Bruno". Cartuja de Miraflores (en castelán). Consultado o 2021-11-12. 
  4. Amat, Alfredo López (1987-07-01). El seguimiento radical de Cristo / 1: Esbozo histórico de la Vida Consagrada (en castelán). Encuentro. ISBN 978-84-7490-172-6. 
  5. Renuncio, Miguel (2007-06-26). San Bruno, el primer cartujo (en castelán). Centro De Pastoral Liturgic. ISBN 978-84-9805-198-8. 
  6. "SAN BRUNO, Fundador de la Orden de los Cartujos". www.aciprensa.com. Consultado o 2021-11-12.