Bruno García
| Biografía | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Nacemento | 6 de xuño de 1974 Ferrol, España | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Actividade | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Ocupación | judoka, adestrador de fútbol sala | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Bruno García Formoso, nado en Ferrol o 6 de xuño de 1974, é un exjudoka e adestrador galego de fútbol sala, que dende 2024 dirixe a selección nacional de Kuwait. Cunha ampla traxectoria de máis de 25 anos como técnico, adestrou sete clubs da Primeira e a Segunda División de España, así como dous clubs na China e as seleccións nacionais do Perú, Vietnam, Xapón e Kuwait.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezos no judo
[editar | editar a fonte]Durante a súa xuventude practicou fútbol sala e judo, chegando a obter bos resultados neste último.[1] Membro do ximnasio Bitácora de Ferrol, en febreiro de 1990 conseguiu a medalla de bronce no Campionato Galego sub-19 en categoría de menos de 50 kg,[2] e dous meses despois proclamouse en Riazor campión galego sub-17.[3] Ao ano seguinte proclamouse campión galego sub-19 na categoría de 55 kg, despois de derrotar por ippon na final ao coruñés Héctor Naveiras, e en 1992 conseguiu o mesmo título na categoría de menos de 60 kg, despois de vencer todos os combates por ippon.[4][5] En decembro do mesmo ano conseguiu a medalla de bronce no Campionato de España sub-19 en Valladolid.[6] Tras obter tamén bos resultados nos campionatos galegos absolutos, unha lesión aos 19 anos obrigouno a deixar o judo.[1]
Boandanza e Parrulo
[editar | editar a fonte]A continuación licenciouse en Educación Física e conseguiu praza fixa como profesor nun colexio, traballo que compaxinou durante un tempo coa labor de adestrador de fútbol sala.[7] Así, foi preparador físico e axudante do adestrador do Boandanza Fene, Luis Pereira, co que conseguiu o ascenso á División de Prata no ano 2000, e tamén na selección galega.[8] En 2001 colleu as rendas do Boandanza, substituíndo a Pereira, e dirixiu o club durante dous anos na segunda categoría do fútbol sala español. En 2003 rexeitou varias ofertas, algunhas delas do estranxeiro, para continuar en Ferrolterra, onde fichou polo Parrulo.[9] Adestrou durante un ano o club ferrolán, sen conseguir achegarse aos postos de ascenso.
Grupo Pinar
[editar | editar a fonte]En 2004 decidiu deixar Galicia, así como a súa praza de profesor, para dedicarse por completo á labor de adestrador profesional, e aceptou a oferta do Grupo Pinar Adecor de Córdoba.[10][11] Na súa primeira campaña no club andaluz, conseguiu clasificar o equipo na terceira posición do seu grupo, meténdose así nos play-offs de ascenso á División de Honra, onde caeu na primeira rolda ante o Bilbo, club que acabou ascendendo.[11] Na tempada 2005/06 rematou na segunda posición do Grupo A, volvendo xogar os play-offs, pero volveu ser eliminado na primeira fase, desta vez ante o FC Barcelona.[11]
Leis Pontevedra e Azkar Lugo
[editar | editar a fonte]En 2006 volveu ao fútbol sala galego como novo adestrador do Leis Pontevedra, e na súa primeira e única campaña conseguiu ascender o club á División de Honra por primeira vez na súa historia.[12] A continuación fichou polo Azkar Lugo, co que debutou na máxima categoría.[12] Con xogadores como Fernandinho ou Marcelo, o conxunto lucense obtivo un histórico quinto posto final, a mellor clasificación do club en toda a súa existencia, e Bruno García foi elixido mellor adestrador da liga.[13] Dirixiu o Azkar tres anos máis na División de Honra ata a súa marcha en 2011, motivada por diferenzas co presidente Manuel Vázquez.[14]
Oxipharma
[editar | editar a fonte]Trala súa saída de Lugo fichou polo Oxipharma de Granada, co que se proclamou campión da renomeada Segunda División, conseguindo así o ascenso a Primeira.[15][16] Con todo, xusto tralo ascenso a empresa Oxipharma retirou o seu patrocinio do club, o que levou á consecuente desaparición da entidade.[17]
China
[editar | editar a fonte]Trala decepción coa desaparición do Oxipharma, puxo rumbo á China, onde asinou como novo adestrador do Changchun Fengyun, club que viña de crear unha sección de fútbol sala na máxima categoría.[18] Tras conseguir a permanencia na primeira volta, pasou ao Zhejiang Dragon, que estaba a pasar por un mal momento deportivo. Pero trala chegada de Bruno García o equipo mudou a súa traxectoria e cunha colleita de 19 vitorias en 22 partidos acabou proclamándose subcampión de liga, só por detrás do Shenzhen Nanling Tielang.[19]
Perú
[editar | editar a fonte]En 2013 cambiou de novo de continente e púxose á fronte da selección nacional do Perú, converténdose no primeiro seleccionador europeo nun combinado suramericano.[20] Asinou un contrato de tres meses, tempo no que levou o equipo a gañar a medalla de bronce nos Xogos Bolivarianos, o primeiro metal peruano nun deporte de equipo.[20]
Vietnam
[editar | editar a fonte]A pesar de contar cunha oferta de renovación no Perú, decidiu rexeitala e aceptar outra da Federación Vietnamita, regresando así a Asia para dirixir a selección de Vietnam.[20] En 2014 participou na Copa Asiática de Fútbol Sala, máxima competición continental, onde logrou o pase á fase eliminatoria, quedando eliminado nos oitavos de final tras perder ante Irán.
Ese mesmo ano disputou en Malaisia o Campionato da AFF, destinado a seleccións so Sueste asiático, onde conseguiu o primeiro posto do grupo B. Xa en semifinais caeu ante a selección australiana por 3-4 na prórroga e posteriormente conseguiu a medalla de bronce ao derrotar a Indonesia no partido polo terceiro posto.[21] Paralelamente, Bruno García dirixiu o Thai Son Nam, co que se proclamou campión da Copa de Vietnam.[22]
En 2016 disputou a súa segunda Copa Asiática, onde conseguiu unha histórica vitoria nos cuartos de final contra o Xapón, o que lle valeu ao Vietnam o pase ás semifinais e a súa clasificación para a Copa do Mundo dese mesmo ano. Debutou no Mundial de Colombia cunha vitoria ante a Guatemala adestrada polo salmantino Tomás de Dios e clasificouse para a fase eliminatoria, onde Vietnam foi finalmente eliminado en oitavos por Rusia.[23]
Xapón
[editar | editar a fonte]Tralo Mundial deixou Vietnam para aceptar o cargo de adestrador da selección nacional do Xapón.[24] Co combinado nipón disputou a Copa Asiática de 2018 en Taipei, onde acadou a final, perdéndoa por 4-0 contra Irán.[25] En 2021 participou na súa segunda Copa do Mundo e conseguiu clasificar o Xapón para os oitavos de final, onde foron eliminados polo equipo ruso.[26] Deixou o cargo de seleccionador xaponés tralo Mundial e pouco despois foi elixido como o cuarto mellor seleccionador do mundo nos FutsalPlanet Awards.[27][28]
Betis
[editar | editar a fonte]En 2022, despois dunha década fóra, regresou ao fútbol sala español asinando como novo técnico do Betis, da Primeira División. Na súa primeira tempada acabou a liga na 12ª posición, mentres que non conseguiu rematar a seguinte campaña, ao ser cesado en marzo de 2024 debido aos malos resultados.[29]
Kuwait
[editar | editar a fonte]Trala súa saída do Betis, en 2024 volveu ao fútbol sala asiático, como novo seleccionador de Kuwait.[30]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Como judoka
[editar | editar a fonte]- Campión de Galicia sub-17 (1): 1990.
- Campión de Galicia sub-19 (2): 1991, 1992.
Como adestrador de fútbol sala
[editar | editar a fonte]- Oxipharma FS
- Segunda División (1): 2011/12.
- Selección do Perú
- Medalla de bronce dos Xogos Bolivarianos (1): 2013.
- Thai Son Nam
- LS Cup (1): 2015.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Da Galiza para o mundo: a elite do futsal internacional fala galego". Nós Diario. 24 de outubro de 2024. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Los judokas locales lograron cuatro medallas en la última prueba regional Sub-19". La Voz de Galicia (en castelán) (Ferrol ed.). 8 de febreiro de 1990. p. 37.
- ↑ "En breve". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 30 de abril de 1990. p. 51.
- ↑ "Mañana se disputa en A Malata una nueva jomada de la liga Rank Xerox de judo". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de marzo de 1991. p. 43.
- ↑ "Los judokas lucenses obtuvieron cinco medallas de oro en el torneo gallego júnior". La Voz de Galicia (en castelán) (A Mariña ed.). 21 de xaneiro de 1992. p. 43.
- ↑ "Nombres propios". La Voz de Galicia (en castelán) (Ferrol ed.). 2 de decembro de 1992. p. 72.
- ↑ "ENTREVISTA UNIVERSO FUTSAL a BRUNO GARCÍA FORMOSO" (en castelán). 7 de abril de 2016. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Luis Pereira, seleccionador gallego de fútbol sala sénior". La Voz de Galicia (en castelán) (Ferrol ed.). 19 de abril de 2000. p. 54.
- ↑ "Bruno García acepta la oferta para entrenar al Fórum". La Voz de Galicia (en castelán) (Ferrol ed.). 5 de maio de 2003. p. 47.
- ↑ "Bruno García deja O Parrulo". La Voz de Galicia (en castelán) (Ferrol ed.). 9 de xuño de 2004. p. 42.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 ""No hay día que no me acuerde de ese partido"" (en castelán). 30 de abril de 2011. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ 12,0 12,1 "Bruno García, elegido nuevo técnico del Azkar Lugo FS" (en castelán). 27 de xuño de 2007. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Bruno García, mejor entrenador de la temporada de fútbol sala". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de xuño de 2008. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Me voy pero dejo herencia". El Progreso (en castelán). 20 de xullo de 2011. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Bruno García espera en la antesala del Oxipharma Rober" (en castelán). 5 de xullo de 2011. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "El Oxipharma Granada es de Primera". Marca (en castelán). 5 de maio de 2012. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "El Oxhipharma Granada no jugará en Primera". Marca (en castelán). 5 de xuño de 2012. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Bruno García se marcha a la conquista de China" (en castelán). 5 de outubro de 2012. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Bruno García conquista el primer hito de su aventura asiática" (en castelán). 3 de abril de 2013. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 "Bruno García: "España es un modelo en deportes de equipo"" (en castelán). 28 de febreiro de 2014. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Vietnam - Australia" (PDF). aseanfootball.org (en inglés). Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Bruno García logra la Copa de Vietnam con el Thai Son Nam". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xullo de 2015. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "El español García dice que Vietnam recibió "un doctorado"" (en castelán). 21 de setembro de 2016. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Cựu HLV trưởng tuyển futsal Việt Nam Bruno Garcia dẫn dắt tuyển Nhật Bản" (en vietnamita). 20 de outubro de 2016. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Xapón 0-4 Irán". the-afc.com (en inglés). Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Bruno García: «El fútbol sala es un deporte que se ha globalizado»" (en castelán). 28 de outubro de 2021. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Cựu thuyền trưởng ĐT Việt Nam từ chức HLV ĐT futsal Nhật Bản" (en vietnamita). 22 de outubro de 2021. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Bruno García, el regreso a la LNFS diez años después del candidato a Mejor Seleccionador del Mundo" (en castelán). 25 de xuño de 2022. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Bruno García deja de ser entrenador del Real Betis Futsal" (en castelán). 8 de marzo de 2024. Consultado o 1 de xullo de 2025.
- ↑ "Kuwait ficha a Pedro Vila 'Pachi'" (en castelán). 17 de abril de 2025. Consultado o 1 de xullo de 2025.