Bretóns en Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Os bretóns, ou britóns, foron un pobo de orixe céltico que habitaron Gran Bretaña dende tempos prehistóricos. A invasión romana e a posterior romanización supuxo a adopción do latín e a civilización romana polos bretóns do sur da illa o que facilitaría a adopción do cristianismo no século IV. A anarquía propia do final do Imperio Romano de Occidente permitiu que tanto outros célticos dende o norte (pictos e escotos) coma os xermánicos polo leste (anglos, saxóns e xutos) invadisen as súas terras forzándoos a emigrar a Armórica, onde fundarían Bretaña e a Galiza, onde fundarían Bretoña.

Chegada a Galiza[editar | editar a fonte]

Mapa dos asentamentos britanos arredor do século VI d.C.

As expedicións bretoas, descoñécese se directamente de Gran Bretaña ou a través da Bretaña, chegaron a Galiza a fins do século V e comezos do VI[1] asentándose no macizo montañoso da costa galega entre Ferrol e a ribeira do Eo chegando algúns a se estender alén do Eo[2].

A colonia bretoa fundou a diocese de Bretoña, á fronte da cal se atopaba polo 572 o bispo Mailoc. Durante anos haberá falantes de bretón e galego-bretón nas terras dende o río Eume ata as proximidades do Eo. Non obstante a presenza deste idioma e do seu dialecto froito da mestura desaparecerían pouco antes ou durante a expedición escandinava que destruíu a diocese de Bretoña. Pese a todo o idioma non é a única pegada bretoa no lugar, xa que as comunidades cristiás do lugar se agrupaban segundo a tradición bretoa. Outros signos son a música ou as cantigas das terras das Pontes, Terra Chá ou Mondoñedo, deixando tamén numerosos topónimos procedentes da lingua bretoa ou co propio nome de "bretóns" para denominar o lugar no que vivían estas xentes, pervive a pegada deste pobo.

Os locais non supuxeron un atranco ao asentamento dos bretóns, pois misturáronse e conviviron sen aparentes disputas. Uns dos posibles factores polos que os galaicos do norte asimilaron ben a cultura bretoa pode ser polos continuos achegamentos comerciais que se mantiñan entre as illas británicas e o norte da Península e o parecido cultural.

Decadencia[editar | editar a fonte]

A adaptación dos inmigrantes ao país e a perda da súa personalidade nacional e lingüística nun ambiente xeográfico e étnico non moi diferente ao do seu país de orixe houbo ser bastante rápida. Proba disto son os nomes xa non bretóns dos representantes da diocese nos concilios do século VII[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. González López, Emilio (1978). Grandeza e decadencia do reino de Galicia. p. 63. ISBN 8471543036. 
  2. (David 1947, p. 57)
  3. Tovar, Antonio (1973). "Un obispo con nombre británico y los orígenes de la diócesis de Mondoñedo" (PDF). Habis 3: 155–158. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]