Brais Val
| Nome orixinal | Brais Val Alonso |
|---|---|
| Biografía | |
| Nacemento | 1 de xuño de 2002 Vigo |
| Actividade | |
| Ocupación | futbolista |
| Deporte | fútbol |
| Posición de xogo | Centrocampista |
Brais Val Alonso, nado en Vigo o 1 de xuño de 2002, é un futbolista galego, que xoga como centrocampista no Arenteiro, da Primeira Federación.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado en Vigo, comezou a xogar ao fútbol no Atlántida de Matamá, incorporándose á canteira do Celta de Vigo con oito anos.[1] En 2017 fichou polo Valencia, permanecendo na súa canteira durante tres anos, ata que no 2020 regresou a Galicia para ingresar no equipo xuvenil do Deportivo da Coruña. Na tempada 2020/21, con Óscar Gilsanz como adestrador, foi unha das principais figuras do equipo que conquistou a División de Honra Xuvenil e tamén a Copa de Campións, despois de derrotar na final ao FC Barcelona.[2][3]
Na tempada 2021/22 subiu ao Fabril, onde tivo como adestrador de novo a Gilsanz, e afianzouse no centro do campo titular do equipo. O 23 de maio de 2022 debutou co primeiro equipo do Deportivo da Coruña, da man de Borja Jiménez, na derradeira xornada da Primeira División RFEF ante o Unionistas, substituíndo na segunda parte ao capitán Bergantiños.[4] Continuou no filial o resto da campaña e disputou sen éxito a promoción de ascenso á Segunda RFEF.
Con todo, o Fabril conseguiu ascender na seguinte tempada ao proclamarse campión do Grupo I, cun Brais Val que disputou como titular todos os partidos do campionato, regularidade que mantivo na 2023/24, xa na Segunda RFEF. No verán de 2024 decidiu non aceptar a oferta de renovación do club e fichou polo Villarreal B, equipo que viña de descender á Primeira Federación.[5] O seu balance final no Fabril foi dun total de 95 partidos en tres campañas.
No filial do Villarreal apenas contou con protagonismo, con só dúas titularidades e menos de 400 minutos de xogo ao longo da tempada. En xullo de 2025 anunciouse a súa fichaxe polo Arenteiro, da mesma categoría.[6]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Fabril
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Antelo, Iván (7 de outubro de 2021). "Brais Val: «Cuando entrenas con él, ¡flipas con Álex Bergantiños!»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de febreiro de 2023.
- ↑ Antelo, Iván (27 de xuño de 2021). "Noel destroza al Barça y el Dépor alza la Copa de Campeones". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de febreiro de 2023.
- ↑ Otero, Marcos (4 de xullo de 2024). "Brais Val: “Estoy convencido de que salgo del Dépor siendo mejor jugador”". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2024.
- ↑ "Uno por uno: Las notas del Deportivo – Unionistas" (en castelán). 29 de maio de 2022. Consultado o 11 de febreiro de 2023.
- ↑ Losada, Víctor (2 de xullo de 2024). "Brais Val se despide del Fabril y ficha por el Villarreal B" (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2024.
- ↑ "El Arenteiro confirma la contratación del centrocampista Brais Val". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xullo de 2025. Consultado o 5 de xullo de 2025.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador en LaPreferente.com (en castelán).