Bríxida de Suecia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Santa Bríxida.

Birgitta Birgersdotter, máis coñecida como Santa Bríxida, Bríxida de Suecia ou Bríxida de Vadstena, nada en Finstad en 1303 e finada o 23 de xullo de 1373, foi unha mística e santa, fundadora da Orde Brixidina.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era filla de Birger Persson (lagman de Uppland e un dos persoeiros máis ricos do país) e de Ingeborg Birgersdotter, que estaba emparentada coa familia real sueca pero que morreu cando Bríxida tiña doce anos quedando ao coidado dunha tía. Aos trece anos casou con Ulf Gudmarsson, deste matrimonio nacerían oito fillos, entre eles Santa Catarina de Suecia.

Muller piadosa desde nena, Bríxida tiña unha fonda devoción pola Virxe María, adoitaba dar de comer aos pobres, visitou co seu home varios lugares de culto, en 1336 estivo o santuario de Santo Olaf en Nídaros (actual Trondheim) e en 1341 emprendeu co seu home o Camiño de Santiago, pouco despois de volver de Santiago de Compostela morreu seu home no mosteiro de Alvastra, as visións que ela denominaba revelacións fixéronse máis frecuentes, repartiu as súas posesións entre os pobres e seus fillos e marchou vivir a unhas dependencias próximas ao convento de Alvastra por consello do seu confesor, Matías. Decidida a crear unha nova orde, conseguiu que o rei Magnus II de Suecia lle doase terras para construír un convento en Vadstena en 1346. En 1349 dirixiuse a Roma para gañar o xubileu do ano santo de 1350 e para conseguir a aprobación da súa orde, xa na cidade co papa ausente e residente en Aviñón escribiulle para que voltase á Roma e realizou diversas peregrinacións a santuarios do sur de Italia. En 1370 conseguiu autorización de Urbano V para a súa nova orde de regra agostiña. En 1371 realizou unha viaxe a Terra Santa acompañada por varios dos seus fillos e un numeroso séquito. Despois da súa volta, xa coa saúde deteriorada, morreu en presenza dos seus fillos Biger e Catalina.

En 1377 publicouse en Roma a primeira edición das Revelacións celestes en oito libros. O 7 de outubro de 1391 a Igrexa Católica canonizouna. En 1999 o papa Xoán Paulo II elevouna a copatroa de Europa.