Saltar ao contido

Botón de áncora (filme de 1948)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Botón de ancla (filme de 1948)»)
Botón de áncora
Ficha técnica
Título orixinalBotón de ancla
DirectorRamón Torrado
ProdutorCesáreo González
GuiónAdolfo Torrado Estrada, H.S. Valdés, Ramón Torrado, José Luis de Azcárraga Bustamante
IntérpretesAntonio Casal , Jorge Mistral, Fernando Fernán Gómez, Fernando Fernández de Córdoba, Isabel de Pomés, Xan das Bolas, Alicia Romay
MúsicaJesús García Leoz
FotografíaAndrés Pérez Cubero, Manuel Berenguer
MontaxeGaby Peñalba
DistribuidoraSuevia Films, Cesáreo González Producciones Cinematográficas
Estrea13 de xaneiro de 1948
Duración100 minutos
OrixeGalicia Galicia
XéneroDrama, Comedia
Na rede
IMDB: tt0039214 Filmaffinity: 712345 Editar o valor en Wikidata

Botón de áncora (en castelán: Botón de ancla) é un filme galego de 1948, dirixido por Ramón Torrado.

Baseado nunha novela homónima de José Luis de Azcárraga Bustamante sobre as aventuras de tres gardamariñas da Escola Naval de Marín, o enorme éxito do filme levou a Ramón Torrado a dirixir outras películas coa mesma fórmula, mais variando lixeiramente as situacións. Tamén contou con tres remakes, un deles dirixido polo propio Torrado.

Argumento

[editar | editar a fonte]

José Luis (Antonio Casal), Carlos (Jorge Mistral) e Enrique (Fernando Fernán Gómez) son tres gardamariñas de último curso da Escola Naval de Marín, que viven unha vida desenfadada, gastando bromas aos alumnos novatos e facéndolle as beiras a multitude de mulleres. Un día, Carlos coñece a filla dun armador de pesca chamada María Rosa (Isabel de Pomés), e namórase rapidamente dela, esquecendo a Dorita Beltrán (Alicia Romay), unha artista coa que mantiña unha relación. Pouco despois, Dorita coñece en Vigo a José Luis e decide seducilo para vingarse do seu antigo amante. Carlos acode ao camerino de Dorita para desenganala dunha vez por todas, pero José Luis sorpréndeos xuntos e rómpese a súa amizade.

Produción

[editar | editar a fonte]

A produtora Suevia Films, do galego Cesáreo González, gastou dous millóns e medio de pesetas no filme, un orzamento moi elevado para a época. A rodaxe en Marín e Vigo, que ía durar un mes tivo que alongarse até os 3 meses, por mor do mal tempo.[1][2] Os autores non estaban seguros de que fose do agrado do réxime franquista, debido a que na película se humanizaba e se facía comedia do mundo militar, polo que autocensuraron algunhas escenas que pensaron que se poderían considerar excesivas. Con todo, o apoio oficial foi total, o filme agradou a Franco, foi declarado de "interese nacional"[1] e Ramón Torrado e Cesáreo González foron convidados ao Palacio do Pardo.[3] Foi tamén o primeiro filme proxectado no Teatro Cine Fraga de Vigo.

O filme foi un grande éxito de público e contou con tres remakes: un homónimo de Miguel Lluch en 1960, outro de Pedro Lazaga en 1967 titulado Los guardamarinas, rodado tamén en Marín e en cuxo elenco se atopaban nomes como José Luis López Vázquez, Emilio Gutiérrez Caba, Alfredo Landa ou Julia Gutiérrez Caba; e un terceiro do propio Torrado en 1974 chamado Los caballeros del botón de ancla co Dúo Dinámico como protagonistas. Ademais Torrado repetiu a fórmula con pequenas variacións en varios filmes máis como La Trinca del Aire (co mesmo trío protagonista), Héroes del Aire ou Un Paso Al Frente, pero non conseguiu o mesmo éxito que coa orixinal.

Foi dobrado ao galego e estreado na TVG o 31 de xaneiro de 1986, dentro do programa Galicia no cine.[4]

  1. 1,0 1,1 ""Botón de ancla" en versión original". Faro de Vigo (en castelán). 9 de xuño de 2013. Consultado o 20 de agosto de 2018. 
  2. "7 curiosos datos sobre la Escuela Naval de Marín". El Reto Histórico (en castelán). Consultado o 20 de agosto de 2018. 
  3. "Botón de ancla". Foro de Cultura de Defensa (en castelán). Consultado o 20 de agosto de 2018. 
  4. "Con «Botón de áncora» comienza en TVG el ciclo «Galicia no cine»". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de xaneiro de 1986. p. 62. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]