Bosón de Provenza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Bosón de Provenza
King Boson of Provence.JPG
Bosón xunto a Santo Estevo. Fragmento de fresco (abadía de Charlieu, século XII)
Nacemento844
 valor descoñecido
Falecemento11 de xaneiro de 887
 valor descoñecido
Causadoenza
Ocupaciónmonarca
PaiBivín de Viena
NaiRichildis of Arles
CónxuxeErmengard of Italy
FillosLuís III, o Cego, Guilla of Provence e Engelberge of Provence
IrmánsRicardo, Duque da Borgonha e Riquilda da Provença
editar datos en Wikidata ]

O conde Bosón ou Bosón V de Provenza, nado posibelmente en 844 e finado o 11 de xaneiro de 887, foi un nobre franco da familia bosónida, emparentada coa dinastía carolinxia, que chegou a converterse en rei de Provenza desde o 879 ata a súa morte[1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Bosón era fillo de Bivín de Viena, conde de Lotarinxia. A súa tía Teutberga era a esposa de Lotario II de Lotarinxia. Á súa vez, Bosón tamén era sobriño do conde italiano de Boso, do que recibiu o seu nome , e de Hucbert, abade de Saint Maurice d'Augane, ao que sucedeu á fronte da abadía en 869.

Servizos de Carlos o Calvo[editar | editar a fonte]

En 870, Carlos o Calvo, rei de Francia Occidental, casou con Riquilda de Provenza, irmá de Bosón. Este matrimonio achandou a carreira de Bosón ao servizo do seu real cuñado. Nese mesmo ano foi nomeado conde de Lyon e Vienne, substituíndo a Gerard de Roussillon.

En 872, Carlos nomeouno mordomo e magister ostiariorum (xefe de porteiros) para o seu herdeiro Luís o Tatexo. Igualmente, foi investido conde de Bordeus. Luís estaba naqueles momentos actuando como rei de Aquitania, pero debido á súa mocidade era Bosón o que realmente administraba o territorio.

No outono de 875, Bosón acompañou a Carlos na súa primeira campaña italiana, e na Dieta de Pavía de febreiro de 876 foi nomeado arquiministro e missus dominicus para Italia, e elevado ao rango de duque. Posibelmente encomendóuselle o goberno de Provenza. Actuou como vicerrei e incrementou o seu prestixio aínda máis ao contraer matrimonio con Ermengarda de Italia, a única filla do emperador Luís II o Mozo.

Caída en desgraza[editar | editar a fonte]

Bosón desaprobaba a segunda campaña italiana de Carlos en 877 e conspirou con outros nobres contra o seu rei. Tras a morte de Carlos en outubro, estes nobres forzaron ao fillo de Carlos a confirmar os seus dereitos e privilexios.

Bosón tamén se relacionou co papado e acompañou ao papa Xoán VIII durante a súa viaxe a Troyes en setembro de 878, na que o Papa solicitou ao rei Luís axuda para Italia. O Papa adoptou a Bosón como o seu fillo, e posibelmente ofreceuse a coroa de emperador a Luís, aínda que se di que quixo coroar a Bosón[2].

Goberno independente[editar | editar a fonte]

Reino de Bosón en 881.

En abril de 879, Luís II faleceu, deixando dous fillos adultos, Luís e Carlomán. Bosón uniuse a outros nobres e apoiou a candidatura de Luís como herdeiro único, pero finalmente ambos os irmáns foron elixidos reis conxuntamente. Bosón, con todo, negouse a xurar lealdade a ambos os irmáns e proclamou a súa independencia en xullo usando o estilo Dei gratia id quod sum («Pola Graza de Deus, iso é o que son»). Reclamou tamén que o seu imperial sogro o nomease herdeiro. O 15 de outubro de 879, os bispos e nobres da rexión situada ao redor dos ríos Ródano e Saona reuníronse no sínodo de Mantaille e elixiron a Bosón como rei sucesor de Luís o Tartamudo, o primeiro rei non carolinxio da Europa occidental en máis dun século. Este acontecemento é a primeira aparición dunha «elección libre» entre os francos sen consideración a descendencia real e inspirado nun principio canónico de elección eclesiástica[3].

Os dominios de Bosón, coñecidos habitualmente como Reino de Provenza ou Reino da Baixa Borgoña, comprendían as provincias eclesiásticas dos arcebispados de Arlés, Aix, Vienne, Lyon (excepto Langres), e probabelmente Besançon, así como as dioceses de Tarentaise, Uzès, e Viviers.

Tras a división do reino entre Luís e Carlomán en Amiens en marzo de 880, os dous irmáns marcharon conxuntamente contra Bosón. Tomaron Mâcon e a zona norte do reino de Bosón. Despois, unidos ás forzas de Carlos III o Gordo, cercaron Vienne infrutuosamente entre agosto e novembro.

En agosto de 882, Bosón foi novamente cercado en Vienne polo seu parente Ricardo de Borgoña, conde de Autun, que capturou a cidade en setembro. Tras isto, o territorio de Bosón quedou reducido aos arredores de Vienne.

Faleceu en 887, sucedéndoo o seu fillo Luís III o Cego.

Descendencia[editar | editar a fonte]

Bosón foi o antecesor de tres exitosas liñaxes coñecidas como bosónidas polos historiadores modernos. A través do seu matrimonio con Ermengarda de Lotarinxia tivo dúas fillas, a parte do xa mencionado Luís III: Ermengarda (877-917) que casou co Conde de Chalon, e Ethelberga, casada en primeiras nupcias con Carlomán e despois con Guillerme o Piadoso, conde de Auvernia[4].

É tamén posíbel, aínda que non seguro, que a famosa Guilla de Provenza, raíña da Alta Borgoña, fóra a súa filla, presumibelmente dun matrimonio anterior ao de Ermengarda.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A súa tía Tetburgis/Teutberga, filla de Bosón o Vello, o seu avó materno, estaba casada con Lotario II de Lotarinxia. (Constance B. Bouchard, «The Bosonids or Rising to Power in the Late Carolingian Age» French Historical Studies 15.3 (Spring 1988, pp. 407-431) genealogical table, p.409.
  2. Caravale, Mario (ed). Dizionario Biografico degli Italiani: LXI Guglielmo Gonzaga – Jacobini. Roma, 2003.
  3. Constance B. Bouchard, «The Bosonids or Rising to Power in the Late Carolingian Age» French Historical Studies 15.3 (Spring 1988), pp. 407-431.
  4. Riché, Les Carolingiens: Une famille qui fit l'Europe, genealogical table XII (Bosonides).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]