Aínda que as críticas para a primeira tempada foron mixtas, as recensións para as tempadas posteriores foron máis positivas. O capítuo de estrea, "Human Flesh", tivo 9,30 millóns de espectadores, converténdose na estrea de serie máis valorada da tempada e quedando novena nas clasificacións da semana na que se emitiu.[1][2] Dende ent¡on, a serie medrou sendo un éxito cultural e da crítica. En 2013 TV Guide clasificou a Bob's Burgers como un dos 60 mellores debuxos animados de TV de todos os tempos.[3] A serie foi nomeada para varios premios, incluído o premio Emmy ao mellor programa de animación once veces consecutivas (2012-2022), gañándoo en 2014 e 2017. As repeticións comezaron a emitirse nos bloques de programación de Adult Swim, da cadea Cartoon Network, o 23 de xuño de 2013, e ACME Night a partir de 2021,[4] e comezou a emitirse en sindicación nas emisoras locais en setembro de 2015.
A series foi renovada para as súas décimo cuarta e décimo quinta tempadas.[5][6] Unha longametraxe estreouse nos cines o 27 de maio de 2022,[7] e en setembro de 2014 apareceu unha serie de cómics baseada no programa publicada por Dynamite Entertainment.[8] O 12 de maio de 2017 publicouse un álbum coa banda sonora a través de Sub Pop Records,[9] cun segundo volume lanzado o 20 de agosto de 2021.[10]
Bob's Burgers xira ao redor da familia Belcher, unha familia obreira de clase baixa formada por Bob Belcher, a súa dona Linda, e os seus tres fillos, Tina, Gene, e Louise. Os Belcher rexentan a hamburguesería que lle dá nome á serie, localizada na cidade costeira ficticia de Seymour's Bay, Nova Jersey.
O restaurante está situado na rúa Ocean Avenue, nun edificio de dúas plantas de cor verde neon encaixado entre outros dous edificios comerciais, un dos cales alberga un crematorio cuxo propietario, Mort, é un dos poucos habituais da hamburguesería. O seu outro cliente máis fiel, Teddy, é un milmañas doce pero algo tonte que considera a Bob e Linda os seus amigos máis próximos. O rival persoal e empresarial de Bob é Jimmy Pesto, que dirixe Jimmy Pesto's Pizzeria, un restaurante italiano situado xusto ao outro lado da rúa. O edificio da dereita da hamburguesería adoita a estar baleiro, aínda que nos créditos de apertura representan un negocio diferente no espazo en cada episodio.
Os tres nenos Belcher trabalan a tempo parcial no restaurante e estudan no colexio Wagstaff, dirixido polo director Spoors. Tina, en plena puberdade aos seus trece anos, loita coa súa obsesión polos rapaces, especialmente co fillo distante de Pesto, Jimmy Junior. Gene, de once anos, esfórzase por ser músico, levando moitas veces un teclado e tocando con el. Louise, de nove anos, é unha alborotadora intrigante, que busca vinganza, riquezas ou aventuras, arrastrando a miúdo aos seus irmáns; pon cara de intrepidez, pero aínda ten medo a algunhas cousas (como o dentista ou estar sen o seu sombreiro rosa de orellas de coello). Todos os nenos mostran unha relación diferente entre eles: Gene e Louise adoitan a xogar xuntos, mentres que Tina únese cando lle apetece.
Os episodios adoitan seguir as experiencias da familia dirixindo o restaurante e interactuando cos excéntricos membros da súa comunidade, aínda que algúns episodios os presentan fóra do seu contorno natural na hamburguesería. Moitos episodios conteñen números musicais, xa sexa en secuencias de fantasía, como música diexética ou nos créditos finais.