Blackburn Skua

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Blackburn Skua
bombardeiro en picado/caza embarcado
FabricanteBlackburn Aircraft
Primeiro voo9 de febreiro de 1937
Introducidonovembro de 1938
Retiradomarzo de 1945
Principais usuariosFleet Air Arm
Unidades construídas192
VariantesBlackburn Roc

O Blackburn B-24 Skua foi un avión embarcado bipraza de á baixa e cun motor radial operado pola Fleet Air Arm británica combinando as funcións de bombardeiro en picado e caza. Deseñouse a mediados dos anos 30 e operou no principio da segunda guerra mundial. Toma o seu nome da familia de aves dos estercoráridos (skua en inglés).

Deseño e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Construído para a especificación O.27/34 do Ministerio do Aire, era un avión monoplano de á baixa de construción totalmente metálica, cun tren de aterraxe retráctil e unha cabina pechada. Foi o primeiro monoplano en servizo coa Fleet Air Arm e foi un cambio radical para unha forza que estaba principalmente equipada con biplanos con cabina aberta como o Fairey Swordfish.

O rendemento para o rol de caza viuse comprometido polos requisitos navais do avión, como ás pregables, gran capacidade de combustible, armamento pesado con moita munición, ou artilleiro traseiro, e pola falta de potencia dos motores contemporáneos refrixerados por aire, resultando nunha velocidade relativamente baixa; ao igual que outros cazas embarcados contemporáneos como o xaponés Mitsubishi A5M, o estadounidense Grumman F3F e o británico Gloster Sea Gladiator. Estes cazas navais eran inferiores aos baseados en terra como o Messerschmitt Bf 109, que acadaba os 470 km/h a nivel do mar, mentres que o Skua só chegaba aos 362 km/h[1] e o Gloster Sea Gladiator aos 336 km/h.[2] O armamento de catro metralladoras fixas Browning de 7,7 mm nas ás e unha metralladora flexible Vickers K de 7,7 mm que disparaba cara a atrás era efectivo para a época.

Para o rol de bombardeiro en picado levaba unha bomba de 110 kg ou 230 kg nun trapecio oscilante especial baixo a fuselaxe (semellante ao que tiña o Junkers Ju 87), que permitía que a bomba non chocase coa hélice ao soltarse. Tamén podía levar catro bombas Cooper de 18 kg ou oito de 9 baixo cada á. Tiña tamén grandes freos aéreos/flaps tipo Zap, que axudaban durante os bombardeos en picado e nas aterraxes en portaavións.

En 1935 pedíronse dous prototipos a Blackburn e o primeiro deles, con número de serie K5178, realizou o seu voo de estrea o 9 de febreiro de 1937. Os dous prototipos estaban impulsados polo motor radial Bristol Mercury XII pero tras as probas, cando se fixo un pedido por 190 avións de produción, os avións deberían levar motores Bristol Perseus XII.

Historial operacional[editar | editar a fonte]

Skuas a bordo do HMS Ark Royal

A primeira unidade en recibir o Skua foi o 800 Naval Air Squadron a finais de 1938 en Worth Down. En novembro o escuadrón embarcouse no HMS Ark Royal e foi seguido en 1939 polos 801 e 803 Squadrons. Co inicio da segunda guerra mundial, os Skuas viron acción moi cedo e o 14 de setembro tres engalaron do Ark Royal para ir na axuda do cargueiro Fanad Head que fora atacado por un submarino alemán. Cando chegaron o Fanad Head estaba sendo bombardeado polo U-30 e os tres atacaron ao submarino, que se sumerxeu rapidamente. Dous dos Skuas foron danados polos estoupidos e tiveron que ser abandonados. O U-30 regresou a Alemaña coas tripulacións dos dous Skuas abandonados, converténdose nos primeiros aviadores navais en ser prisioneiros de guerra no conflito.

Aos Skuas atribuíuselles orixinalmente a primeira vitoria confirmada dun avión británico durante a segunda guerra mundial: un hidravión Dornier Do 18 foi derrubado no mar do Norte o 26 de setembro de 1939 por tres Skuas do 803 Naval Air Squadron, voando dende o Ark Royal. Porén, posteriormente fontes francesas confirmaron unha vitoria anterior dun Fairey Battle o 20 de setembro de 1939 sobre Aquisgrán.[3] O 10 de abril de 1940 16 Skuas dos 800 e 803 NAS liderados polo tenente comandante William Lucy, voando dende RNAS Hatston nas illas Orcadas, afundiron o cruceiro alemán Königsberg no porto de Bergen durante a operación Weserübung, a invasión alemá de Noruega.[4]

O Königsberg foi o primeiro gran buque afundido na guerra por un ataque aéreo e o primeiro en ser afundido por un bombardeo en picado.[5] Posteriormente Lucy converteuse nun as voando no Skua. Eses dous escuadróns equipados principalmente con Skua sofreron grandes perdas durante un intento de bombardear o acoirazado alemán Scharnhorst en Trondheim o 13 de xuño de 1940; dos 15 avións do ataque oito foron derrubados e as súas tripulacións morreron ou foron tomadas como prisioneiros. Entre estes últimos estaban os dous mandos dos escuadróns, o capitán RT Partridge e o tenente comandante John Casson.[6][7]

Aínda que lle foi razoablemente ben contra bombardeiros do Eixo sobre Noruega e o Mediterráneo, o Skua sufriu grandes perdas enfrontándose a cazas modernos, particularmente ao Bf 109, e foi retirado da primeira liña de servizo en 1941. A meirande parte deles foron substituídos por outro avión bipraza, o Fairey Fulmar, que dobraba o armamento frontal do Skua e era 80 km/h máis rápido. Varios avións convertéronse a remolcadores de brancos tras a retirada de primeira liña. Outros fabricáronse xa como remolcadores de brancos e foron usados pola RAF e a Fleet Air Arm neste rol.[8] Tamén foron usados como adestradores avanzados pola Fleet Air Arm. O derradeiro Skua en servizo retirouse en marzo de 1945.[9]

O Blackburn Roc era un avión moi semellante desenvolvido como caza de torreta, con todo o seu armamento nunha torreta dorsal. Agardábase que o Roc voase co Skua. Os Rocs adxuntáronse a escuadróns de Skua para protexer o fondeadeiro da frota en Scapa Flow a principios de 1940 e brevemente dende os HMS Glorious e Ark Royal durante a campaña de Noruega. Skuas e Rocs realizaron saídas de caza e bombardeo sobre o canal da Mancha durante a operación Dynamo e a operación Aerial, as evacuacións das forzas aliadas de Dunkerque e outros portos franceses.[10]

Variantes[editar | editar a fonte]

  • Skua Mk.I : dous prototipos. Impulsados polo Bristol Mercury, tiña distintivos carenados na cuberta do motor sobre as válvulas do tucho do Mercury. O primeiro prototipo, K5178, tiña un morro moito máis curto, mentres que o K5179, o segundo, tiña un morro alongado para mellorar a estabilidade lonxitudinal.
  • Skua Mk.II : avión de produción impulsado polo motor de válvulas de camisa Bristol Perseus. O morro era longo como o K5179 pero cunha cuberta un pouco máis curta e suave. Caza e bombardeiro en picado bipraza para a Royal Navy; 190 fabricados por Blackburn no aeródromo de Brough.

Avións superviventes[editar | editar a fonte]

Restos do Skua L2940 no museo da Fleet Air Arm Museum

Non sobrevive ningún Skua intacto. En abril de 2007 o único Blackburn Skua case completo coñecido foi descuberto en Orkdalsfjorden, Noruega, a 242 metros de profundidade.[11] Debido a un fallo do motor o avión, pilotado polo líder do 803 Squadron John Casson, tivo que realizar unha amaraxe de emerxencia no fiorde.[12] Os dous tripulantes sobreviviron e foron prisioneiros de guerra durante os seguintes cinco anos. A pesar dos delicados esforzos por subir o avión á superficie a cola rompeu. O motor desprendérase na amaraxe, e finalmente a fuselaxe, a cabina e as ás foron salvadas. O Skua será restaurado no museo de aviación de Noruega en Bodø.[13][14] En 1974 o L2940 foi recuperado do lago Breidalsvatnet, preto de Grotli, no concello noruegués de Skjåk. O capitán R. T. Partridge derrubou un Heinkel He 111 e posteriormente realizou unha aterraxe de emerxencia no xeo que cubría o lago o 27 de abril de 1940. Superviventes dos dous avións chegaron de forma independente a un refuxio de montaña, onde se atoparon. Este incidente serviu de base para o filme Into the White.[15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Caygill, Peter. Flying to the Limit Testing WW II Single Engine Fighters. Capítulo 4, parágrafo 1
  2. "Gladiator K-7964 - Mercury IX (0.572 reduction)" (PDF). Aeroplane and Armament Experimental Establishment,. Consultado o 28 de marzo de 2022. 
  3. Beadle, Jeremy (2007). Firsts, lasts & onlys : military. London: Robson Books. ISBN 978-1-905798-06-3. OCLC 271539805. 
  4. Mondey 1994, p. 36
  5. "Sinking of the Konigsberg". web.archive.org. 2009-02-24. Archived from the original on 24 de febreiro de 2009. Consultado o 2022-03-28. 
  6. "Skuas over Norway". web.archive.org. 2009-05-12. Archived from the original on 12 de maio de 2009. Consultado o 2022-03-28. 
  7. Willis e Partridge 2007, p. 26
  8. "Blackburn Skua aircraft profile. Aircraft Database of the Fleet Air Arm Archive 1939-1945". web.archive.org. 2008-04-16. Archived from the original on 16 de abril de 2008. Consultado o 2022-03-29. 
  9. Willis, Aeroplane, decembro de 2007, p. 68
  10. "Skuas and Rocs over Dunkirk and Northern France". web.archive.org. 2010-06-21. Archived from the original on 21 de xuño de 2010. Consultado o 2022-03-29. 
  11. "Skua 31 May 2007". web.archive.org. 2010-11-26. Archived from the original on 26 de novembro de 2010. Consultado o 2022-03-30. 
  12. "Operation Skua". web.archive.org. 2008-05-12. Archived from the original on 12 de maio de 2008. Consultado o 2022-03-30. 
  13. Tvedten, Hilde Marie (2008-04-10). "Her er det siste Blackburn Skua-flyet i verden". dagbladet.no (en noruegués). Consultado o 2022-03-30. 
  14. "The raising of a Skua". web.archive.org. 2010-11-25. Archived from the original on 25 de novembro de 2010. Consultado o 2022-03-30. 
  15. "Naudlanding og kampar på Strynefjellet - Sogn og Fjordane - Fylkesleksikon - NRK". web.archive.org. 2012-09-10. Archived from the original on 10 de setembro de 2012. Consultado o 2022-03-30. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Mondey, David. The Hamlyn Concise Guide to British Aircraft of World War II. Londres: Chancellor Press, 1994. ISBN 1-85152-668-4.
  • Willis, Matthew e Simon Partridge. "Into the Fjord of Death". ''Aeroplane'', agosto de 2007, Vol. 35, No. 8, pp. 22–27.