O bilurico escuro[1] ou bilurico patirrubio[2] (Tringa erythropus) é unha ave limícola da familia Scolopacidae. O nome do xénero Tringa é o nome neolatino dado ao bilurico alinegro (Tringa ochropus) por Aldrovandus en 1599 baseado na palabra do grego antigotrungas, unha ave limícola de tamaño dun tordo, con rabadilla branca que movía a cola mencionado por Aristóteles. O nome específico erythropus procede do antigo grego eruthros, 'vermello' e pous, 'pé'.[3]
Reprodúcese no norte de Escandinavia e norte de Asia e emigra ao sur ao Mediterráneo, ao sur das illas británicas, Francia, África tropical e Asia tropical para invernar. En Galicia é unha ave de paso escasa durante a época migratoria.[2] É unha ave errante ocasional en Australia e Norteamérica.
Foi descrita cientificamente polo zoólogo alemán Peter Simon Pallas en 1764, que lle deu o nome de Scolopax erythropus.[4][5][6]
É unha especie monotípica, xa que non se recoñecen subespecies.[7] Taxonomicamente, forma un grupo estreitamente unido xunto con outras especies grandes de Tringa, e as análises moleculares mostran que forma un clado irmán que contén o Tringa melanoleuca e o Tringa totanus.[8]
É unha limícola grande que mide de 29 a 31cm de longo (desde a punta do bico á punta da cola polas costas),[9] cunha envergadura de 61 a 67cm e un peso de 121 a 205g.[10] É negro en plumaxe reprodutora, e moi claro en inverno. Ten patas e bico vermellos co extremo negro, e mostra unha zona oval branca no dorso na zona da mitra en voo. Os xuvenís son marróns cincentos con finas manchas brancas pola parte superior e unhas partes inferiores claras finamente barradas. Os adultos mudan completamente entre xuño e outubro. En primavera, a plumaxe corporal muda entre marzo e maio. Os xuvenís experimentan unha muda parcial entre agosto e febreiro.[11] A súa chamada é un asubío renxente que soa como teu-it (algo parecida á chamada do carrán rosado). A chamada de alarma é un kyip-kyip-kyip.
Nidifica na taiga aberta pantanosa, pon catro ovos nunha depresión que escava no chan. Para reproducirse a ave muda adquirindo unha plumaxe negra ou gris escura con manchas brancas e as patas se lle volven máis escuras.
12Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
Cramp, Stanley, ed. (1977). Handbook of the Birds of Europe, the Middle East and North Africa: Birds of the Western Palearctic. Volume 1, Ostrich to Ducks. Oxford University Press. ISBN0-19-857358-8.