Bieito XIV Garnier, antipapa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papa do século XIV ó século XV
Papas do século XV
Papa do século XV ó século XVI
Antipapa/s



Bernard Garnier, nado cara a 1370 e finado cara a 1450, foi un clérigo francés, proclamado como Papa da igrexa Católica como sucesor do antipapa Bieito XIII. Actuou como papa en secreto aproximadamente desde 1425, aínda que a súa elección para o cargo resultou extremadamente absurda.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pouco antes de morrer o antipapa Bieito XIII designou no castelo de Peñíscola a catro cardeais entre os seus clérigos leais de maior confianza, encargándolles a elección do seu sucesor. Trala súa morte, tres deles constituíronse en conclave e designaron como sucesor do Papa Luna a un clérigo español co título de Clemente VIII, derradeiro pontífice sucesor da antiga sé papal de Avignon.

Non obstante, un deses catro cardeais seguidores de Bieito XIII era o arquidecano de Rodez, un clérigo francés chamado Jean Carrier, que se opuxo totalmente á elección dos seus colegas, e para rexeitala autoproclamouse como equivalente ao colexio cardenalicio, convocou un conclave formado só por el mesmo, e deste xeito en 1425 elixiu grotescamente a Bernard Garnier como pontífice, sendo este un clérigo en funcións que traballara con el anteriormente na diocese de Rodez e que tamén fora un decidido partidario de Bieito XIII.

A designación non foi comunicada a Clemente VIII nin aos seus seguidores, e Jean Carrier mantívoa en secreto, ocultándoa ao propio Bernard Garnier, que executaba as súas funcións clericais no sur de Francia como sancristán. Non obstante, unha carta do Conde de Armagnac a Xoana de Arco revelou que "o arquidecano de Rodez" (o propio Jean Carrier) coñecía o paradoiro de Bieito XIV e "que o aceptaba como papa", pois en xaneiro de 1427 o propio Jean Carrier revelara esta designación secreta ao conde Jean IV de Armagnac, o seu protector. Ao saír á luz o escándalo, Bernard Garnier, que por entón estaba ao servizo dos Condes de Foix, negou toda relación vixente con Carrier e rexeitou intentar sequera revivir o cisma dentro da igrexa católica. Absolto de toda culpa, Garnier continuou a súa carreira eclesiástica durante varios anos máis, aínda que se conservan rexistros segundo os cales continuamente sufriu molestias e ataques como resultado de ser nomeado antipapa por un cardeal cismático.

Literatura[editar | editar a fonte]

Dous novelistas franceses, Jean Raspail e Gerard Bavoux, escribiron obras de ficción seguindo esta liña sucesoria, chegando ao punto de imaxinar un actual Bieito XL.