Bibliotheca Historica
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Bibliotheca Historica | |
---|---|
Tipo | obra escrita ![]() |
Xénero artístico | historiografía ![]() |
Linguas
| |
Autoría | |
Autor/a | Diodoro Sículo ![]() |
Publicación | |
Contacto | |
Redes | ![]() |
[ Wikidata ] [ C:Commons ] |
A Bibliotheca Historica é unha historia universal redactada no século I a. C. por Diodoro Sículo. Consta de 40 volumes, divididos en tres seccións:
- A primeira sección (libros de I a VI) narra a historia por rexións xeográficas: historia e cultura de Exipto (libro I), Mesopotamia, India, Escitia e Arabia (libro II), África do Norte (libro III), así como Grecia e Europa (libros IV a VI).
- Na seguinte sección (libros VII a XVII) conta a Historia do mundo desde a Guerra de Troia ata a morte de Alexandre Magno.
- A última sección (libros XVIII a XL) trata dos acontecementos históricos desde a morte de Alexandre Magno ata o ano -60 ou ata o comezo da Guerra das Galias por Xulio César no -45 (o final está perdido e non está claro se Diodoro chegou ata o comezo desa guerra, como promete non prefacio da súa obra ou se, como suxire a evidencia, vello e canso de escribir, a terminou no -60).
Elixiu o nome de Bibliotheca en recoñecemento da multiplicidade de fontes que lle serviron para compoñer a obra. Entre os autores que puideron ser identificados figuran Hecateo de Mileto, Ctesias, Éforo, Teopompo, Xerome de Cardia, Duris de Samos, Diulo, Filisto, Timeo de Tauromenio, Polibio e Posidonio.
O uso liberal que fixo dos historiadores que o precederon articula a crítica negativa que se lle dá na edición de 1911 da Enciclopedia Británica:
Os erros de Diodoro proceden parcialmente da natureza da empresa, e da torpe forma de anais nos que verteu a porción histórica da súa narración. Non mostra ningunha das facultades críticas do historiador, limitándose a xuntar unha chea de detalles inconexos. A narración contén frecuentes repeticións e contradicións, fáltalle viveza e sóbralle monotonía. A mesma linguaxe, que se move entre o ático puro e o grego coloquial do seu tempo, permítenos detectar na narración os fragmentos sen dixerir dos materiais que empregou.
Moito máis comprensivo móstrase outro autor, C.H. Oldfather, quen escribiu na súa introdución á súa tradución de Diodoro:
Mentres que tales características exclúen a Diodoro de entre os historiadores máis capaces da Antigüidade, hai todas as razóns para crer que utilizou as mellores fontes e as reproduciu fielmente. O seu Primeiro Libro, que trata case exclusivamente de Exipto, é o relato literario máis completo da historia e costumes dese país logo de Heródoto. Os libros II a V cobren un espectro máis amplo, e debido á inclusión de abundante material mitolóxico, teñen un valor moito menor. No período do -480 ao -301, que desenvolve en forma de anais e cuxa fonte principal é a Historia Universal de Éforo, a súa importancia é variábel segundo se é a única fonte dispoñíbel dun período, ou se conservaron fragmentos doutros autores superiores. Ao medio século que vai do -480 ao -430, Tucídides dedícalle pouco máis de 30 capítulos; Diodoro cóbreo de forma máis completa (11.37 - 12.38), e é o único relato literario sen interrupción para a cronoloxía do período... Para os anos -362 - -302, Diodoro é outra vez a única fonte literaria ininterrompida, e ofrece o único relato cronolóxico de período de Filipo e completa aos escritores mencionados e a outras fontes contemporáneas en moitos aspectos. Para o período dos sucesores de Alexandre, -323 - -302 (libros XVIII a XX), é a principal autoridade e a súa historia do período adquire, xa que logo, unha importancia que non alcanza para os demais anos.
Como xa se indicou, a inmensa obra de Diodoro non se conservou intacta: temos os cinco primeiros libros e os numerados do X ao XX. O resto só nos chegou en fragmentos preservados en Focio e os resumos de Constantino Porfiroxénito.
A editio princeps de Diodoro foi unha tradución latina dos cinco primeiros libros, realizada por Poggio Bracciolli en Boloña en 1472. A primeira impresión do orixinal grego (en Basilea en 1535) contiña só os libros XVI a XX, e foi o traballo de Vincentius Opsopoeus. Todos os libros e fragmentos sobreviventes foron publicados só en 1559 por H. Stephanus en Xenebra.
Cronoloxía
[editar | editar a fonte]A data máis temperá mencionada por Diodoro é a súa visita a Exipto durante a 180 Olimpíada (entre -60 e -56). Esta visita estivo marcada por ter presenciado unha turba demandando a morte dun cidadán romano que matara accidentalmente un gato, animal sagrado para os exipcios antigos (Bibliotheca historica 1.41, 1.83). O acontecemento máis serodio mencionado é a vinganza de Octaviano sobre a cidade de Taormina, cuxo rexeitamento a axudalo conduciu á derrota naval de Octaviano nas proximidades no -36 (16.7). Diodoro non parece saber que Exipto se convertera nunha provincia romana (o que se transpiraba en -30), polo que posibelmente plublicase a súa obra completada antes deste feito. Diodoro afirma terlle adicado trinta anos á súa redacción e ter realizado numerosas viaxes perigosas por Europa e Asia na procura das súas investigacións históricas.
Estrutura
[editar | editar a fonte]Na Bibliotheca historica, Diodoro pretende escribir unha historia universal que inclúa o mundo enteiro e todos os períodos temporais. Cada libro ábrese cun índice e un prefacio que discuten a relevancia da historia, problemas ao escribila ou a signifancia dos acontecementos tratados nese libro. Hoxe considérase que é unha obra completa de Diodoro,[1] aínda que segue a debaterse até que punto o texto pode derivar de obras históricas anteriores.
Os cinco primeiros libros describen a historia e a cultura de diferentes rexións, sen tentar determinar a cronoloxía relativa dos acontecementos. Diodoro expresa serias dúbidas de que unha cronoloxía tal sexa posíbel para as terras bárbaras e o pasado distante. Os libros resultantes teñen afinidades co xénero xeográfico. Os libros do VI ao X, que tratan da transición desde os tempos míticos ao período arcaico, están perdidos na súa maioría. Ao chegar ao décimo libro a obra adquirira unha estrutura de anais, [2] relatando todos os acontecementos en todo o mundo en cada ano antes de passar ao seguinte. Os libros do XI ao XX, que están completamente intactos e tratan dos acontecementos entre -480 e 302, manteñen a estrutura de anais. Os libros do XXI ao XL, que achegan a obra até os tempos de Diodoro, rematanto arredor de -60, están practicamente perdidos.[3]
Libro I: Exipto
[editar | editar a fonte]O primeiro libro ábrese cun prólogo sobre a obra completa, defendendo a importancia da historia en xereal da da historia universal en particular. O resto do libro está dedicado a Exipto e consta de dúas partes. Na primeira metade trátase da orixe do mundo e do desenvolvemento da civilización en Exipto. Unha longa disertación sobre as teorías oferecidas por diferentes estudosos gregos para explicar as crecidas anuais do Nilo mostra a amplitude de lecturas de Diodoro. Na segunda metade presenta a historia do país, os seus costumes e relixión nun ton moi respectuoso. Considérase que as fontes principais foron Hecateo de Abdera e Agatárquides de Cnido.[4]
Libro II: Asia
[editar | editar a fonte]Este libro só ten un pequeno prólogo bosquexando o seu contido. A maior parte do libro está dedicada á historia dos asirios, centrada nas conquistas míticas de Nino e Semíramis, a caída da dinastía baixo o afeminado Sardanápalo e as orixes dos medos que os destronaron. Esta sección deriva explicitamente da narrativa de Ctesias de Cnido (capítulos 1 a 34) [5] O resto do libro está dedicado a describir os diversos pobos da Asia. Primeiramente describe a India, para o que utiliza a Megástenes (capítulos 35 a 42)[6]; a seguir, aos escitas da estepa euroasiática, incluíndo as amazonas e os hiperbóreos (capítulos 43 a 47) e a Arabia Felix (capítulos 48 a 54). Conclúe o libro cun relato da viaxe de Iámbolo a un grupo de illas do Océano Índico, que parece estar baseado nunha novela utópica helenística.
Libro III: África
[editar | editar a fonte]Neste libro, Diodoro describe a xeografía do norte de África, incluíndo Etiopía, as minas de ouro de Exipto, o Golfo Pérsico e Libia, onde sitúa figuras míticas, incluídas as gorgonas, as amazonas, Ammón e Atlas. Baseándose nos escritos de Agatharchides, Diodoro describe as horríbeis condicións laborais das minas de ouro.
Libro IV: Mitoloxía grega
[editar | editar a fonte]Neste libro describe a mitoloxía de Grecia. Narra os mitos de Dioniso, Príapo, as musas, Hércules, os argonautas, Medea, o heroe Teseo e os Sete contra Tebas.
Libro V: Europa
[editar | editar a fonte]Diodoro describe a xeografía de Europa. Inclúe as illas de Sicilia, Malta, Córcega, Cerdaña e as illas Baleares. Despois Bretaña, «Basilea», Galia e a península Ibérica, e as rexións de Ligura e Tirrenia, na península Itálica. Finalmente, describe as illas de Hiera e Panchaea no oceano do Sul e as illas gregas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sacks 1990, pp. 9ff.
- ↑ Diodorus Siculus, Bibliotheke 10.3.1
- ↑ Sacks 1990, p. 169
- ↑ Oldfather 1933, p. XXVI
- ↑ Oldfather 1933, p. xxvii
- ↑ Sacks 1990, p. 67
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Sacks, Kenneth S. (1990). Diodorus Siculus and the First Century (en inglés). Princeton University Press. ISBN 0691036004.