Corea non tivo unha biblioteca nacional moderna até o período imperial. A primeira biblioteca moderna da península foi a de Daehan, fundada en 1906 por Lee Keun-sang, Lee Beom-gu e Yun Chi-ho. Porén, non era de acceso público. A súa colección, duns 100,000 volumes, foi confiscada polas autoridades en 1911. A primeira biblioteca coreana de acceso público gratuíto foi a Daedong Seogwan, unha institución privada que tamén funcionaba como editorial. Non obstante, o goberno colonial xaponés limitou o acceso a materiais impresos, incluíndo xornais, revistas e libros. Logo, a publicación restrinxiuse a pezas aprobadas polo estado e á propaganda.
Tras as protestas do primeiro de marzo de 1919 contra o dominio colonial, o goberno nipón alixeirou as restricións en Corea. Como parte desta resposta, en 1923 construíuse a biblioteca gobernamental de Chōsen en Sogong-dong, no distrito de Jung da cidade de Keijō (actual Seúl).[3]
En outubro de 1945, semanas despois da liberación de Corea, a Biblioteca Nacional herdou as funcións da biblioteca gobernamental de Chōsen.[3] Park Bong-seok reuniu materiais de multitude de bibliotecas da área para a súa creación. Tamén contribuíu ao desenvolvemento do sistema nacional de bibliotecas no sur. En 1946 Park inaugurou unha escola para a formación de especialistas. Así mesmo, seguiu a consolidar a colección mediante novas adicións.
En 1948 formouse un movemento a nivel nacional baixo o lema "un país, unha biblioteca". O seu obxectivo era fundar máis bibliotecas e preservar materiais nas diferentes bibliotecas do país. Creouse un programa para fomentar a alfabetización en hangeul, que fora desaconsellado e, incluso, prohibido durante o período colonial, substituído pola escrita xaponesa. Nesta época, só un 20% da poboación sabía ler en coreano.
En 1955 a Biblioteca Nacional uniuse á IFLA. Dende entón, a institución realizou numerosos eventos educativos e de recadación de fondos. En 1974 trasladouse a Namsan-dong e, en 1988, á súa localización actual en Banpo-dong, no distrito de Seocho. En 1991, reasignouse do Ministerio de Educación ao de Cultura.