Berimbau (instrumento brasileiro)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para o idófono de igual nome, véxase berimbau.
Berimbaus

O berimbau é un instrumento de corda brasileiro, de orixe africana. En Angola coñécese entre outros nomes como m'bolumbumba e utilízano os quimbundos, ovambos, nyanekas, humbis e khoisan.[1] Os escravos angolanos levárono para o Brasil, onde se utiliza para acompañar unha danza/loita acrobática denominada capoeira.[2]

Descrición[editar | editar a fonte]

É un arco musical, unha vara con forma de arco, de madeira ou de vimbio, cunha lonxitude de entre 1,50 metros a 1,70 metros e un fío de aceiro, denominado arame, prendido nas extremidades da vara. Na súa base, acordoase unha cabaza (Lagenaria siceraria) ou un coité ( Crescentia cujete), aínda que é máis común a cabaza co fondo cortado, que funciona como caixa de resonancia. O tocador usa a man esquerda para soster o conxunto e practica uns movementos de bambeo contra o ventre, utilizando unha pedra ou unha moeda (dobrão), para pulsar o fío. A man dereita, cunha variña, percute a corda. Emprégase tamén, o caxixi, que é unha pequena cinzarra prendida aos dedos do tocador.

Na capoeira[editar | editar a fonte]

Caxixi, moeda (dobrón ou pedra) e baqueta

O berimbau é un elemento fundamental na capoeira, os capoeiristas reverenciano antes de principaren un xogo. É o que comanda a roda da capoeira, dita o ritmo e o estilo do xogo. As variacións de toques máis coñecidas reciben os seus propios nomes, as máis comúns son Angola e São Bento Grande. Pódense tocar ata tres berimbaus á vez, cada un cunha función máis ou menos definida: O gunga ou berra-boi é o que ten o ton máis grave; o ton medio dao o coñecido como médio e a violinha ou viola o ton máis alto.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ANGOP (8 de xaneiro de 2007). "Museu de Antropologia acolhe amostra de instrumentos musicais". 
  2. FRUNGILLO, Mário D. (2003). Dicionário de percussão. Editora UNESP. p. 39. ISBN 8571394482.