Berberecho bravo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Berberecho bravo
Acanthocardia echinata.jpg
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Bivalvia
Orde: Veneroida
Superfamilia: Cardioidea
Familia: Cardiidae
Xénero: Acanthocardia
Especie: A. echinata
Nome binomial
Acanthocardia echinata
Linnaeus, 1758
Berberecho bravo

O berberecho bravo[1] (Acanthocardia echinata, Linnaeus 1758; antes Cardium echinatum) é un molusco bivalvo da familia dos Cárdidos (Cardiidae), da orde Veneroida.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

De cuncha sólida, equivalva e inequilateral, dun perfil ovalado. Chega a medir 8 cm de lonxitude.

A superficie da cuncha está sucada por 18-22 costelas patentes, de disposición radial, dotadas dunha fila de espiñas ocas, unidas entre si. No centro de cada costela hai un suco fino sobre o que asentan aquelas espiñas. As liñas de crecemento, concéntricas, son nítidas. A zona da marxe da superficie interna presenta uns sucos que corresponden coas costelas.

A cor é branca ou crema, e o interior branco.

Hábitat e bioloxía[editar | editar a fonte]

Distribúese pola costa europea do Atlántico, desde Noruega ata a costa de Marrocos, entrando no Mediterráneo.

Vive sobre fondos de area, lama ou cascallos, desde a franxa infralitoral ata grandes profundidades.

En Galicia é abundante na entrada das rías pero non é obxecto de pesca. As escasas capturas que se realizan utilízanse para a elaboración de conservas, como o berberecho marolo (Acanthocardia tuberculata).

Ríos Panisse recolleu abundante sinonimia para esta especie nos diferentes portos da costa galega, como arola (aínda que é moi diferente da verdadeira arola), berberecho francés, berberecho macho, berberecho castellano (en Vilanova de Arousa), berberecho de altura, burro (en Cangas), can (en Lira), pata de mula/mulo (en Panxón, Nigrán, e en Bouzas, Vigo), ademais dos comúns para estes cárdidos como carneiro, cascarneiro, carneira ou carneirolo. En Sada e Caión (A Laracha) denomínano marolo, como á especie Acanthocardia tuberculata, pola sua similitude e por ambas elas teren un aspecto marolo (groso, robusto)[2], en comparanza co berberecho común.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.

Outros artigos[editar | editar a fonte]