Benjamín de Arriba Castro
Benjamín de Arriba Castro, nado na Ferrería (Penamaior, Becerreá) o 8 de abril de 1886 e finado en Barcelona o 8 de marzo de 1973, foi un relixioso galego, cardeal da Igrexa católica. Ocupou os cargos de bispo de Mondoñedo (1935-1944), Oviedo (1944-1949) e arcebispo de Tarragona (1949-1970).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Antonio de Arriba e Pilar de Castro, cando tiña nove anos a familia foi vivir a Madrid. Iniciou estudos de Letras clásicas, Humanidades, Filosofía e Teoloxía no Seminario Conciliar de Madrid, e seguiu en Roma entre 1908 e 1913. Na época en Roma residiu como colexial no Pontificio Colexio Español e estudou en diversos centros académicos. Doutorouse en Filosofía na Pontificia Academia de San Tomé de Aquino e en Sagrada Teoloxía na Pontificia Universidade Gregoriana. Ademais, estudou un curso de Sagrada Escritura no Pontificio Instituto Bíblico.[1] O 14 de xullo de 1912 foi ordenado sacerdote en Roma polo cardeal Rafael Merry del Val, secretario de Estado da Santa Sé.
En 1913 regresou a Madrid e foi nomeado profesor no Seminario Conciliar de Madrid, cargo que exerceu até 1921. Impartiu as materias de Metodoloxía e crítica histórica, Grego, Hebreo e Teoloxía fundamental. Nestes anos, ademais de desenvolver a actividade docente, licenciouse en dereito canónico na Universidade Pontificia de Toledo.[1]
En 1921 obtivo por oposición unha praza de cóengo na catedral de Madrid e foille encomendada a secretaría de Cámara e Goberno da arquidiocese de Madrid, función que desenvolveu até 1930, cando foi nomeado provisor e tenente vicario xeral da arquidiocese.
O 1 de maio de 1935 foi preconizado para bispo de Mondoñedo, e o papa Pío XI proclamouno bispo o 16 de xuño dese ano. Tras o golpe de Estado de 1936 adheriuse ao bando sublevado e asinou a Carta colectiva dos bispos españois con motivo da guerra en España, redactada polo arcebispo de Toledo Isidro Gomá.
O 8 de agosto de 1944 foi preconizado para bispo de Oviedo, e tomou posesión o 29 de outubro. O 22 de xaneiro de 1949 foi preconizado para arcebispo de Tarragona, e tomou posesión da sé o 1 de xullo dese ano. O 12 de xaneiro de 1953 foi nomeado cardeal, e o 29 de outubro o papa Pío XII impúxolle o capelo de cardeal no palacio de Castelgandolfo. En 1970 dimitiu do cargo de arcebispo de Tarragona e pasou a ser bispo emérito.
Faleceu en Barcelona o 8 de marzo de 1973.[2] Foi soterrado na igrexa parroquial de San Pablo de Tarragona.
Distincións
[editar | editar a fonte]- Cruz de Mérito Naval, con distintivo branco
- Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica
- Gran Cruz da Orde de Afonso X o Sabio
- Gran Cruz da Orde de San Raimundo de Peñafort
- Gran Cruz da Real e Moi Distinguida Orde de Carlos III
- Gran Cruz do Mérito Militar, con distintivo branco
- Medalla de Ouro da Mocidade
- Medalla de Ouro de Tarragona
- Medalla de Duarte da República Dominicana
Foi nomeado fillo predilecto da provincia de Lugo e fillo adoptivo de Alforja, Montblanc, Riudoms, Ferrol e Cardedeu.
Obras
[editar | editar a fonte]- Jesucristo, supremo educador. Crítica de algunos principios y procedimientos de la educación contemporánea (Madrid, 1918)
- Catecismo de Acción Católica (Xixón, 1946)
- El deber de los católicos en la hora presente (Tarragona, 1950)
| Predecesor: Juan José Solís Fernández |
Bispo de Mondoñedo 1935-1944 |
Sucesor: Fernando Quiroga Palacios |
| Predecesor: Manuel Arce Ochotorena |
1944-1949 |
Sucesor: Francisco Lauzurica Torralba |
| Predecesor: Manuel Arce Ochotorena |
Arcebispo de Tarragona 1949-1970 |
Sucesor: Josep Pont i Gol |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Benjamín de Arriba y Castro". Real Academia de la Historia.
- ↑ "Ha fallecido el cardenal Benjamín de Arriba y Castro, arzobispo dimisionario de Tarragona" (PDF). La Vanguardia Española (en castelán). 9 de marzo de 1973.

