Benito Chaín Fernández
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 22 de marzo de 1762 Valonga |
| Morte | 5 de decembro de 1831 Medina Sidonia |
| Grupo étnico | Pobo galego |
| Actividade | |
| Ocupación | militar |
| Carreira militar | |
| Lealdade | España |
Benito Chaín Fernández, nado en Valonga (Pol) o 22 de marzo de 1762[1] e finado en Medina Sidonia (provincia de Cádiz) o 5 de decembro de 1831, foi un militar galego. Na guerra da Independencia da Arxentina defendeu a causa realista no territorio da Banda Oriental (Uruguai).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Benito Chaín e Lorenza Fernández. Emigrou ao Río da Prata e serviu nas milicias de Montevideo desde 1779 en calidade de distinguido ao mando do capitán Roque Ibáñez.[1] En xaneiro de 1790 pasou a servir na compañía de vecinos de Mercedes ás ordes do capitán Pedro Ramos (afectado ao territorio de Río Negro) e finalmente nas de Colonia del Sacramento até o 17 de marzo de 1797,[1] cando obtivo despacho de tenente da 8.ª compañía de Vecinos del Regimiento de Caballería de la Colonia.[2] Alternaba as súas tarefas na milicia con actividades gandeiras, tanto legais coma clandestinas, con bo éxito xeral aínda que en marzo de 1796 sufriu unha decomisaciónnon en Mercedes. Estivo tamén a cargo do Estanco de la Capilla Nueva de Mercedes até agosto de 1800.[1]
No inverno de 1798 interveu na campaña invernal a Sierras (zona actualmente no Brasil) contra os indios charrúas e minuáns, e o 20 de abril de 1799 nomeárono capitán da compañía de milicias de cabalaría do Partido do Uruguai (Paysandú).[1][2] Ao mando das tres compañías do escuadrón do Rexemento da Colonia, situadas ao norte do río Negro, participou en 1801 da expedición que ao mando de Jorge Pacheco desaloxou os indíxenas do norte da Banda Oriental, entre os cordais do río Quaraí e o Arapey, paralizando o avance dos malóns.[3]
Conquista portuguesa
[editar | editar a fonte]En 1801, no marco das operacións destinadas a frear a invasión portuguesa a Misiones Orientales, o vicerrei Joaquín del Pino destinouno á Provincia de Misiones con cen homes do seu rexemento, mais ao chegaren Santo Tomé o gobernador da provincia Joaquín de Soria enviouno en auxilio do comandante da fronteira Pedro Antonio Durán. Atacou os portugueses que cruzaran o río no departamento Concepción e expulsounos de La Guardia de San Lucas, forzándoos a cruzar de novo o río.[2]
Regresou a Santo Tomé e o gobernador retirouno, e de volta a Capilla Nueva construíu en 1803 o seu primeiro cuartel, ao que contribuíu con cen pesos. O 24 de abril de 1803 obtivo a xefatura dunha compañía do Rexemento de Milicias disciplinadas de Colonia.[1] O 4 de xaneiro de 1805 Fernando VII concedeulle unhas illas sobre o río Uruguai entre Zanja Honda e Arroyo Negro.
Invasións británicas
[editar | editar a fonte]En 1806, durante as Invasións Británicas, marchou a Colonia e retrocedeu a Paysandú para levantar reforzos. Regresou a Colonia como capitán e o 28 de xullo sumouse ás forzas que ao mando de Santiago de Liniers se dispuñan a recuperar a cidade de Buenos Aires.[2][3][4] Recuperada Buenos Aires, permaneceu de guarnición na cidade ao mando dun escuadrón de Blandengues de Montevideo con 118 homes.[5]
Tras conquistaren os británicos Montevideo retirouse á súa propiedade aducindo unha grave doenza respiratoria.[1][2] Convocado a sumarse ás milicias en operacións o 9 de xuño de 1807 por Francisco Javier de Elío declinou por motivos de saúde, mais reintegrouse en novembro baixo o mando de Bartolomé Riesgo.[1]
Funcionario
[editar | editar a fonte]En abril de 1808 Liniers nomeouno «Comisionado para celar la misma extracción y la consiguiente introducción de contrabando» para controlar as extraccións de gando ao Brasil polo río Negro. Como compensación, os embargos serían para o seu exclusivo beneficio.[1][2] En 1809 foi ascendido a tenente coronel de milicias. Pasou como comandante a Paysandú.[3] Durante a Revolución de Mayo de 1810 recibiu da Primera Junta a encomenda de planificar a expansión do barrio de Paysandú. Renunciou ao encargo en xuño polos desencontros coa veciñanza, en describiu o lugar como un «conjunto de ranchos de paja (excepto tres casitas de poco costo), mal formados y dirigidos al antojo de cada individuo».[2]
Loita contra a revolución
[editar | editar a fonte]Ao decatarse do cariz revolucionario da Junta, mantívose sen tomar determinación durante algúns meses e finalmente pronunciouse pola causa de España, ofrecéndolle os seus servizos a Francisco Javier de Elío.[2] Formulou un vasto plan contrarrevolucionario, desbotado por irrealizable,[2] e en Paysandú armou máis de 200 homes que sostiveron guerrillas contra o exército patriota.[3]
Ao se retirar Gaspar de Vigodet de Colonia quedou illado en Paysandú e foi capturado o 7 de marzo de 1811 polo capitán Francisco Bicudo e conducido a Mercedes. Liberado por Venancio Benavídez, Ramón Fernández e Pedro Viera, o 30 de marzo capturouno de novo José Gervasio Artigas, quen tras deixalo detido en Paysandú, antes de remitilo a Buenos Aires lle concedeu o paso ao campo realista.[2] En agosto de 1811 estaba de novo en Paysandú.
Ao producirse a invasión portuguesa de 1811 auxiliou a partida portuguesa de 55 milicianos que ao mando de Manuel Carvallo e de Bento Manuel Ribeiro, o 1 de setembro venceu en Paysandú fronte a unha compañía de 50 homes de cabalaría patriota ao mando do capitán Francisco Bicudo, a maior parte dos cales morreron. A perdida do control da campaña fixo insostible a posición. En marzo de 1812 incorporouse ao exército portugués,[2] e o 10 de setembro recibiu de Vigodet instrucións de retirarse a El Cordón.
Sitio de Montevideo
[editar | editar a fonte]Chaín marchou coas súas tropas a Montevideo, que pasaron a formar no batallón de Pardos e Morenos.[2] O 17 de novembro recibiu de Vigodet o cargo de coronel graduado de cabalaría, co cal participou da defensa de Montevideo durante o segundo sitio (1812-1814).[6] [7][8] Na xunta mixta de guerra do 18 de xuño de 1814, coa presenza dos mandos militares, do cabido e o consulado, Benito Chaín opúxose á rendición xunto con Faustino Galeano e Ambrosio del Gallo.[2]
Tras a caída da praza en 1814 foi tomado prisioneiro. Gervasio Posadas ordenou executalo, mais Carlos María de Alvear conmutou a pena[2] e dispuxo o traslado a Buenos Aires.[3] Tras saber que os portugueses ocuparan Maldonado, o 7 de xaneiro de 1817 fuxiu do Fortín Navarro e chegou a Montevideo o 11 de marzo dese ano.[2] Liderou un dos partidos de españois realistas que pretendía facerse cargo da cidade á espera da expedición española ante unha eventual retirada portuguesa. En decembro de 1819 foi detido xunto a Ambrosio de la Cuadra por Carlos Federico Lecor, quen mandou desterralos á illa Santa Catarina.[3]
España
[editar | editar a fonte]En abril de 1819 solicitou e obtivo o nomeamento de Comendador da Orde de Isabel a Católica.[1][8] En 1823 foi residir a Medina Sidonia,[1] desde onde seguiu influíndo en América.[9]
A súa propiedade en San Javier quedou ao cargo do seu primoxénito, José María Chaín, que residía coa súa muller Mercedes Hornos. Tras falecer este en marzo de 1829, en 1831 instruíulle por carta instrucións ao seu fillo Benito Chaín para que recuperase os campos de San Román e San Javier, pois coa guerra do Brasil perdera 70000 cabezas de gando.[3]
Faleceu sen testar o 5 de decembro de 1831 en Medina Sidonia.[10]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou primeiro con Francisca Antonia Redruello e despois coa galega Juana Troitiño García. Tivo canto menos dous fillos, un deles Benito Javier Chaín (Montevideo, 1801-1869).
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 Schulkin, Augusto I. (1993). "Nuevos elementos para la historia del coronel español Benito Chaín". Boletín Histórico del Ejército (287/290): 9–18.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 Schulkin, Augusto I. (1958). "Benito Chaín". Boletín Histórico del Ejército (75-76): 42.
- 1 2 3 4 5 6 7 Cutolo, Vicente Osvaldo (1968). Nuevo diccionario biográfico argentino (1750-1930). Buenos Aires: Elche.
- ↑ Hermano Damasceno (1900). Ensayo de Historia Patria. p. 111.
- ↑ "Estado de las fuerzas de Buenos Aires en octubre de 1806". Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2012. Consultado o 12 de xullo de 2026.
- ↑ Gaceta de Madrid, Imprenta Real, 1813, p.199 y 200
- ↑ Carranza, Ángel Justiniano (1962). Campañas Navales de la República Argentina, Volumen I - Tomos 1 y 2, Secretaria de Estado de Marina.
- 1 2 Archivo Histórico Nacional (España), ESTADO, 6317, Exp.72
- ↑ Perea, Juan Florencio (1958). "Plan de Defensa del Estado Cisplatino dirigido al Barón de la Laguna, 1824". Boletín Histórico (77-79): 58.
- ↑ Ministerio da Gobernación (29 de maio de 1832). "Anuncios". Gaceta de Madrid: 264.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Aguerre Core, Fernando (2008-2009). "El decreto de las Cortes de Cádiz del 4 de enero de 1813 y su aplicación en Montevideo: el caso del Coronel Benito Chain y la cuestión de la tierra". Humanidades: revista de la Universidad de Montevideo (8-9): 155-171.