Saltar ao contido

Bell UH-1 Iroquois

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bell UH-1 Iroquois
Tipohelicóptero utilitario
FabricanteBell Helicopter
Primeiro voo20 de outubro de 1956
Introducido1959
Produción1956-1987
Unidades construídasmáis de 16 000
VariantesBell UH-1N Twin Huey
Bell 204/205
Bell 212

O Bell UH-1 Iroquois (alcumado "Huey") é un helicóptero utilitario militar impulsado por un único motor turboeixo con dúas palas. É o primeiro membro da prolífica familia Huey e foi desenvolvido por Bell Helicopter para cumprir un requirimento, de 1952, do Exército dos Estados Unidos de América para un helicóptero utilitario e de evacuación médica, voando por vez primeira en 1956. O UH-1 foi o primeiro helicóptero de turbina en entrar en produción en 1960 para as forzas armadas estadounidenses, de dende entón fabricáronse máis de 16 000 unidades.[1]

O Iroquois foi orixinalmente designado HU-1, e de aí procede o alcume de Huey que segue usándose comunmente a pesar da redesignación oficial a UH-1 en 1962.[2] O UH-1 entrou en servizo en operación de combate durante a guerra de Vietnam, despregándose uns 7 000 helicópteros. Os Bell 204 e 205 son versións do Iroquois desenvolvidas para o mercado civil.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

En 1952 o Exército dos Estados Unidos identificou un requisito para un novo helicóptero que servise para evacuación médica (MEDEVAC), adestrador instrumental, e aeronave utilitaria xeral. O Exército determinou que os helicópteros que xa existían eran demasiado grandes, tiñan pouca potencia ou eran demasiado complexos para un mantemento doado. En novembro de 1953 enviáronse requisitos militares revisados ao Departamento do Exército.[3] 20 compañías presentaron deseños para intentar facerse co contrato, incluído Bell Helicopter co Model 204 e Kaman Aircraft cunha versión do H-43 cun motor de turbina. O 23 de febreiro de 1955 o Exército anunciou a súa decisión, seleccionando a Bell para fabricar tres copias do Model 204 para ser avaliadas coa designación XH-40.

Model 204

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Bell 204/205.

Impulsado por un prototipo do motor Lycoming YT53-L-1 (LTC1B-1) que producía 700 CV, o XH-40 voou por vez primeira o 20 de outubro de 1956[4] en Fort Worth, Texas, co xefe dos pilotos de proba de Bell, Floyd Carlson, aos mandos. En 1957 fabricáronse dous prototipos máis, e o Exército pedira anteriormente seis YH-40 para probar en servizo, antes incluso de que voase o primeiro prototipo. En marzo de 1960 o Exército premiou a Bell cun contrato de produción por 100 aeronaves, sendo designado o modelo HU-1A e bautizado como Iroquois pola tribo nativa americana.[5]

O helicóptero desenvolveu rapidamente un alcume derivado da súa designación HU-1, que en inglés viña a pronunciarse como "Huey". A referencia fíxose tan popular que Bell comezou o nome nos pedais do helicóptero.[2] O nome oficial do Exército case nunca se usou na práctica.[6] Despois de setembro de 1962 a designación para todos os modelos cambiouse a UH-1 baixo un sistema de designación unificado do Departamento de Defensa, aínda que o alcume quedou.

Ao mesmo tempo que lle chovían os eloxios polos avances do aparello sobre os helicópteros que tiñan motor de pistón, o Exército informaba que nas probas de servizo do YH-40 atoparan que tiña pouca potencia co motor de produción T53-L-1A que producía un máximo continuo de 770 CV. O Exército indicou a necesidade de mellores modelos de seguimento incluso cando se entregaron os primeiros exemplares do UH-1A. En resposta, Bell propuxo o UH-1B, equipado co motor Lycoming T53-L-5 que producía 960 CV e cunha cabina máis grande que podía acomodar ou a sete pasaxeiros ou a catro padiolas cun asistente médico. As probas do Exército co UH-1B comezaron en novembro de 1960, sendo o primeiro exemplar de produción entregado en marzo de 1961.[3]

Bell comezou a desenvolver o UH-1C en 1960 co obxectivo de corrixir deficiencias aerodinámicas do UH-1B armado. Bell equipou ao UH-1C cun motor de 1 100 CV T53-L-11 para proporcionar a potencia necesaria para levantar todos os sistemas de armas en uso ou en desenvolvemento. O Exército finalmente reequiparía todos os UH-1B co mesmo motor. Desenvolveuse un novo sistema de rotor para o UH-1C para permitirlle unha maior velocidade. O mellorado rotor conseguiu unha mellor manobrabilidade e un pouco máis de velocidade. O aumento de potencia e o rotor de maior diámetro fixeron que os enxeñeiros de Bell tivesen que deseñar unha nova pluma de cola para o UH-1C. A pluma de cola máis longa incorporaba unha aleta vertical máis ancha no rotor de cola e elevadores sincronizados máis grandes.

Bell tamén introduciu un sistema de control hidráulico dobre ademais dun sistema de filtro de entrada mellorado para as poirentas condicións atopadas no sueste asiático. A capacidade de combustible do UH-1C incrementouse ata os 920 litros, e o peso aumentou ata os 4 309 kg, dándolle un peso útil nominal de 2 120 kg. A produción do UH-1C comezou en xuño de 1966 fabricándose un total de 766 unidades, incluídas cinco para a Real Armada de Australia e cinco para Noruega.

Model 205

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Bell 204/205.

Aínda que os primeiros Huey de "corpo curto" foron un éxito, o Exército quería unha versión que puidese levar máis soldados. A solución de Bell foi alongar a fuselaxe do HU-1B 104 cm e usar o espazo extra para colocar catro asentos preto da transmisión, mirando cara a fóra. A capacidade incrementouse a 15 persoas, incluída a tripulación.[7] A cabina máis grande tamén podía acomodar seir padiolas e un médico, dúas máis que os modelos anteriores.[7] No lugar das portas corredeiras cunha única fiestra das versións anteriores, instaláronse portas máis grandes con dúas fiestras, ademais dun pequeno panel con bisagras cunha fiestra opcional, proporcionando un mellor acceso á cabina. As portas e os paneis con bisagras podían quitarse rapidamente, permitindo ao Huey voar sen estes elementos.

O prototipo do Model 205 voou por vez primeira o 16 de agosto de 1961.[8][9] Sete unidades de preprodución foron entregadas para probas na base aérea de Edwards a partir de marzo de 1961. O 205 equipouse inicialmente cun rotor principal de 13,4 m e un motor Lycoming T53-L-9 de 1 100 CV. O rotor foi alongado ata os 14,6 m cunha corda de 53 cm. A pluma de cola tamén foi alongada co obxectivo de acomodar as palas máis longas. En total, as modificacións aumentaron o peso en bruto ata os 4 309 kg. O Exército ordenou a produción do 205 en 1963, fabricado cun motor T53-L-11. Os prototipos foron designados YUH-1D e a aeronave de produción foi o UH-1D.

En 1966 Bell instalou o motor de 1 400 CV Lycoming T53-L-13 para proporcionar máis potencia á aeronave. O tubo pitot foi recolocado dende o nariz ao teito da cabina de mando, para evitar danos durante as aterraxes. Os modelos de produción con esta configuración foron designados UH-1H.[6][10]

Corpo de Marines

[editar | editar a fonte]

En 1962 o Corpo de Marines dos Estados Unidos realizou unha competición para elixir un helicóptero de poio de asalto para substituír o Cessna O-1 de á fixa e ao helicóptero Kaman OH-43D. O gañador foi o UH-1B, que xa estaba en servizo co Exército. O helicóptero foi designado UH-1E e modificado para cumprir os requisitos dos Marines. Os principais cambios eran o uso dunha construción toda de aluminio para ter resistencia á corrosión, radios compatibles coas frecuencias de terra do Corpo de Marines, un freo de rotor para usar a bordo dos barcos e frenalo ou paralo rapidamente, e un elevador de rescate montado no teito.

O UH-1E voou por vez primeira o 7 de outubro de 1963, e as entregas comezaron o 21 de febreiro de 1964, con 192 aeronaves completadas. Debido ás realidades na liña de produción de Bell, o UH-1E foi fabricado en dúas versións distintas, as dúas coa mesma designación UH-1E. O primeiros 34 construídos eran esencialmente células de UH-1B co motor Lycoming T53-L-11 producindo 1 100 CV. Cando Bell cambiou a produción ao UH-1C, o UH-1E beneficiouse dos mesmos cambios. O Corpo de Marines posteriormente actualizou os motores do UH-1E ao Lycoming T53-L-13, que producía 1 400 shp, despois de que o Exército introducise o UH-1M e actualizara os seus helicópteros UH-1C co mesmo motor.

Forza Aérea

[editar | editar a fonte]

A competición da Forza Aérea dos Estados Unidos (USAF) para un helicóptero usado como apoio nas bases de mísiles incluíndo un requisito específico obrigando o uso do motor turboeixo General Electric T58. A Forza Aérea tiña un gran inventario deses motores para a súa frota dos helicópteros de rescate HH-3 Jolly Green Giant e usar o mesmo motor para ámbolos dous aparellos aforraría custos. Como resposta, Bell propuxo unha versión actualizada do 204B co motor T58.

Variantes con dous motores

[editar | editar a fonte]

As versións dun motor do UH-1 foron seguidas polo bimotor UH-1N Twin Huey e anos máis tarde polo UH-1Y Venom. Bell comezou a desenvolver o UH-1N para Canadá en 1968. Este tiña os máis potentes motores Pratt & Whitney Canada PT6T. Os Estados Unidos tamén ordenou o helicóptero, recibíndoos a USAF en 1970. Os militares canadenses, o Corpo de Marines e a Armada dos Estados Unidos recibiron o modelo en 1971.[11]

En 1996 o Corpo de Marines comezou un programa de actualización do H-1 dándolle un contrato a Bell Helicopter para desenvolver as variantes melloradas UH-1Y e AH-1Z. O UH-1Y ten unha cabina máis grande, un rotor de catro palas e dous motores GE T700 máis potentes.[1] O UH-1Y entrou en servizo no ano 2008.

  1. 1,0 1,1 "Bell UH-1Y pocket guide" (PDF). Bell Helicopter,. Archived from the original on 29 de decembro de 2010. Consultado o 30 de outubro de 2018. 
  2. 2,0 2,1 "Bell UH-1V 'Huey'". DVHAA. Archived from the original on 11 de maio de 2008. Consultado o 30 de outubro de 2018. 
  3. 3,0 3,1 Weinert 1991, p. 203
  4. "Aeroengines 1957". Flight. Consultado o 2018-11-23. 
  5. Pike, John. "H-40". www.globalsecurity.org. Consultado o 2018-11-22. 
  6. 6,0 6,1 Drendel 1983, pp. 9-21
  7. 7,0 7,1 Apostolo 1984, pp. 47-48
  8. McGowen 2005, p. 100
  9. Pattillo 2001, p. 208
  10. Mutza 1986
  11. Donald 1997. p. 113

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Apostolo, Giorgio. "Bell 204", "Bell 205". The Illustrated Encyclopedia of Helicopters. Nova York: Bonanza Books, 1984. ISBN 0-517-43935-2.
  • Donald, David, ed. "Bell Model 212 Twin Two-Twelve". The Complete Encyclopedia of World Aircraft. Nova York: Barnes & Noble Books, 1997. ISBN 0-7607-0592-5.
  • Drendel, Lou. Huey. Carrollton, Texas: Squadron/Signal Publications, 1983. ISBN 0-89747-145-8.
  • McGowen, Stanley S. Helicopters: An Illustrated History of Their Impact. Santa Barbara, California: ABC-CLIO, 2005. ISBN 978-1-85109-468-4.
  • Mutza, Wayne. UH-1 Huey In Action. Carrollton, Texas: Squadron/Signal Publications, 1986. ISBN 0-89747-179-2.
  • Pattillo, Donald M. Pushing the Envelope: The American Aircraft Industry. Ann Arbor, Michigan: University of Michigan Press, 2001. ISBN 978-0-472-08671-9.