O Bell P-39 Airacobra foi un caza estadounidense da segunda guerra mundial. O seu prototipo voou por primeira vez en abril de 1939 e entrou en servizo en 1941, sendo un dos principais cazas dos Estados Unidos cando o país entrou na guerra. Foi usado tamén por Gran Bretaña e a Unión Soviética.
Tiña un esquema pouco habitual, co motor instalado detrás da cabina do piloto, no centro da fuselaxe, coa hélice no morro conectada por un longo eixo. Este feito deixaba a proa libre para a instalación dun canón de 37mm e para montar un tren de aterraxe en triciclo, sendo o primeiro caza en utilizalo.[1] Porén o resultado non foi moi satisfactorio, xa que o avión carecía dun turbocompresor eficiente, polo que o seu rendemento a grande altitude non era bo. Por esta razón foi rexeitado pola RAF para ser usado en Europa occidental, aínda que foi adoptado pola URSS, xa que na fronte oriental a meirande parte dos combates aéreos producíanse a media e baixa altura.
Xunto co derivado P-63 Kingcobra, o P-39 foi unha das aeronaves de á fixa máis exitosas fabricadas por Bell.[2]