Bell 47J Ranger

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bell 47J Ranger
Tipohelicóptero utilitario
FabricanteBell Helicopter
Introducido1956
Retiradoxullo de 1967
Unidades construídas361

O Bell 47J Ranger é un helicóptero lixeiro estadounidense fabricado por Bell Helicopter. Foi unha variante executiva do seu exitoso Bell 47 e foi o primeiro helicóptero en transportar ao Presidente dos Estados Unidos.

Deseño e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O 47J foi unha variante de catro asentos do anterior Bell 47H de tres asentos. O 47H era unha variante de luxo do 47G cunha fuselaxe completamente revestida e unha cabina pechada. O 47H demostrou ser demasiado pequeno, polo que Bell desenvolveu o 47J. O 47J era un aparello cun único piloto, cos controis centrados na parte frontal da cabina, e posicionado preto do parabrisas Lexan en burbulla cunha visión de 180° sen obstrucións. Un único banco na parte traseira estendíase ao ancho todo o que podía e permitía que se sentasen de 3 a 4 adultos.

Historial operacional[editar | editar a fonte]

En marzo de 1957 dous Bell 47J foron mercados pola USAF como transporte presidencial coa designación H-13J.[1] O 13 de xullo dese ano un H-13J foi o primeiro helicóptero usado por un presidente dos Estados Unidos cando transportou a Dwight D. Eisenhower dende a Casa Branca.[1] En marzo de 1962 os dous helicópteros foron retirados das tarefas presidenciais pero usáronse como transportes VIP durante os seguintes cinco anos ata ser retirados en xullo de 1967.[1]

Dous Bell 47J-2 foron usados durante a produción da película de 1966 Paradise, Hawaiian Style protagonizada por Elvis Presley. Ao longo do filme, a personaxe de Presley, Rick Richards, voaba un Bell 47J-2 sobre o arquipélago de Hawai.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Bell UH-13J Sioux". National Museum of the US Air Force™ (en inglés). Consultado o 2018-11-22.