Tabriz foi un lugar de intercambio cultural desde a antigüidade. O seu complexo histórico de bazar é un dos centros comerciais máis importantes da Ruta da Seda. Existe un bazar no mesmo lugar desde os primeiros períodos do urbanismo iraniano despois do islam. O bazar xa mencionouno o viaxeiro veneciano Marco Polo, quen afirmou telo atravesado mentres viaxaba pola Ruta da Seda.[6]
Situada no centro da cidade de Tabriz, a estrutura está dividida en filas, moitas delas dedicadas a categorías particulares de produtos. Entre elas inclúense o Bazar Amir (para ouro e xoias), o Mozzafarieh (alfombras tecidas a man, clasificadas por tamaño e tipo de nó), o Bazar Bashmakhchi (zapatos), o Bazar Kiz Basdi e o Bazar Rahli (produtos frescos). Tabriz e o seu bazar tiveron o seu máximo esplendor no século XVI, cando a cidade se converteu na capital do Irán safávida. A cidade perdeu este status no século XVII, pero o seu bazar seguiu sendo importante como centro comercial e económico na rexión e na ruta da seda.[8] Aínda que nos últimos anos se estableceron numerosas tendas e centros comerciais modernos, o bazar de Tabriz mantivo o seu papel vital como centro económico da cidade e do noroeste de Irán.[9]
↑Mehdipour, H.R.N, "Persian Bazaar and Its Impact on Evolution of Historic Urban Cores: The Case of Isfahan," The Macrotheme Review [A multidisciplinary Journal of Global Macro Trends], Vol. 2, no. 5, 2013, p.14
↑Assari,A., Mahesh, T.M., Emtehani, M.E. and Assari, E., "Comparative Sustainability of Bazaar in Iranian Traditional Cities: Case Studies of Isfahan and Tabriz," International Journal on “Technical and Physical Problems of Engineering”, Vol. 3, no. 9, 2011, pp 18-24
↑"بازار بزرگ تبریز". Tabriz Municipality(en persa). Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2020. Consultado o 17 de novembro de 2022.