O exército belga andaba escaso de munición e as tropas estaban moi cansas, debido ás continuas retiradas ante a iniciativa alemá. Para poder aguantar a fronte, Francia enviou reforzos tanto de infantaría como mariña.
Os primeiros combates comezaron o 16 de outubro, en torno á cidade de Diksmuide, onde as tropas aliadas detiveron o avance alemán. Ao día seguinte, tropas alemás pouco experimentadas (estudantes pouco adestrados, reservistas...) atacaron Bruxas e Ostende. Simultaneamente, o IV Exército alemán avanzou e tomou a liña Nieuwpoort-Ypres. Deste xeito, os alemáns achegábanse ao río Yser. A partir de entón sucederíanse diversas batallas, sen ningún gañador claro, estabilizándose a fronte cara ao 31 de outubro.
O obxectivo principal do Imperio Alemán era, por unha banda, derrotar e anexionar todo o territorio belga. Por outra banda, pretendía tomar diversos portos do Atlántico e así cortar as vías de subministracións británicas. Non obstante os obxectivos non foron completamente conseguidos: Bélxica aguantou o envite alemán en torno ao río Yser e os británicos non se tiveron que retirar de Francia. Estímanse unhas 40000 baixas belgas e 15000 francesas. Descoñécense as perdas alemás.