Batalla de Wareham

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A batalla de Wareham foi un conflito militar entre as forzas saxoas de Alfredo o Grande e as do caudillo viquingo Guthrum no ano 876. No século IX o rei Alfredo xa iniciara un sistema de defensa baseado en cidades fortificadas coñecidas como burh[1]. Tras as derrotas dos reinos de Mercia e Northumbria, en 874 Guthrum atreveuse a iniciar unha ofensiva contra o reino de Wessex que se mantivo até entón nunha especie de statu quo durante as arremetidas viquingas no leste, aínda que xa mantivera enfrontamentos previos non exentos de pagos de rescate (danegeld) a cambio de paz cos daneses. En 876 as forzas viquingas estaban divididas en dúas frontes, o gran exército pagán encabezado por Halfdan Ragnarsson en York consolidando o seu poder na zona, e Guthrum coa segunda onda coñecida como gran exército de verán no sur.

Guthrum levou o seu exército até o porto de Poole no sur de Inglaterra e alí uniuse con outro exército viquingo que estaba a invadir a área que se atopa entre os ríos Frome e Trent, área gobernada por Alfredo. Segundo o cronista Asser na súa obra Vida de Alfredo, este primeiro enfrontamento tivo como resultado a vitoria viquinga, capturando o "castellum" (un pequeno forte da época romana) e a praza fortificada de Wareham, desencadeando o conflito militar que foi resolto de novo co pago dun danegeld, unha paz efémera que foi rota en 877 cando Guthrum volveu invadir Wessex e provocou unha cadea de conflitos nos que, en principio, parecía que Alfredo era protagonista dunha derrota tras outra[2].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Davis, Terence (1997) Wareham Gateway to Purbeck, ISBN 0-948699-62-0 p. 14
  2. "Texto completo de Life of King Alfred de Asser". Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2017. Consultado o 08 de novembro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Garmonsway, G.N., tradución The Anglo-Saxon Chronicle. Londres: Dent, 1972.
  • Jones, Gwyn. A History of the Vikings. Edición revisada. Oxford: Oxford University Press, 1984.
  • Smyth, Alfred P. Alfred the Great. Oxford: Oxford University Press, 1995.
  • Smyth, Alfred P., tradución The Medieval Life of Alfred. Houndmills: Palgrave, 2002.
  • Yorke, Barbara. Kings and Kingdoms of Anglo-Saxon England. Londres: Routledge, 1997.

Outros artigos[editar | editar a fonte]