Batalla de Tassafaronga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Batalla de Tassafaronga O USS Minneapolis en Tulagi, o 1 de decembro de 1942


A batalla de Tassafaronga, tamén coñecida como Cuarta Batalla da Illa de Savo ou como Batalla nocturna do mar de Lunga (ルンガ沖夜戦 Runga- oki Yasen?) segundo fontes xaponesas, foi unha batalla naval nocturna que se desenvolveu o 30 de novembro de 1942 como parte da campaña do Pacífico da Segunda Guerra Mundial entre a Armada Imperial Xaponesa e a Armada dos Estados Unidos. A batalla tivo lugar no estreito do Fondo de Ferro (en inglés: Ironbottom Sound), preto da área de Tassafaronga en Guadalcanal. Na batalla, unha forza estadounidense de cinco cruceiros e catro destrutores, baixo o mando do almirante Carleton H. Wright, tentou sorprender e destruír unha forza naval xaponesa que consistía en oito destrutores, baixo o mando do contraalmirante Raizō Tanaka, os cales trataban de entregar subministracións de alimentos ás forzas xaponesas en Guadalcanal. Apoiándose no uso de radares, os buques de guerra estadounidenses abriron fogo e afundiron un dos destrutores xaponeses. Tanaka e o resto dos seus barcos reaccionaron rapidamente e lanzaron numerosos torpedos aos buques de guerra estadounidenses, alcanzando e afundindo un cruceiro e deixando seriamente danados outros tres. A acción permitiu ao resto dos buques xaponeses escapar sen dano adicional relevante, aínda que non puideron completar a misión de entregar as subministracións. A batalla, a pesar de ser unha derrota táctica grave para os Estados Unidos, tivo un escaso impacto estratéxico xa que os xaponeses foron incapaces de sacar proveito da vitoria para axudar nos infrutuosos esforzos de botar as forzas aliadas de Guadalcanal.