Batalla de Sacavém

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Batalla de Sacavém
Parte de Toma de Lisboa
Batalha de D. Afonso Henriques junto àponte romana em Sacavém.jpg
Batalla de Afonso Henriques xunto
á ponte romana de Sacavém (1147)
Data Xullo de 1147
Lugar Ponte romana de Sacavém, sobre o río Trancão, Sacavém (Portugal)
Resultado Vitoria das forzas cristiás
Cambios territoriais Paso decisivo para a toma de Lisboa
Belixerantes
Cristiáns portugueses
(e quizais cruzados doutras nacionalidades)
Musulmáns (almorábides)
Líderes
PortugueseFlag1143.svg Afonso Henriques Bezai Zaide
Forzas en combate
1500 homes
(de acordo coa tradición)
5000 homes
(de acordo coa tradición)
Baixas
s/d (elevadas) 3000 mortos en combate,
elevado número de afogados,
o resto feitos prisioneiros

A mítica batalla de Sacavém foi unha loita entre o primeiro rei portugués, Afonso Henriques, e os musulmáns, no inicio da toma de Lisboa, en xullo de 1147, nas marxes do río Trancão, xunto á antiga ponte romana que o cruzaba.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Despois da conquista de Santarém, Afonso Henriques preparouse para tomar Lisboa e así consolidar definitivamente no só a liña do río Texo senón tamén a propia independencia do incipiente reino portugués, xa que o dominio do seu fértil val garantíalle a plena autosuficiencia e malograba os plans dos leoneses de volver a anexioar Portugal.

Entre tanto, difundíase pola Estremadura a noticia de que os cristiáns xa cercaban Lisboa, sendo imperativo axudar a defender a toda costa os últimos redutos musulmáns ao norte do río Texo. Sendo así, reuníronse nas proximidades de Sacavém, ao norte do río, para loitar e destruír as forzas de Afonso Henriques cerca de cinco mil musulmáns oriúndos non só de Estremadura (Alenquer, Lisboa e Sacavém), senón tamén do oeste (Óbidios e Torres Vedras) e do Ribatejo (Tomar e Torres Novas), baixo o mando do walí de Sacavém, Bezai Zaide.

Unha batalla, un milagre[editar | editar a fonte]

Alfonso Henriques dispoñía apenas dunha forza de mil cincocentos guerreiros, e foi nesas condicións como se iniciou a batalla, tendo como escenario Sacavém de Baixo, na marxe do río de Sacavém, entre os actuais montes de Sintra e do Convento, xunto á vella ponte romana, fortemente defendida polos mouros, os cales iniciaran xa o seu ataque, dispostos a derrotar aos portugueses.

Afonso Henriques quen, de acordo coa tradición, conquistou Sacavém aos mouros.

A pesar da significativa diferenza numérica entre ambos os contendentes (as forzas do walí estímanse nuns 5 000 soldados), acabarían por vencer os cristiáns; aínda que a maior parte destes últimos perecera, conseguirían matar a tres mil musulmáns a fío de espada, quedando os restantes mouros afogados no río ou sendo feitos prisioneiros.

Esta milagrosa vitoria foi atribuída á divina intervención da Virxe María, que tería feito aparecer durante o combate a moitos homes estraños que pelexaban cos cristiáns.

Como Afonso Henriques contou co apoio dos cruzados para tomar a que sería máis tarde a capital, podemos partir do principio, máis ou menos seguro, de que os homes estraños aos que a fonte lendaria se refire serían cristiáns oriúndos do norte de Europa.

Cóntase que Bezai Zaide, ante o sucedido, converteuse á fe cristiá, sendo o primeiro sancristán da ermida dedicada á Nossa Senhora dos Mártires (así chamada en honra dos cristiáns caídos na batalla), que Afonso Henriques alí mandou erixir pasados poucos días da loita.

Ao mesmo tempo, o rei tamén mandou reconstruír a vella Igrexa de Nossa Senhora dos Prazeres (que quedara en ruínas baixo a ocupación musulmá, a persar de que estes tiñan permitido o culto cristián mediante o pago dun tributo —a yizía- ás autoridades islámicas), facéndoa sé parroquial de Sacavém alterándoa na súa advocación, dedicándoa agora á Nossa Senhora da Vitória (en homenaxe á súa estrondosa vitoria sobre os mouros debido á intercesión da Virxe).

Entre a historia e a lenda[editar | editar a fonte]

O primeiro en aludir a esta tradición foi un monxe da orde cisterciense do Mosterio de Alcobaça, Frei Antonio Brandão, na súa Monarquía Lusitana (folios 170, 170 v. e 171), afirmando basearse nunha tradición, xa vella, recollida entre as xentes de Sacavém; tamén Miguel de Moura, nas súas inéditas Memorias da Fundación do Mosteiro de Sacavém, alude a esa lenda existente entre os sacavenenses, que averiguou cando desexou erixir o Convento de Nossa Senhora dos Mártires e da Conceição de Sacavém, no lugar da antiga ermita da Senhora dos Mártires, en 1577.

Con todo, non hai probas históricas que corroboren a existencia de facto deste combate; as fontes sobre a conquista (como a coñecida Carta do cruzado Randulfo ao clérigo Osberto de Baldreseia, na cal relata polo miúdo a expugnación da cidade), non fan ningunha alusión a este combate nas marxes do río de Sacavém.

No século XIX, o historiador e político Alexandre Herculano foi o primeiro en citar este feito, na súa coñecida História de Portugal. Hoxe en día, está comunmente considerada como practicamente lendaria, polo menos cos "adornos" con que foi descrita.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]