Saltar ao contido

Batalla de Cēsis

Batalla de Cēsis
Guerra de Independência da Letônia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
 Resultado
vitoria estoniano-letona
Datas
 Data de comezo
5 de xuño de 1919 Editar o valor en Wikidata
 Data de remate
23 de xuño de 1919 Editar o valor en Wikidata
Localización
 Localización
 País
 Coordenadas
Códigos e identificadores
Freebase/m/03cj9lw Editar o valor en Wikidata
Wikidata

A batalla de Cēsis (letón: Cēsu kaujas; estoniano: Võnnu lahing, batalla de Võnnu; alemán: Schlacht von Wenden, batalla de Wenden), librada preto de Cēsis (Wenden en alemán) en xuño de 1919, foi unha batalla decisiva nas guerras de independencia de Estonia e Letonia. Tras intensos combates, unha forza estoniana que avanzaba desde o norte, complementada por unidades letoas, repeleu os ataques alemáns do Báltico e lanzou un contraataque total.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Letonia declarara a independencia en 1918, pero foi incapaz de deter o avance do Exército Vermello, , o que provocou a perda de Riga. O avance dos Fisileiros Letóns foi detido polo VI Corpo de Reserva alemán.[1] O Corpo de Reserva, baixo o mando do xeneral Rüdiger von der Goltz, estaba composto pola Baltische Landeswehr, a División de Ferro dos Freikorps e a División de Reserva da Garda.[2] Os voluntarios letóns leais ao Goberno Provisional tamén foron postos baixo o mando da Baltische Landeswehr.[1] O 16 de abril de 1919, o goberno letón de Kārlis Ulmanis foi derrocado polos alemáns, que instalaron un Goberno Provisional Alemán monicreque de Letonia encabezado por Andrievs Niedra. Porén, a Brigada Letoa liderada por Jānis Balodis permaneceu pasivamente baixo o mando alemán.[1]

Despois de recuperar Riga do Exército Vermello, o VI Corpo de Reserva continuou o seu avance cara ao norte. Ao mesmo tempo, a 3ª División Estoniana, despois de expulsar os soviéticos do sur de Estonia, avanzou cara a Letonia dende o norte. Estonia seguía recoñecendo o goberno de Ulmanis e ningún dos bandos estaba disposto a ceder. O 5 de xuño comezaron os combates, e a Landeswehr capturou Cēsis ao día seguinte.[3] O 10 de xuño, coa mediación dos Aliados, declarouse un alto o fogo, pero as conversas fracasaron e o 19 de xuño retomáronse os combates.

O 19 de xuño os combates retomáronse cun ataque da División de Ferro ás posicións estonianas preto de Limbaži. Naquel momento, a 3ª División Estoniana, incluíndo o 2.º Rexemento Cēsis letón baixo o mando do coronel Krišjānis Berķis, contaba con 5 990 soldados de infantería e 125 de cabalaría. As forzas proalemás tiñan entre 5 500 e 6 300 soldados de infantería, entre 500 e 600 de cabalaría e unha forte vantaxe en canóns, metralladoras e morteiros.[1] As forzas alemás conseguiron algúns éxitos ao redor de Limbaži, pero foron axiña rexeitadas. O principal ataque da Landeswehr comezou o 21 de xuño, rompendo as posicións do 2º Rexemento Cēsis letón no río Rauna. A situación volveuse crítica para a 3ª División Estoniana, pero o asalto alemán foi detido por tres trens blindados estonianos e o Batallón Partisano de Kuperjanov.[4]

A Landeswehr continuou atacando en varias partes da fronte e máis forzas estonianas uníronse á batalla.[5] Despois de deter os últimos ataques alemáns, as forzas estonianas iniciaron un contraataque completo o 23 de xuño que resultou na reconquista de Cēsis.[6] As unidades alemás iniciaron entón unha retirada xeral cara a Riga.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

A batalla de Cēsis foi unha decisiva vitoria de Estonia contra as forzas pro-alemás. A 3ª División Estoniana continuou o seu avance cara Riga, chegando o 3 de xullo aos arredores da cidade. Estonia, Letonia e o Goberno Provisional pro-alemán de Letonia asinaron o cesamento do fogo de Strazdumuiža[7] por esixencia da Entente. O armisticio restaurou o goberno de Ulmanis en Riga. As forzas alemás recibiron a orde de abandonar Letonia, e a Landeswehr alemá-báltica foi posta baixo o mando do goberno letón e enviada a loitar contra o Exército Vermello. Porén, para burlar as ordes da Entente, moitos soldados alemáns, en lugar de marchar, foron incorporados ao Exército Voluntario de Rusia Occidental. Os combates en Letonia e Lituania reanudaronse en outubro e continuaron ata decembro de 1919.

Estonia celebra o aniversario da batalla como o Día da Vitoria (Võidupüha), un festivo nacional que cae o 23 de xuño.[8] Os eventos anuais de conmemoración da batalla celébranse o 22 de xuño (Día da Vitoria de Letonia, en letón: Latvijas Uzvaras diena) no Monumento á Liberdade en Cēsis.[9][10]

  1. 1 2 3 4 "Ülevaade Eesti Vabadussõjast (1918–1920)". Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2010. Consultado o 23 de abril de 2025.
  2. Tucker, Spencer; Roberts, Priscilla Mary; Eisenhower, John Sheldon Doud (2005). World War I: encyclopedia. Santa Barbara (Calif.): ABC-Clio. pp. 492–493. ISBN 978-1-85109-420-2.
  3. Traksmaa, August. Lühike vabadussõja ajalugu, pp 150-151. Olion, 1992
  4. Traksmaa, August. Lühike vabadussõja ajalugu, p 157. Olion, 1992
  5. Traksmaa, August. Lühike vabadussõja ajalugu, p 158. Olion, 1992
  6. Kaevats, Ülo: Eesti Entsüklopeedia 10, p 519. Eesti Entsüklopeediakirjastus, 1998
  7. "The beginning, course and end of the battles of Cēsis". militaryheritagetourism.info. Consultado o 24 de abril de 2025.
  8. "Võidupüha - Keila malevkond" (en estoniano). 2024-05-23. Consultado o 2025-04-24.
  9. "Celebration of the Latvia's Victory Day in Cēsis". EnterGauja (en inglés). Consultado o 2025-04-24.
  10. "Latvia and Estonia celebrate 100th anniversary of Battle of Cēsis victory". ERR (en inglés). 2019-06-22. Consultado o 2025-04-24.