Saltar ao contido

Batalla de Belchite (1937)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Belchite
Parte de Guerra Civil Española

A igrexa do Pueblo viejo de Belchite.
Data 24 de agosto a 6 de setembro de 1937
Lugar Belchite, Zaragoza
Aragón
Resultado Vitoria táctica republicana
Vitoria estratéxica nacional
Belixerantes
Bando nacional Segunda República Española
Líderes
Alfonso Trallero Sebastián Pozas
Enrique Líster
Forzas en combate
50 000 - 100 000 soldados 80 000 soldados,
90 avións,
105 tanques

A batalla de Belchite foi un conxunto de operacións militares desenvolvidas durante a guerra civil española entre o 24 de agosto e o 6 de setembro de 1937 nos arredores e interior desta poboación zaragozana.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Despois do fracasado intento de demorar o avance dos nacionais no norte, mediante o ataque a Brunete, o Goberno republicano presidido por Negrín e con Prieto como ministro de Defensa, decide levar a cabo unha nova ofensiva en Aragón co mesmo obxectivo que a anterior, isto é ralentizar o avance das forzas sublevadas na fronte do norte, onde xa tomaran Santander.

Non obstante, a decisión non só tiña razóns de orde militar, senón tamén político. Os autonomistas e anarquistas cataláns queixábanse de que o goberno central non prestaba atención á fronte de Aragón, o que provocaba falta de moral entre as súas forzas debido á inactividade. Pola súa parte, o goberno central estaba preocupado pola influencia dos anarquistas e do POUM na zona, onde o Consello Rexional de Defensa de Aragón, presidido por Joaquín Ascaso, funcionaba na práctica como un goberno independente. Así se pensou que coa introdución de forzas comunistas e a incorporación de tres divisións anarquistas ao acabo de crear Exército do Leste, ao mando do xeneral Pozas, se podería poñer fin máis facilmente a esa influencia anarquista, como así foi. O obxectivo militar era a toma de Zaragoza, situada a poucos quilómetros tras as liñas inimigas, acción que suporía un triunfo máis que simbólico, xa que esta cidade era o centro de comunicacións de toda a fronte de Aragón e a súa ocupación pola República dificultaría sobremaneira o control dos rebeldes sobre solo aragonés. Ademais, tras un ano de guerra, reforzárase a crenza entre os mandos do Exército Popular da República de que a posesión de cidades clave era unha estratexia moito máis vantaxosa que o control de grandes áreas de territorio despoboado.

Con estas premisas, o xeneral Pozas e o seu Xefe de Estado Maior, o coronel Antonio Cordón, estableceron o seu cuartel xeneral en Bujaraloz. O seu plan era atacar por sete puntos diferentes nunha franxa central de 100 km entre Zuera e Belchite. O dividir as forzas atacantes entre sete puntos distintos tiña por obxecto dificultar o contraataque dos nacionais, así como ofrecer o menor branco posíbel aos ataques aéreos.

Ofensiva republicana

[editar | editar a fonte]
Mapa da contorna onde se desenvolveu a batalla con indicación das situacións inicial e final.

De acordo ao plan trazado, o 24 de agosto o xeneral Pozas, co novo Exército do Leste e as XI e XV Brigadas Internacionais, lanza un ataque simultáneo por tres puntos fundamentais e cinco secundarios en dirección a Zaragoza.

Participan 80 000 homes, tres escuadrillas da aviación republicana con Polikarpov I-16 (moscas), Polikarpov I-15 (chatos) (uns 90 avións en total) e 105 carros T-26 soviéticos.

Nas dúas primeiras frontes (norte e centro) só se logrou ocupar terreo baleiro. Na fronte sur as poboacións de Quinto, Mediana de Aragón e Codo estaban escasamente guarnecidas e caeron en poder do exército republicano o 26 de agosto, aínda que as tropas republicanas da División 11° (mandada por Enrique Líster) e da División 25° (dirixida por Juan Modesto) gastan algúns días máis en reducir os núcleos de resistencia do bando nacional que van quedando atrás, detendo o avance cara a Fuentes de Ebro.

As tropas da 45° División, dirixidas por Emilio Kléber, chegan a seis quilómetros de Zaragoza e ameazan directamente a cidade, pero non logran lanzar un ataque contra ela porque mentres tanto as Divisións 11° e 25° adícanse a eliminar un inesperado foco de resistencia dos nacionais situado na localidade de Belchite. Para entón dita localidade formara unha bolsa de resistencia apreciable, onde a defensa dos nacionais sitiados foi considerable, aínda que só estaban concentrados alí uns 7 000 soldados dirixidos polo comandante Alfonso Trallero, que pereceu na defensa.

Parapetados en fortificacións de ferro e cemento e dispoñendo de varios niños de metralladoras, os nacionais aproveitaron os edificios de Belchite para instalar o seu dispositivo de defensa, colocando sacos de area como barricadas nas rúas da localidade, para retardar o avance das forzas republicanas que trataban de reducir a bolsa desde o 1 de setembro. Aínda cercados, os sublevados defendéronse tenazmente durante varios días, mentres que as tropas republicanas detiñan o seu avance noutras zonas para adicarse a sufocar a resistencia de Belchite.

Entón o maior de milicias Juan Modesto decidiu lanzar toda a División 25° da República contra Belchite, para eliminar este bastión á retagarda das súas tropas, a aviación republicana colaborou neste esforzo, até que a propia poboación quedou destruída polos ataques de artillaría e bombardeos aéreos; a acumulación de entullos en Belchite dificultou máis á infantaría republicana a súa tarefa de reducir aos defensores da vila. Esta operación significou unha demora de cinco días máis, pois os nacionais cercados en Belchite resistiron até o 7 de setembro. Para ese momento, a fronte dos nacionais recibira reforzos, e desde Zaragoza planificouse unha contraofensiva a partir do 30 de agosto, que recuperou algún terreo pero foi detida pola 45° División de Kléber e non logrou socorrer aos nacionais cercados en Belchite. De feito, cando a 11° División de Modesto sufocou a resistencia en Belchite, o avance da 45° División xa fora repelido polos nacionais.

A ofensiva fracasou porque en lugar de avanzar sobre Zaragoza, as forzas republicanas concentráronse en tomar Belchite que formara unha bolsa en medio do territorio gañado, cunha cantidade de tropas dez veces menor ás tropas da República. Pese á abafadora vantaxe numérica das tropas republicanas sobre os nacionais cercados en Belchite, as divisións de Modesto e Líster deron prioridade á toma desta localidade e tornaron moi lentos os seus avances, prexudicando á división de Emilio Kléber que no podería lanzar por si soa un ataque decisivo contra a capital aragonesa. Esta "operación de limpeza" produciu un atraso considerable, que deu lugar a que os nacionais puideran reforzar as súas posicións e a fronte quedara estabilizada.

Contraofensiva nacional

[editar | editar a fonte]

Antes da ofensiva republicana, os nacionais só dispoñían na zona de tres divisións, a 51ª, a 52ª e a 105ª, despregadas ao longo dos 300 km da fronte, coa maioría das tropas concentradas en cidades.

Os efectivos nacionais tras o comezo da ofensiva compoñíanse de cinco divisións ao agregarse tamén a 13ª e a 150ª, que foron retiradas da fronte de Madrid, artillaría (da que carecía o bando republicano) e 65 Fiat CR-32, Heinkel He-46, Savoia Sm-79 e Messerschmitt Bf-109. A contraofensiva iniciouse o 30 de agosto e acabou o 6 de setembro, coincidindo coa rendición dos defensores nacionais de Belchite e ser tomada esta poboación polos republicanos.

Os únicos éxitos nacionais foron o derribo de cinco I-15, posto que non se lograron traspasar as posicións republicanas en Mediana de Aragón e Puebla de Albortón.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]