Batallón Literario da Costa da Morte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Costa da Morte.

O Batallón Literario da Costa da Morte foi un grupo poético xurdido nunha cafetaría de Cee o 1 de maio de 1996 cuxo nome está inspirado no Batallón Literario de Santiago, emerxido na Universidade de Santiago de Compostela no século XIX. Considérase ao grupo literario “Arre Sentelha!” como xerme do batallón así como tamén “Blas Espín” ou o colectivo “Un medio”, desenvolvidos tamén na Costa da Morte, xa que algúns dos seus membros participaron neses grupos. Nesta primeira xuntanza reuníronse os fundadores que eran Miro Villar, Federico L. Santalla (secretario), Rafa Villar, Xandra Tedín, Modesto Fraga, Xabier Rodrígues Fidalgo e Estevo Creus.

O Batallón inclúe un amplo número de integrantes procedentes na súa maioría da Costa da Morte e de diversas idades. Podemos destacar algúns nomes a parte dos anteriores como Alexandre Nerium, Mónica Góñez ou Concha Blanco. Entre os seus participantes non só se atopan poetas, se non tamén importantes narradores e narradoras como por exemplo María Canosa.

É salientábel a súa organización e participación en certames e recitais poéticos. Tamén publicaron algúns volumes colectivos e un boletín poético.

Membros[editar | editar a fonte]

Entre os membros deste grupo literario podemos salientar os seguintes:

  • Estevo Creus: poeta e psicólogo natural de Cee e un dos fundadores do Batallón Literario da Costa da Morte. Tiña experiencia como narrador mais a súa primeira obra poética publícaa estando dentro do grupo. Gañou varios premios literarios como por exemplo o Premio Miguel González Garcés co seu poemario Areados.
  • Alexandre Nerium: de orixe fisterrá, este escritor comezou a súa carreira literaria co Batallón e incluso chegou a ser o seu presidente. O seu pasado como mariñeiro está presente nos seus poemas coa temática mariña. Foi gañador do Premio Rosalía de Castro en 1996.
  • Miro Villar: escritor, tradutor, crítico literario e profesor orixinario de Cee; é tamén doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Conta cunha obra moi ampla. Escribiu poesía, ensaio e narrativa sendo premiado en todos estes xéneros. Foi o primeiro presidente do Batallón. Destacamos Abecedario da desolación galardoado co Premio Tívoli-Europa (1998) e o Premio Concello de Carral con As Crebas (2010).
  • Rafa Villar: licenciado en filoloxía galego-portuguesa e un dos fundadores da editorial Letra de Cal. Deuse a coñecer en 1992 ao gañar o Premio Fermín Bouza Brey con Liques da Memoria. É irmán de Miro Villar.
  • María Lado: é natural de Cee tamén e comezou a súa carreira literaria co Batallón, onde publicou os seus primeiros textos nos libros colectivos do grupo. A súa primeira obra de poesía individual foi A primera visión (1997).
  • Modesto Fraga: autor fisterrá que colaborou en moitas publicacións poéticas colectivas e en revistas como Dorna. Recibiu varios premios tales como o do Concello de Carral pola súa obra Devalar sen pel.
  • Marilar Aleixandre[1]: escritora, tradutora e bióloga de orixe madrileña; ten unha ampla obra na que cultivou varios xéneros. Destaca como autora de literatura infantil e xuvenil. Actualmente é membro da Real Academia Galega. Gañou o Premio Merlín de literatura infantil no 1994 por A expedición do Pacífico e foi a primeira muller en facerse co Premio Xerais con Teoría do Caos en 2001.

O Batallón conta con máis integrantes como Suso Bahamonde, Pilar Beiro, Concha Blanco, Moncho Bouzas Tobío, Fernando Cabeza Quiles, Sesé Canirot, Ana Canosa Blanco,María Canosa Blanco, Xosé María Casais, Xaime Trillo, Xabier Rodrigues Fidalgo, María Jesús de la Torre, Eva de la Torre, Gus García, Rafa García, Víctor Manuel Gómez Traba, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, Tomás Lijó, José Luís Louzán, Abel Mendes Bujeiro, Federico L. Santalla, Xoán Alberte Moure Insua, Paulina Mouzo,  Helena Pérez García, Marcos Seoane Vázquez e Paco Souto.

Características[editar | editar a fonte]

O grupo conta cun corpo variado de autores e autoras; algúns contaban cunha traxectoria literaria previa e outros comezaron a publicar ao ingresar no Batallón. A maior parte son orixinarios da Costa da Morte, mais hai algúns doutras zonas de Galiza e incluso de fóra dela, como é o caso de Marilar Aleixandre (Madrid) ou Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada). Céntranse na poesía, mais tamén cultivaron outros xéneros de maneira individual.

O obxectivo principal deste colectivo era levar a poesía á rúa, o que fixeron mediante recitais. Outro dos seus propósitos era dar voz a escritores e escritoras descoñecidos. Tamén se suman á tendencia da poesía galega da década dos noventa de incorporar á muller ao panorama poético.

Nos seus poemas é frecuente atopar descrición da paisaxe marítima da Costa da Morte e cuestións relativas á súa terra.

Actividade[editar | editar a fonte]

O Batallón organizou e participou nunha gran cantidade de certames poéticos xa que consideraban que era importante que a poesía saíse á rúa e fose recitada en voz alta. No ano 1997 foron arredor duns 50 recitais os realizados, e acabaron representando a Galiza no Encontro Iberoamericano de Cultura. Celebraron varios encontros de escritores e escritoras da Costa da Morte.

Editaron ademais catro números dun boletín estacional chamado Feros Corvos, cuxo nome está sacado dun verso do poema "Feros Corvos de Xallas" da obra Queixumes dos Pinos de Eduardo Pondal, co que comezan os diferentes exemplares: «Feros corvos de Xallas / que vagantes andás». O primeiro dos números foi publicado en febreiro de 1997. Distribuíano gratuitamente pola Costa da Morte e por outros lugares polos que pasaban. Estaba formado por catro páxinas e cada número tiña unha cor, onde publicaban os seus poemas orixinais.

Publicaron tres volumes poéticos:

  • Nós (1997): presentado no Primeiro Encontro Iberoamericano de Cultura. Recolle poemas de 34 dos membros do Batallón.
  • Rumbo ás illas. Escritores da Costa da Morte nas Sisargas (1997).
  • Mar por medio (1998) en colaboración con escritores cubanos.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]