Baryonyx

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Baryonyx ("garra pesada") é un xénero representado por unha única especie de dinosauro terópodo espinosáurido, que viviu a mediados do cretáceo, hai aproximadamente 125 millóns de anos durante o Aptiano, no que é hoxe Europa e posiblemente África. O primeiro exemplar foi atopado en Inglaterra, e posteriormente reportado no norte de España e Portugal. A única especie coñecida é Baryonyx walkeri. Baryonyx é un dos poucos dinosauros piscívoros coñecidos, con adaptacións para o caso, un longo e baixo fociño, coas mandíbulas estreitas cheas de dentes finamente aserrados e garras coma ganchos para axudarlle a buscar a súa presa principal.

Descrición[editar | editar a fonte]

Reconstrución dun Baryonyx, representado erroneamente con mans en pronación.
Restauración dun Baryonyx espertando.

O Baryonyx medía uns 9,5 metros de longo e entre 2.6 e 2.75 m de alto, e pesaba entre 1,7 e 2,7 toneladas.[1][2]

O Baryonyx é un terópodo moi infrecuente. A estrutura da súa pelve suxire que era bípede cando se desprazaba dun lugar a outro. Do mesmo xeito ca os dromeosáuridos, o Baryonyx tiña un par de grandes garras curvas, de ao redor de 35 centímetros, pero ao contrario que estes, non se situaba nos pés, senón nas mans. A estrutura ósea suxire a existencia dunha poderosa musculatura nas extremidades anteriores, moito maior que na maioría dos terópodos.

O longo pescozo era moi pouco flexible e non tiña a forma en S de moitos outros terópodos. O cranio inseríase nun ángulo agudo e non recto, como é común en dinosauros semellantes. As grandes mandíbulas eran singularmente crocodilianas en aspecto e tiñan 96 dentes, o dobre ca a maioría dos seus parentes. 64 destes dentes situábanse na mandíbula inferior e 32, máis longos, na superior. É posible que o fociño presentase unha pequena crista. A mandíbula superior tiña un ángulo agudo preto do fociño, unha característica vista en crocodilos que axuda a evitar que a presa escape. Unha característica similar tamén se ve nos picanzos.

Historia[editar | editar a fonte]

Esqueleto de Baryonyx no Museo de Historia Natural de Londres.

Durante o cretáceo temperán, o primitivo Lago Wealden cubría a maior parte do que agora é o norte de Europa. As chairas aluviais e os deltas dos ríos que discorrían polas terras máis altas do que agora é Londres desembocaban aquí. O Baryonyx foi descuberto nestes antigos deltas. En 1983, un "cazador de fósiles" afeccionado, William Walker, atopou unha enorme garra que sobresaía dun pozo de arxila en Surrey. Coa axuda doutras persoas, procedeu a extraer o resto do espécime, que se atopaba practicamente intacto. O esqueleto foi cedido para que realizasen a escavación a Alan J. Charig e Angela C. Milner, doutores do Museo de Historia Natural de Londres. Estes publicaron a súa descrición do espécime-tipo en 1986 e déronlle o nome de Baryonyx walkeri á nova especie en honra de Walker. Recuperouse ao redor do 70% do esqueleto, incluído o cranio. Isto permitiu aos paleontólogos realizar numerosas deducións sobre Baryonyx a partir deste exemplar. O esqueleto atópase en exhibición no Museo de Historia Natural de Londres.

Algúns anos despois do descubrimento inglés atopouse un cranio parcial e varios dentes e ósos do pulso do Baryonyx no xacemento de Salas de los Infantes, situado na provincia de Burgos, ao norte de España. Tamén se identificaron algunhas das famosas pegadas fósiles da Rioxa, provincia veciña de Burgos, como pertencentes a este xénero ou ao doutro terópodo moi similar. En abril de 2006 o Centro de Interpretación Paleontológica da Rioxa[3], en Igea fixo público un achado único a nivel mundial: os restos dunha pata de Baryonyx, podéndose observar a cabeza do fémur, falanxe distal, metatarsos, fémur, tibia, peroné (fíbula) e falanxe ungual do dedo IV (esporón) dunha pata esquerda e unha cabeza de fémur dunha pata dereita (peza de 2,2m de altura e cunha lesión traumática, curada en vida do dinosauro). Tamén no mesmo centro, cóntase desde 1986 cun resto mandibular do mesmo exemplar, primeiro de España en ser catalogado. Dúas garras máis atopáronse na República de Níxer en África occidental, e outra en 1996 na Illa de Wight. En decembro de 1997, un almacén de fósiles vellos no museo da Illa de Wight rendeu un antebrazo dun Baryonyx. Estes restos foran desenterrados ao parecer nas décadas anteriores na costa do suroeste da illa, e estiveran sen clasificar nunha caixa no castelo de Carisbrooke dende entón. Os fragmentos e dentes atopados en Portugal, pensouse orixinalmente que pertencían a Suchosaurus girardi. Foron identificados máis adiante como Baryonyx walkeri polo paleontólogo Eric Buffetaut.[4]

Clasificación[editar | editar a fonte]

Reconstrución esquelética do espécime holotipo de Baryonyx.

Outro piscívoro parecido a un crocodilo, o Suchomimus, foi descrito en 1998 e clasificado na mesma subfamilia ca o Baryonyx, Baryonychinae.[5] En 2004, o paleontólogo Hutt e outros suxeriron que o Suchomimus tenerensis debería redefinirse como Baryonyx tenerensis. Novos descubrimentos demostraron que as vértebras de Baryonyx eran máis semellantes ás de Suchomimus do que se pensara previamente.[6] A subfamilia Baryonychinae é á súa vez unha subdivisión da familia Spinosauridae, que contén outras formas xigantes do Cretáceo de Suramérica e África como o Spinosaurus e o Irritator. Probablemente, os primeiros espinosáuridos apareceron no antigo continente austral de Gondwana e tiveron a súa maior diversificación en África, colonizando daquela Europa Occidental a través da Península Ibérica. Existe un pequeno debate sobre a clasificación deste dinosauro. Hai certas similitudes con respecto ao Becklespinax, aínda que non existen evidencias de que o Baryonyx tivese unhas espiñas dorsais como as deste xénero.

Ademais, a semellanza entre o Baryonyx e o Suchosaurus foi observada e estudada por Buffetaut en 2007. Restos que se atribuíran a Suchosaurus agora asígnanse a Baryonyx, e é difícil distinguir entre os restos destes dous dinosauros. Algunhas diferenzas de menor importancia existen, por exemplo as cristas nos dentes de Suchosaurus. Con todo, unha gama de variacións similares existe entre os espécimes de Baryonyx , e mesmo entre os varios dentes asignados ao relacionado Spinosaurus. Buffetaut suxeriu que isto podería significar que calquera variación nos espécimes débese clasificar en taxóns separados, ou Suchosaurus podía ser un sinónimo maior de Baryonyx. Buffetaut observou que nese caso, o nome Baryonyx sexa substituído por Suchosaurus, que poderían ser problemática dado que o espécime holotipo de Suchosaurus é soamente un dente.

O seguinte cladograma mostra unha análise do 2010 da superfamilia Megalosauroidea.[7]

Megalosauroidea

Xuanhanosaurus

Marshosaurus

Condorraptor

Piatnitzkysaurus

Chuandongocoelurus

Monolophosaurus

Spinosauridae

Baryonyx

Suchomimus

Irritator

Spinosaurus

Megalosauridae

Paleoecoloxía[editar | editar a fonte]

Un modelo animatrónico de Baryonyx cazando a un Lepidotes.
Un Baryonyx walkeri establecendo unha relación simbiótica, tomando o sol mentres que o pterosaurio Europejara e a ave Iberomesornis lle axudan eliminando parasitos e anacos de carne.

As mandíbulas semellantes ás dun crocodilo e o gran número de dentes aserrados indican que o Baryonyx foi un animal principalmente piscívoro. Isto queda confirmado polo gran número de escamas e espiñas do peixe prehistórico Scheenstia (un xénero cuxas especies previamente foron asignadas a Lepidotes) que foron achadas na cavidade abdominal dun espécime inglés.[8] Especulouse que o Baryonyx podería permanecer nas beiras, apoiado sobre as súas poderosas patas dianteiras, e golpeando entón os peixes coa rechamante e potente garra curva que tiña en cada man para logo capturalos ao voo coas súas longas mandíbulas. Esta técnica de pesca é similar á que emprega o oso grizzly americano na actualidade. A forma alongada pero baixa do corpo e a cabeza disposta en ángulo apoian esta teoría. Até o descubrimento do Suchomimus, un parente próximo, o Baryonyx foi o único dinosauro piscívoro coñecido. Por outra banda, tamén se atoparon ósos de iguanodonte asociados con restos de Baryonyx. A falta de probas definitivas, é posible que o Baryonyx conseguise alimento extra mediante o consumo de prea. Un estudo publicado en 2013 observou que as mandíbulas de Baryonyx tiñan unha maior resistencia á torsión e a flexión ca as de Spinosaurus.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Charig, A.J. and Milner, A.C. (1997).
  2. Paul, Gregory S. (1988). Predatory Dinosaurs of the World. New York: Simon & Schuster. ISBN 0-671-61946-2. 
  3. [1]
  4. Buffetaut, E. (2007).
  5. Sereno, Beck, Dutheil, Gado, Larsson, Lyon, Marcot, Rauhut, Sadleir, Sidor, Varricchio, Wilson and Wilson. (1998).
  6. Hutt, S. and Newbery, P. (2004).
  7. Benson, R. B. J.; Carrano, M. T.; Brusatte, S. L. (2009). "A new clade of archaic large-bodied predatory dinosaurs (Theropoda: Allosauroidea) that survived to the latest Mesozoic". Naturwissenschaften 97 (1): 71–78. Bibcode:2010NW.....97...71B. PMID 19826771. doi:10.1007/s00114-009-0614-x. 
  8. López-Arbarello, A. (2012).
  9. Cuff, E. J.; Rayfield (2013). Farke, Andrew A, ed. "Feeding Mechanics in Spinosaurid Theropods and Extant Crocodilians". PLoS ONE 8 (5): e65295. PMC 3665537. PMID 23724135. doi:10.1371/journal.pone.0065295. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Paul Barrett e José Luís Sanz. "Larousse de los Dinosauros", Larousse, 2000.
  • Mateus, Ou., Araújo, R., Natário, C. & Castanhinha, R. (2011). "A new specimen of the theropod dinosaur Baryonyx from the early Cretaceous of Portugal and taxonomic validity of Suchosaurus." Zootaxa 2827: 54–68.
  • Benton MJ, Spencer PS (1995). Fossil Réptiles of Great Britain. Chapman & Hall. ISBN0-412-62040-5.  
  • BBC documentary 'Claws: A New Kind of Dinosaur' 1983
  • A.J. Charig and A.C. Milner, 1986, "Baryonyx, a remarkable new theropod dinosaur", Nature 324(6095): 359-361
  • Kitchener, A., 1987, "Function of Claw's claws", Nature, 325: 114
  • A.J. Charig and A.C. Milner, 1990, "The systematic position of Baryonyx walkeri, in the lixeiro of Gauthier's reclassification of the Theropoda", In: K. Carpenter and P. J. Currie (eds.) Dinosaur Systematics: Perspectives and Approaches, Cambridge University Press pp 127–140
  • Patrice Lebrun, Dinosaures Carnivores (Tome 2: tétanuriens et coelurosauriens basaux), Minéraux et Fossiles (Hors-Série n°20), 2006, 271 p.
  • (en) Gregory S. Paul, Predatory Dinosaur of the World, The New York Academy of Sciences, 1988, 464 p.
  • (en) Tim Gardon & Angela Milner, The Natural History Museum Book of Dinosaurs, Carlton Book, 2006, 144 p.
  • Paul Barrett and José Luís Sanz. "Larousse de los Dinosauros", Larousse, 2000.
  • Steve Hutt and Penny Newbery. "A new look at Baryonyx walkeri (Charig and Milner, 1986) based upon a recent fossil find from the Wealden" (2004), from the Symposium of Vertebrate Palaeontology and Comparative Anatomy. (abstract)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]