Baruya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Os baruya son unha tribo que vive no interior de Papúa Nova Guinea, e constitúen un dos clans dominantes da súa zona.

Teñen unha economía basicamente agrícola, se ben tamén practican a caza pero nun sentido máis ben simbólico. A súa sociedade non posúe estamentos sociais, se ben existe unha clara distinción entre homes e mulleres, estando estas totalmente subordinadas.

Os homes controlan os métodos de fabricación das ferramentas e da produción, e as mulleres só poden exercer tarefas que un home nunca podería facer por se consideraren degradantes para o seu prestixio, como a cría de porcos, de patacas doces...

O motor máis importante da sociedade baruya son os ritos de iniciación, porque designan o status de cada individuo e as relacións sociais que se terán que manter.

Pertencen ó grupo de linguas anga

Os ritos de iniciación masculinos[editar | editar a fonte]

As iniciacións masculinas comezan á idade de sete anos cando os nenos son separados das súas nais, visten con roupas de nena; isto é debido a que aínda pertencen ó mundo feminino do cal, mediante as iniciacións, abandonarán por completo. A partir desa idade pertencen ó mundo dos homes pero aínda non son homes. A partir de agora vivirán na casa dos homes, e logo das iniciacións, pasarán a ser homes, mentres estarán considerados segundo o estadio de iniciación no cal estean.

Os diferentes grados de iniciación son estes:

Muka- étapa de transición do mundo feminino ó mundo masculino

Yiveumbaye- 1º estadio da iniciación

Palittamounie- etapa de transición

Kavetnie- 2º estadio da iniciación

Pongwanie- etapa de transición

Tchuwanie- 3º estadio da iniciación

Kalave- etapa de transición

Munginie- 4º estadio da iniciación

Como se expón, á etapa de transición de cambio do mundo feminino ó mundo masculino, chámaselle Muka, etapa na cal pasan todo tipo de probas, logo dun tempo nesta etapa, pásase ó primeiro estadio de iniciación chamado Yiveumbaye, na que estará os primeiros anos ata que comecen as cerimonias nas cales lle atravesan o nariz cun anaco de madeira negra e dura, chamada palitta, os iniciados pasarán á seguinte etapa chamada Palittamounie que é a etapa ou cerimonia de transición ó segundo estadio na cal deixan os seus vestidos medio femininos e vístense de homes: Kavetnie.

Chegada a idade dos quince anos pasan á etapa chamada Pongwanie, que é o nome da pluma que se lle pon como símbolo deste estadio e nesta cerimonia ou etapa tamén é cando se lle poñen os símbolos propios de dominación masculina, un pico de cálao caendo sobre un círculo aberto feito con xuncos aberto e rematado en defensas de xabaríl e que representa o pene caendo sobre a vaxina dentada da muller. Máis adiante pasan á terceira etapa chamada Tchuwanie a máis importante de todas porque é na que se descobren se hai “grandes homes”, isto é, logo de ser iniciados co kwaimatnie correspondente seralles revelado se nesa promoción haberá un Aulatta (gran guerreiro), un kulaka (gran xamán) ou un cazador de casuario e todo iso saberase co sono destes, porque á mañá seguinte aparecerán os obxectos que definirán se son ou non grandes homes. Este tipo de decisións non son nin máxicas nin aleatorias; depende do clan ó que pertenzan, da súa liña xenealóxica e da predisposición do individuo. Para pasar á seguinte etapa terá que esperar a que lle veñan as menstruacións á súa prometida, momento no cal os dous pasarán pola cerimonia de Tsangitnia (comer sal, separada a da muller da do home) e logo desta cerimonia recibirá as insignias correspondentes á última etapa Munginie.

Estes cambios de estadías e de etapa de tránsito lévanse a cabo coa a axuda duns obxectos chamados kwaimatnie. Estes obxectos son de vital importancia para os baruya, porque o clan que os posúa terá maior prestixio e relevancia. Representan o poder fecundador da muller pero estando en mans dos homes, deste xeito tamén é unha forma de arrincarlle ese poder as mulleres. Este poder fecundador é simbólico, para eles é necesario, que para deixar de ser nenos, ten que haber algo que os converta en homes e os desvincule totalmente coas mulleres.

Existe un kwaimatnie para cada estadio e cada clan importante ten un, así mesmo, os kwaimatnie existen por parellas un é o do sol (que representa o lado feminino e é o máis poderoso) e outro é o da lúa (que representa o lado masculino e non é tan poderoso).

Os grandes homes

O Aulatta, gran guerreiro

É o home que regula as relacións político-militares co resto das tribos. Tamén é o primeiro na liña de guerra e así mesmo son moi prestixiosos e reciben moito respecto na tribo.

O Kulaka, xamán

No mundo xamánico é nun dos poucos nos que poden entrar as mulleres, pero con poderes limitados. As súas funcións son gardar a tribo de ataques doutros xamáns inimigos, curar enfermidades raras, e vixiar polas noites as almas dos seus.

O Kayareumala, o cazador de casuarios

É un reforzante da submisión á que está sometido ó mundo feminino nesta sociedade, o casuario representa para eles unha presa que relacionan co mundo feminino, e polo tanto a súa caza representa a subordinación deste.

O Tsaimaye, O fabricante de sal

A diferencia das outras tres esta non é unha clase especializada, todo o mundo podía ser fabricante de sal, menos as mulleres, se o mestre estaba disposto a ensinar. O sal no mundo baruya é moi importante para poder intercambialo cos grupos veciños e así poder obter recursos que eles non poden obter nos seus campos.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Godelier, M.: La Producción de grandes hombres: poder y dominación masculina entre los Baruya de Nueva Guinea. Madrid: Akal, 1986