Saltar ao contido

Bartolomeo Borghesi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaBartolomeo Borghesi

Gravado cun retrato de
Bartolomeo Borghesi.[1]

Biografía
Nacemento11 de xullo de 1781
Savignano sul Rubicone, Forlì-Cesena, Italia.
Morte16 de abril de 1860 (78 anos)
Cidade de San Marino, San Marino.
Lugar de sepulturaNova igrexa de San Marino. 
País de nacionalidadeItalia Italiano.
Sanmarinés.
RelixiónCatólico.
EducaciónUniversidade de Boloña
Actividade
Campo de traballoNumismática, epigrafía, antigüidades.
Ocupaciónnumismático, arqueólogo, historiador Editar o valor en Wikidata
Membro de
Academia de Ciencias de Rusia.
Accademia della Crusca.
Instituto Arqueolóxico Alemán.
Académie des Inscriptions et Belles-Lettres.
Academia Prusiana das Ciencias.
Academia das Ciencias de Turín.
Familia
PaisPietro Borghesi Editar o valor en Wikidata  e Caterina Conti di Castrocaro. Editar o valor en Wikidata
Premios
Orde do Mérito das Ciencias e das Artes

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Biblioteca dixital BEIC
The Nuttall Encyclopædia >>>:Borghesi, Count Editar o valor en Wikidata
BNE: XX4953080

Bartolomeo Borghesi, nado en Savignano sul Rubicone o 11 de xullo de 1781 e finado na cidade de San Marino o 16 de abril de 1860, foi un numismático, epigrafista, arqueólogo e anticuario italiano naturalizado sanmarinés.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Bartolomeo Borghesi naceu en Savignano sul Rubicone, preto de Cesena, en xullo de 1781,[2][3] fillo de Caterina Conti di Castrocaro e do erudito, tamén numismático e experto en ciencias exactas Pietro Borghesi (1722-1794). Do seu pai recibiu a súa primeira formación, orientada non só á numismática e a medallística, senón tamén ao estudo do latín e o grego.[4][5][6] A súa aprendizaxe foi tan rápida que con tan só 11 anos, en 1792, publicou un pequeno estudo sobre unha medalla de bronce do emperador Heraclio,[7] asinada como Bartolino Borghesi.[8][9][10]

Logo do falecemento do seu pai e mestre en 1794, Bartolomeo continuou a súa formación en varios colexios, primeiro no Collegio de' Nobili, dos escolapios de Rávena, e logo no Collegio San Luigi (1798-1800), en Boloña.[8][9][11]

Ao finalizar os estudos regresou á súa casa familiar en Savignano en maio de 1800, onde foi elixido membro da corporación municipal. Alí fundou a Accademia de' Simpemeni xunto a outros intelectuais, logo dunha reunión na súa propia casa o 10 de febreiro de 1801.[11] Nesta institución, os representantes da cultura máis senlleiros da provincia debatían sobre asuntos literarios, científicos e de todo tipo, e o municipio de Savignano confioulle a xestión da súa biblioteca e a creación dun centro de ensino secundario, no que o propio Borghesi chegou a ensinar Matemáticas e Astronomía.[9]

Nos invernos de 1801-1802 e de 1802-1803, Borghesi pasou longas estadías en Roma, onde frecuentou a Biblioteca Vaticana. Alí contactou tamén con dous paleógrafos e epigrafistas, Girolamo Amati e Gaetano Marini, cos que completou a súa formación nestas disciplinas.[9][11]

Carreira como numismático e erudito

[editar | editar a fonte]

Entre 1803 e 1804 dedicouse a transcribir e a investigar acerca dos pergamiños medievais de Cesena, Rímini e Rávena.[9]

Busto de Bartolomeo Borghesi reproducido na Rivista italiana di numismatica (1891).[12]

A vida de Borghesi nos anos seguintes estivo marcada por diversas viaxes e cambios de residencia, na procura de novas fontes para os seus estudos. En Roma, Milán e Turín visitou as bibliotecas e os museos para estudar manuscritos, libros, moedas e medallas, sobre os que baseou algunhas publicacións posteriores.[11]

A frecuente visita aos arquivos e ás bibliotecas antigas provocoulle unha doenza respiratoria en 1809, provocada pola aspiración do po depositado nos documentos, o que acabou por afastalo da análise codicolóxica e documental, e acabou enfocándose case exclusivamente nos estudos numismáticos e epigráficos, e tamén na creación literaria, centrada na poesía. Nos anos seguintes á súa recuperación, fixo varias viaxes a diversos lugares de Italia, como Florencia, Toscana, Milán e Nápoles, motivadas polas súas investigacións en materia numismática e epigráfica, e do outono de 1816 á primavera de 1817 estivo novamente en Roma, estudando novos achados no Foro Romano. Ese último ano o papa Pío VII encargoulle a reorganización e o estudo das coleccións numismáticas vaticanas, e en 1819 da súa colección privada. Entre viaxe e viaxe, Borghesi mantiña a súa residencia en Savignano sul Rubicone.[9]

En 1821, en medio das profundas convulsións que caracterizaban a sociedade e a política da península italiana retirouse a unha zona tranquila nos Apeninos na República de San Marino[13] —de onde dispuña xa a dobre nacionalidade desde o 3 de maio de 1818—. Alí levou a súa colección de moedas e medallas, así como unha gran cantidade de anotacións, documentos e libros que acumulara nas décadas anteriores, para continuar alí co seu labor erudito, e acabou pasando naquela república ata a fin da súa vida, coa excepción dalgunhas viaxes puntuais para afondar nos seus estudos.[9][14] De xeito diferente a outros eruditos da súa xeración —como Domenico Sestini ou Ennio Quirino Visconti—, Borghesi non saíu nunca da península Italiana.[15] Concentrado nas súas propias investigacións, mesmo rexeitou os constantes ofrecementos que recibiu para dirixir grandes proxectos, por parte de organismos como o Ministerio de Instrución Pública de Francia, as academias de Berlín e de Múnic —que pretendían que dirixise o Corpus Universale inscriptionum latinarum—, ou do Goberno de Roma, que lle pediu que aceptase a cátedra de Arqueoloxía da Universidade de Boloña.[15]

Monumento a Bartolomeo Borghesi en San Marino, erixido en 1904.

Desde os seus primeiros escritos, Borghesi interesouse moi particularmente na vida política e militar romana, na súa Administración, na xenealoxía das grandes familias, nos personaxes célebres e nas moedas da antiga Roma. Cultivou para aos seus estudos e as súa publicacións todas as ramas da arqueoloxía clásica, sinaladamente a cronoloxía, a epigrafía e a numismática.[9][16]

Os tres anos derradeiros da vida de Borghesi en San Marino víronse caracterizados por unha maior relación deste con institucións académicas europeas, sinaladamente da área xermanófona, e tamén con outros eruditos do seu tempo, que o visitaban adoito no seu retiro sanmarinés; entre eles destacan figuras como as de Barthold Georg Niebuhr ou Theodor Mommsen; este último deu continuidade ao proxecto emprendido por Borghesi de recompilar todas as inscricións latinas, que acabou dando como resultado o Corpus Inscriptorum Latinarum.[3][9]

A saúde de Borghesi comezou a debilitarse. En xaneiro de 1859 sufriu un ataque de apoplexía, do que logrou recuperarse, e o 16 de abril de 1860 faleceu na súa residencia da cidade de San Marino,[9][17][18] cando estaba convalecente dunha recente operación de hernia,[19][20] e foi soterrado no cemiterio da nova igrexa de San Marino.[9]

Recoñecementos e homenaxes

[editar | editar a fonte]
2 euros de San Marino (2004), co busto de Borghesi.

Ao longo da súa traxectoria como estudoso, Bartolomeo Borghesi viuse recoñecido coa súa pertenza a varias entidades e sociedades eruditas, como a Academia das Ciencias e das Artes de Rusia, en San Petersburgo, o Instituto Arqueolóxico Alomán, a Academia Prusiana das Ciencias, a Accademia della Crusca,[21] a Academia das Ciencias de Turín[22] ou a Académie des inscriptions et des belles-lettres, de París.[9][23][18]

O Reino de Prusia concedeulle tamén, en 1842, o título de Cabaleiro da Orde do Mérito das Ciencias e as Letras.[24]

O 16 de novembro de 1904 inaugurouse na Terrazza del Cantone da cidade de San Marino un monumento na honra de Bartolomeo Borghesi, obra do escultor Giuseppe Romagnoli.[25][26][27][28]

Máis recentemente, o Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato de Roma cuñou senllas moedas emitidas pola República de San Marino e cun busto de Borghesi como motivo principal, deseñado en ambos os casos por Ettore Lorenzo Frapiccini. Trátase dunha moeda circulante de dous euros emitida en 2002 e outra conmemorativa de prata de cinco euros, emitida en 2004.[29]

A colección numismática Borghesi

[editar | editar a fonte]

Logo do falecemento do seu pai en 1794, Bartolomeo Borghesi herdou del non só a súa paixón polo estudo e o coñecemento, senón tamén unha valiosa colección numismática, que non deixou de enriquecer ao longo da súa vida.[11]

A colección Borghesi foi vendida polos seus herdeiros en varias poxas públicas en Roma e Milán, agrupada en varios bloques temáticos, entre os anos 1879 e 1881:[30]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

A obra de Bartolomeo Borghesi é moi ampla, dado que a súa actividade como erudito se estendeu durante sete décadas. Dous anos despois do seu falecemento, a súa produción bibliográfica foi compilada tematicamente e publicada en París, inicialmente a expensas do emperador Napoleón III, e posteriormente continuadas e completadas xa durante o período republicano.[20][31][32]

Obras completas

[editar | editar a fonte]
  1. Gudeman, A. (1911). Imagines philologorvm. Teubner, Leipzig/Berlín. Páxina 20.
  2. Bouillet, M-N.; Chassang, A. (dir.) (1872).
  3. 3,0 3,1 Chisholm, H. (ed.) (1911).
  4. Müller, D. D. (1853). Páxina 68.
  5. Luppi, C. (1891). Páxina 251.
  6. Boccardo, G. (1877). Páxina 33.
  7. Luppi, C. (1891). Páxinas 251-252.
  8. 8,0 8,1 Pitrè, G. (1864). Páxina 15.
  9. 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 9,10 9,11 Campana, A. (1971).
  10. Borghesi, B. (1792). Dissertazione su di una medaglia Ravignana in bronzo dell’imperatore Eraclio. Cesena.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Luppi, C. (1891). Páxina 252.
  12. Luppi, C. (1891). Páxina 253.
  13. Müller, D. D. (1853). Páxina 69.
  14. Luppi, C. (1891). Páxinas 252-255.
  15. 15,0 15,1 Luppi, C. (1891). Páxina 256.
  16. Luppi, C. (1891). Páxina 255.
  17. "Nécrologie". En Revue Numismatique. Tomo V. 1860. Société franáise de numismatique. Páxina 248.
  18. 18,0 18,1 Pitrè, G. (1864). Páxina 18.
  19. Boccardo, G. (1877). Páxina 35.
  20. 20,0 20,1 Luppi, C. (1891). Páxina 257.
  21. "Borghesi, Bartolommeo (1781-1860)". Accademiadellacrusca.org
  22. "Bartolomeo Borghesi". Accademia delle Scienze di Torino (accademiadellescienze.it).
  23. "Académiciens depuis 1663". Académie des inscriptions et des belles-lettres (Aibl.fr).
  24. "Bartolomeo Graf Borghesi". Orden pour le Mérite für Wissenschaften und Künste (Orden-pourlemerite.de).
  25. Comitato promotore delle onoranze e del monumento a B. Borghesi (1905). Per Bartolomeo Borghesi. G. Civelli, San Marino.
  26. "Bartolomeo Borghesi". Statues - Hither & Thither (vanderkrogt.net).
  27. "Varietà: A Bartolomeo Borghesi". En Bollettino di Numismatica e di Arte della Medaglia. Nº 3. Marzo de 1904. Circolo Numismatico Milanense. Páxina 36.
  28. "Notizie varie: Bartolomeo Borghesi". En Bollettino di Numismatica e di Arte della Medaglia. Nº 11. Novembro de 1904. Circolo Numismatico Milanense. Páxina 136.
  29. "5 Euros Bartolomeo Borghesi". Numista.com
  30. Luppi, C. (1891). Páxina 257.
  31. Publication des oeuvres de Bartolomeo Borghesi. E. Panckoucke, París. 1860.
  32. "Lista bibliografica per ordina di date degli scriti editi ed inediti di Bartolomeo Borghesi riguardanti la numismatica". Luppi, C. (1891). Páxina 258.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]