Baroque pop

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Baroque pop
Orixes do estilo: rock, pop, surf rock, música barroca, música clásica
Orixes culturais: mediados dos 60 no Reino Unido e Estados Unidos
Instrumentos típicos: guitarra, baixo, batería, trompas, instrumentos de corda, clavecín
Popularidade: Exitoso na segunda metade dos 60, perdeu popularidade pero mantívose nos anos 70. Tivo un rexurdimento nos anos 2000.
Derivados: art rock, pop psicodélico, rock progresivo, rock psicodélico, rock experimental, sunshine pop

O baroque pop, baroque rock ou English baroque, a miúdo tamén se usa indistintamente o termo chamber pop/rock, é un subxénero da música pop rock orixinario do Reino Unido e dos Estados Unidos. Apareceu a mediados dos anos 60 como unha fusión do pop rock coa música clásica, en particular do barroco e do clasicismo.

O baroque pop acadou o seu maior grao de éxito na segunda metade dos anos 60, con varios grupos e artistas destacados que se dedicaron a cultivar o xénero; entre eses entán The Beach Boys, The Moody Blues, The Beatles, Left Banke, The Rolling Stones, Love e Procol Harum entre outros. A popularidade do baroque pop caíu nos anos 70, en parte debido ao punk rock, a música disco e o hard rock ocuparon o seu espazo. Porén, o xénero seguíuse producindo e exerceu un grao de influencia noutros estilos, como no chamber pop dos anos 90, que contiña producións ornamentais e influencias clásicas. Por outra banda, dende a década de 1990, o baroque pop viu un rexurdimento; varios artistas destacados, como Belle and Sebastian, Regina Spektor e The Divine Comedy ioncorporaron elementos do xénero ao seu traballo.