Saltar ao contido

Bandeira mapuche

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira dos mapuches
Bandeira dos mapuches
Características
Uso
Proporción2:3
Adopción5 de outubro de 1992
Cores     Branco     Negro     Azul     Verde     Amarelo     Vermello

A bandeira mapuche refírese a cada unha das bandeiras empregadas como emblema e símbolo pola nación e as comunidades mapuches en Chile e na Arxentina.[1][2] Existen diferentes bandeiras que representaron aos mapuches ao longo da historia e en diferentes territorios,[3] e dende 1992, existe a bandeira contemporánea, coñecida como Wenufoye, a cal está amparada polas normas da «Lei Indíxena» de 1993 e que foi amplamente adoptada como símbolo do pobo mapuche e, de maneira oficial, nalgunhas comunas chilenas para o seu uso xunto coa bandeira de Chile e a bandeira da localidade.

Bandeiras ancestrais

[editar | editar a fonte]
Bandeira mapuche segundo a obra El joven Lautaro de frei Pedro Subercaseaux (século XX).
Bandeira segundo o antigo relato mapuche, posiblemente empregada por tropas mapuches a comezos do século XVIII.

A utilización de bandeiras como forma de representar a persoas, estados ou nacións é un costume iniciado en Europa e na China, polo que é pouco probable que, antes da chegada dos conquistadores españois existisen este tipo de distintivos.

Os primeiros rexistros sobre o posible uso de bandeiras por parte dos pobos indíxenas remóntanse ás crónicas españolas durante a guerra de Arauco. Antes diso, no Canto XXI do poema épico La Araucana (1569), Alonso de Ercilla describiu a un guerreiro chamado Talcahuano, habitante das terras achegadas á actual cidade que leva o seu nome, quen era seguido por tropas que levaban emblemas azuis, brancos e vermellos.

Pasou despois deste logo Talcahuano, [...]
cuberto de altas plumas, moi louzán,
seguíndolle a súa xente de pelexa,
polos peitos ao nesgo atravesadas
bandas azuis, brancas e encarnadas.

Canto XXI, La Araucana (1569).

As descricións feitas xa no século XVIII documentan que as hostes mapuches empregaban dúas bandeiras, de cuxa antigüidade non hai certeza. Segundo versións de cronistas, a primeira delas estaba composta por unha estrela branca sobre fondo azul,[4] semellante ao cantón da actual bandeira chilena, e fora empregada por tropas mapuches a comezos do século XVIII. A segunda delas aparece sendo ondeada polo cacique Lautaro (c. 1534-1557) na súa representación artística máis coñecida, creada no século XX por frei Pedro Subercaseaux;[5] tiña unha branca estrela de oito puntas centrada nunha cruz ou estrela escalonada azul orlada de branco sobre un fondo vermello.[6]

A estrela octogonal empregada nestas bandeiras, como representación de Wünelfe, o luceiro ou Venus na iconografía mapuche, foron a orixe da estrela na actual bandeira chilena.[7] Segundo O'Higgins, a estrela da bandeira era a «estrela de Arauco».[8] Aínda que no presente a bandeira chilena presenta en pentagrama, nos deseños orixinais desta incluíase un asterisco de oito puntas inserto no centro da estrela, símbolo do Wünelfe ou guñelve, representando a combinación das tradicións europea e indíxena. Porén, co paso do tempo o deseño simplificouse, quedando soamente a estrela principal.[8]

Bandeira do Reino da Araucania e a Patagonia

[editar | editar a fonte]

O francés Orélie Antoine de Tounens, ou Orélie-Antoine I, quen proclamou un Reino da Araucania e a Patagonia, deseñou en 1861 unha bandeira que estaba formada polas cores azul, branca e verde dispostas en tres franxas horizontais.

Bandeira do Reino da Araucania e a Patagonia.

Bandeira contemporánea

[editar | editar a fonte]
Bandeira que foi empregada por diversas organizacións mapuches dende 1992.[1]
A bandeira mapuche contemporánea foi protagonista das manifestacións en Chile en outubro de 2019.[9]

En marzo de 1991, a organización mapuche Aukiñ Wallmapu Ngulam ou Consello de Todas as Terras realizou un chamado para confeccionar a bandeira da nación mapuche. Preto de 500 deseños foron presentados, dos cales escolleuse un. A bandeira da nación mapuche foi creada o 5 de outubro de 1992[1] e coñécese como Wenufoye (‘Canelo do ceo’).[10] O canelo (Drimys winteri) é unha árbore sempreverde que habita en gran parte do territorio da Arxentina e Chile. É unha das árbores sagradas do pobo mapuche e na súa lingua chámase foye ou foyke.

As cores e as figuras da bandeira mapuche representan o seguinte:[1]

  • Amarelo (chod): é a cor que representa a renovación; símbolo do Sol.
  • Azul (kallfü): é a cor que representa a abundancia, a orde, o universo e a vida; símbolo da espiritualidade ou o sagrado.
  • Branco (lig): é a cor que representa a curación, a limpeza e a lonxevidade; símbolo da prosperidade e a sabedoría.
  • Vermello (kelü): é a cor que representa a forza e o poder; símbolo da historia de loita do pobo mapuche e da lembranza.
  • Verde (karü): é a cor que representa a fertilidade, a natureza ou a terra, e o poder de curación; símbolo do feminino.
  • Cultrún (kultrung), o tambor mapuche; sobre a súa superficie cha, que representa a superficie da Terra, está debuxado o deseño circular da cosmovisión mapuche: os catro puntos cardinais e entre eles, o Sol, a Lúa e as estrelas; símbolo do coñecemento do mundo.
  • Guemil (ngümin), cruz ou estrela escalonada —semellante á «cruz andina» ou chacana— ou rombo de bordo zigzagueante: representa a arte da manufactura, a ciencia e o coñecemento; símbolo do sistema de escritura.

Este pavillón está amparado polas normas da «Lei Indíxena» en 1993.[11] Esta bandeira foi amplamente adoptada como símbolo do pobo mapuche e adoptada de maneira oficial nalgunhas comunas chilenas para o seu uso xunto á bandeira de Chile e a bandeira da localidade, como nos casos de Coyhaique e Padre Las Casas, entre outros.[12][13]

A partir de 2010, mediante un ditame da Contraloría Xeral da República de Chile, autorizouse o izado da bandeira, emblema ou escudo do pobo mapuche xunto á bandeira nacional.[14] A partir de setembro de 2011, unha campaña entre os concellos de Chile estimulou o uso das bandeiras dos pobos indíxenas nalgunhas festividades.[15] Aucán Huilcamán, involucrado na creación desta bandeira, anunciou en xuño de 2017 que pediría a derogación do decreto que autoriza o izado da Wenufoye, xa que considera que o seu fin é representar a loita do pobo mapuche, e que as institucións ou concellos chilenos e a Contraloría non teñen autoridade sobre o seu uso.[16]

Bandeiras de comunidades e territorios en Chile

[editar | editar a fonte]

Ademais de Wenufoye, en 1992 creáronse outras cinco bandeiras para representar os distintos territorios do pobo mapuche en Chile.[3]

Bandeiras huilliches

[editar | editar a fonte]
Bandeira do Consello Xeral de Caciques de Chiloé.

No territorio do arquipélago de Chiloé e na provincia de Osorno, as distintas asociacións de comunidades huilliches empregan unha serie de bandeiras distintivas que se diferencian das utilizadas polo pobo mapuche noutros lugares de Chile. Entre estas cóntanse:[17]

  • Consello Xeral de Caciques de Chiloé: Está dividida en tres franxas horizontais: a superior é azul, a intermedia marrón e a inferior verde. Na esquina superior esquerda inclúese unha estrela amarela de oito puntas.
  • Federación de Comunidades Huilliche de Chiloé: Está dividida en catro franxas horizontais: a superior é azul, a seguinte é amarela, síguelle unha franxa marrón e a inferior é verde. Na esquina superior esquerda inclúese unha estrela amarela de oito puntas.
  • Asociación Indíxena Urbana “José Antonio Huenteo Raín”: Está dividida en tres franxas horizontais: a superior é azul, a intermedia marrón e a inferior verde. No medio da bandeira inclúese unha estrela amarela de sete puntas que cobre parcialmente as tres franxas.
  • Xunta Xeral de Caciques da Fütawillimapu: Esta organización baseada na provincia de Osorno adoptou unha bandeira divida en dúas bandas horizontais, e que recibe o nome de Müpütuwe Ünen Triwe. A metade superior é azul, e inclúe unha representación da Lúa e do Sol. A metade inferior é marrón, e entre medio de ambas franxas inclúese a árbore de loureiro (triwe) acompañado dunha chama de lume na raíz.[18]

Bandeira mapuche-tehuelche

[editar | editar a fonte]
Bandeira do pobo mapuche-tehuelche.

Foi creada en 1987 por Julio Antieco, quen empezou as xestións con comunidades mapuches para confeccionar unha bandeira que representase ao pobo mapuche-tehuelche.

O 3 de agosto de 1991, na Primeira Reunión Provincial de Caciques e Comunidades Aborixes, realizada en Trevelin, expresou a intención de crear un símbolo común. Por medio da lei 4072, publicada o 5 de abril de 1995, a provincia de Chubut recoñeceuna como «símbolo e emblema das Comunidades Aborixes da Provincia».[19] A bandeira leva as cores amarela, branca a azul, e unha punta de frecha.

A bandeira é oficial por parte do Ministerio de Educación Arxentino, o cal permitiu o seu izado en escolas da rexión e en eventos importantes para o pobo mapuche-tehuelche.

As cores da bandeira representan:

  • Amarelo: o Sol.
  • Azul: o ceo.
  • Branco: cor do cabalo sagrado na rogativa.
  • Frecha: simboliza a guerra, e cando o pobo mapuche-tehuelche recupere a súa dignidade como pobo orixinario e non estea en guerra, eliminarase a frecha.
  1. 1 2 3 4 Loncon Antileo, Elisa (2011). "Campaña promueve uso de banderas de pueblos originarios: Sepa qué significan - ¿Qué significan las banderas de los pueblos? - Mapuche Wenufoye". El Ciudadano (www.elciudadano.cl). Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2011. Consultado o 30 de outubro de 2011.
  2. Subsecretaría de Turismo de Neuquén (s/d). "Bandera mapuche". www.neuquentur.gob.ar. Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2010. Consultado o 18 de xuño de 2010.
  3. 1 2 Calbucura, Jorge (s/d). "Banderas mapuches" (PDF). www.archivochile.com. Consultado o 18 de xuño de 2010.
  4. Famin, Stanislas-Marie-César (1839). "Los Araucanos". Historia de Chile. Barcelona: Impr. del Guardia Nacional. p. 14. El estandarte de los Araucanos es una estrella blanca en campo azul
  5. Rosen Murúa, Marcela (2007). "Del origen: Se cumplen 450 años de la muerte del líder mapuche Leftraro o Lautaro" (JPG). Revista Escáner Cultural (revista.escaner.cl) 9 (92): 77. Consultado o 14 de xaneiro de 2011.
  6. Martins, António (19 de setembro de 2009). "Flags of the World - Mapuche historical flags (Chile and Argentina)" (HTML) (en inglés). www.fotw.net. Consultado o 14 de xaneiro de 2011.
  7. Manzo G., Rodolfo. "Introducción". Los verdaderos emblemas de la República de Chile: 1810-2010. p. 5. Arquivado dende o orixinal o 23 de marzo de 2013. Consultado o 23 de abril de 2012. Lo peculiar es una estrella [...], la wünelfe. La connotación de este emblema [...] es notable, pues representa al país. Chile está reflejado; es una "estrella de plata", "la estrella de Arauco", "la estrella solitaria", no hay dobles interpretaciones de lo que representa la estrella
  8. 1 2 Soublette Asmussen, Gastón (1984). La estrella de Chile. Valparaíso: Ediciones Universitarias de Valparaíso. Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2009. Consultado o 05 de xullo de 2021.
  9. Huenchumil, Paula (27 de outubro de 2019). "El protagonismo de la bandera mapuche en la gran marcha, un símbolo político de las protestas". Interferencia. Consultado o 30 de outubro de 2019.
  10. "Wallmapuwen". www.wallmapuwen.cl. s/d. Arquivado dende o orixinal (HTM) o 14 de setembro de 2010. Consultado o 18 de xuño de 2010.
  11. Ministerio de Planificación y Cooperación (28 de outubro de 2011). Establece normas sobre protección, fomento y desarrollo de los indígenas, y crea la Corporación nacional de desarrollo indígena.
  12. Ulloa, Gabriela (7 de novembro de 2011). "La Araucanía: Bandera mapuche será izada en Padre Las Casas en fechas significativas". Radio Bío Bío. Consultado o 29 de decembro de 2012.
  13. I. Municipalidad de Coyhaique (7 de decembro de 2012). "Alcalde Alejandro Huala y su concejo realizan la primera sesión en el cine municipal con emotiva ceremonia". Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2016. Consultado o 29 de decembro de 2012.
  14. Contraloría General de la República. "Dictamen 22247". Consultado o 29 de xuño de 2016.
  15. "Campaña promueve uso de banderas de pueblos originarios: Sepa qué significan". www.elciudadano.cl. 6 de setembro de 2011. Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2011. Consultado o 29 de xuño de 2016.
  16. "Aucán Huilcamán pedirá a Contraloría prohibir el uso de la bandera mapuche de su autoría". El Austral de Temuco. 2017. Consultado o 29 de outubro de 2017.
  17. Fuentealba, Terraza y Martínez (agosto de 2006). "Expresiones de Identidad Huilliche en el contexto de tres organizaciones de Chiloé actual." (PDF). Tesis para optar al grado de Licenciada/o en Antropología Social, Universidad Academia de Humanismo Cristiano: 127. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de setembro de 2016. Consultado o 22 de setembro de 2016.
  18. "1° de enero de 1932: Williche levantaron bandera propia como emblema del País y Estado Mapunche".
  19. Zamudio, Teodora (11 de maio de 2008). "Derecho de los Pueblos Indígenas - Chubut - Ley 4072. Bandera.". www.indigenas.bioetica.org. Arquivado dende o orixinal (HTM) o 30 de xuño de 2012. Consultado o 31 de outubro de 2011.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]