Bandeira LGTB

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
A versión de seis cores da bandeira do orgullo LGTB é a versión máis usada actualmente. A versión orixinal de 1978 tiña dúas bandas adicionais: rosado e turquesa.

A bandeira LGTB ou bandeira do arco da vella —ás veces denominada bandeira da liberdade— é unha bandeira multicor que foi utilizada como símbolo do orgullo gai e lésbico dende fins dos anos 1970. As diferentes cores simbolizan a diversidade na comunidade LGTB e as súas cores son utilizados a miúdo en marchas por reclamos. Aínda que naceu en California, actualmente é utilizada en todo o mundo.

A bandeira do arco da vella foi popularizada en 1978 como símbolo do orgullo gai polo seu creador, Gilbert Baker, artista nado en Kansas.[1] A versión actual consiste en seis franxas de cores vermella, laranxa, amarela, verde, azul e violeta, que reproducen a orde das cores do contrasol.

Historia[editar | editar a fonte]

 Gay Pride Flag.svgBandeira LGTB actual seis franxas (desde 1979)

Gay flag 7.svg de sete franxas (1978–1979)

Gay flag 8.svgde oito franxas (1978)

Había bandeiras semellantes nos Estados Unidos nos primeiros anos da década de 1970, usadas como símbolo de unidade internacional de toda a xente do planeta, porén, a finais desa década, a relación popular desas cores co orgullo LGTB comezou a dominar. A bandeira orixinal foi deseñada por Gilbert Baker. Ondulou por vez primeira no Festival do orgullo de San Francisco, o 25 de xuño de 1978. Disque Baker inspirouse na canción «Over the Rainbow», interpretada por Judy Garland.[2] Consistía de oito cores, cada unha cos seus significados:

Rosa: sexualidade
Vermello: vida
Laranxa: saúde
Amarelo: luz do Sol
Verde: natureza
Turquesa: maxia/arte
Anil/azul: serenidade
Violeta: espírito
Bandeira do arco da vella na semana Queer Easter de Gemeinde Werneuchen (Alemaña, 16 de abril de 2005).

Despois do 27 de novembro de 1978, tras o asasinato de Harvey Milk, Membro da Xunta de Supervisores de San Francisco, a demanda da bandeira do arco da vella acrecentouse. Para fomentar a demanda, a Paramount Flag Company comezou a vender unha nova versión da bandeira, de sete cores, en detrimento da cor rosa. Baker adheriuse á nova bandeira debido á pouca ou nula dispoñibilidade de fábricas que utilizasen a cor faltante.

En 1979, a bandeira foi modificada de novo. Cando as bandeiras eran instaladas nos postes de luz de San Francisco, as cores centrais camuflábanse cos mesmos postes. Desa forma, a mellor maneira de solucionar ese problema era reducindo a cantidade de cores da bandeira. Desta forma, formouse o deseño actual de seis franxas.

Durante os anos 1980, medrou a popularidade da bandeira a nivel nacional nos Estados Unidos e posteriormente foi facendo aparicións no ámbito internacional.

En 2003, no vixésimo quinto aniversario da súa creación, o seu creador, Gilbert Baker, tentou volver popularizar a bandeira de oito franxas orixinal, sen demasiado éxito, xa que a maioría da comunidade LGTB inclinouse pola máis coñecida bandeira de seis franxas.

O 14 de xuño de 2004, uns activistas gais viaxaron a unhas deshabitadas illas australianas nos mares de coral e izaron a bandeira LGTB, proclamando ese territorio libre de Australia.

Hoxe moitos LGTB, así como defensores dos dereitos LGTB, utilizan a bandeira nas portas das súas casas, locais, vehículos, así como en pulseiras ou calcomanías coas cores do arco da vella como unha maneira de exteriorizar o seu apoio ao colectivo LGTB.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]