Banda de gaitas galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Bandas de gaitas galegas»)
Banda de gaitas galega
Banda de gaitas Ximiela
Orixe culturalGalicia Galicia
Instrumentos típicosGaita galega
Tambor
Caixa
Pandeireta
Bombo

Unha banda de gaitas galega é unha agrupación musical composta por gaitas galegas e instrumentos de percusión. Adoita empregar o traxe tradicional galego e actuar tanto en formación estática como desfilando.

Orixe[editar | editar a fonte]

A gaita galega foi tradicionalmente un instrumento solista debido á súa fabricación artesá. O feito de que cada instrumento fose manufacturado por un luthier distinto, con diferentes tonalidades e timbres, e que cada gaiteiro procurase o seu propio son manipulando o punteiro e fabricando as súas propias palletas, facía moi difícil harmonizar varias gaitas. Por este motivo, non foi até a década de 1920 cando os avances na organoloxía permitiron a aparición dos cuartetos tradicionais, primeiros conxuntos nos que tocaron xuntas varias gaitas.[1]

As bandas de gaitas galegas apareceron no último terzo do século XX, como consecuencia natural da creación das primeiras escolas de gaiteiros, pois estas agrupacións musicais permitían ao alumnado tocar e aprender en conxunto. Deste xeito naceron por exemplo, a banda da Escola de gaitas de Ortigueira, a banda Xarabal[2] do Obradoiro-Escola da Universidade Popular de Vigo, ou a Banda da Deputación de Ourense, creada a partir da Escola Provincial de Gaitas.

Bandas marciais[editar | editar a fonte]

Actuación da banda da Escola de Gaitas de Ortigueira

Nesta época de auxe da gaita, a música tradicional galega internacionalizouse, e os seus músicos comezaron a acudir a festivais europeos como o Intercéltico de Lorient. Unha das primeiras bandas galegas que acudiu a este evento foi a Banda da Deputación de Ourense. Influído polo festival, o seu director Xosé Lois Foxo, introduciu na súa formación unha serie de modificacións copiadas das bandas militares escocesas.[3] Creou un novo modelo de gaita, a gaita marcial, mudou a vestimenta, a percusión e o xeito de tocar e desfilar. Estes cambios artificiais, alleos á tradición galega, provocaron o rexeitamento dunha parte dos músicos tradicionais e deron inicio a unha aceda polémica coñecida como guerra das gaitas[4][5].

A resultas do conflito Foxo foi expulsado da Asociación de Gaiteiros Galegos, creando unha organización paralela chamada Asociación Galega de Bandas de Gaitas[6]. Esta asociación convoca desde comezos dos anos noventa a Liga Galega de Bandas de gaitas,[7] un evento anual, similar aos concursos de gaitas escoceses, no que participan maioritariamente bandas marciais.[8]

O modelo "escocés" de banda, proposto por Foxo, estendeuse rapidamente polo país axudado polo financiamento das institucións galegas ligadas ao Partido Popular. En contrapartida, as formacións marciais de gaiteiros foron utilizadas con fins políticos, por exemplo nas cerimonias de toma de posesión de Manuel Fraga como presidente da Xunta,[9] nas que se chegaron a xuntar 5000 gaiteiros na praza do Obradoiro.[10]

As mudanzas políticas nas institucións fixeron que se foran reducindo as subvencións públicas[11], o que motivou que o fenómeno das bandas marciais fose esmorecendo,[12] pasando de 150 agrupacións nos anos 1993-94 a só unhas 20 no 2015.[13] O ocaso do modelo certificouse no ano 2019, ano de Galiza no festival de Lorient, cando a delegación galega vetou explicitamente as bandas marciais[14] optando por convidar ás "tradicionais" bandas de Forcarei e Invernía.[15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carpintero Arias, Pablo. "Testemuños". seivane.es. Consultado o 2021-05-21. 
  2. "Banda de Gaitas Xarabal – Páxina oficial da Banda de gaitas Xarabal". www.xarabal.org. Consultado o 2021-06-28. 
  3. A gaita galega III. Naqueles tempos 13 - TVG (TVG). 2016. p. 57m.15s. 
  4. "Obxectivos". Colectivo en defensa da gaita (CDG). Consultado o 2021-06-23. 
  5. Asociación de Gaiteiros Galegos (1995). "As letras da memoria: "A guerra das gaitas... ou as gaitas da guerra?"". Do brillante (1). 
  6. Caneiro, Santiago (12/1995). "A Asociación de Gaiteiros Galegos e as memorias dun conflito" (PDF). Cadernos A Nosa Terra (20). 
  7. "Liga de Bandas – www.casagalega.com" (en castelán). Consultado o 2021-07-07. 
  8. "Análise 2". Colectivo en defensa da gaita (CDG). Consultado o 2021-07-08. 
  9. A gaita galega III. Naqueles tempos 13 - TVG (TVG). 2016. p. 52m.48s. 
  10. ""Gaiteirada" no Obradoiro tras a toma de posesión de Manuel Fraga como presidente da Xunta no 2001". CRTVG - pasouoquepasou - Arquivo en liña. 2013-07-23. Consultado o 2021-07-07. 
  11. "La Asociación de Gaiteiros Galegos apoya a la Diputación en su negativa a ayudar a las escuelas de gaitas". Faro de Vigo (en castelán). 2015-09-15. Consultado o 2021-07-07. 
  12. Ourense (2018-07-30). "Buscando relevo tras el auge y declive de las bandas de gaitas". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2021-07-07. 
  13. A gaita galega III. Naqueles tempos (Youtube) (TVG). 2016. p. 55m.31s. 
  14. "A delegación galega no Festival de Lorient non admitirá gaitas marciais". Praza Pública. 2018-08-30. Consultado o 2021-07-07. 
  15. "As bandas de gaitas de Forcarei e Invernía actúan en Lorient". www.crtvg.es. Consultado o 2021-07-07. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]